Non se fagan
ilusións: cando isto escribo (xoves 26), non teño ningunha boa nova que
ofrecerlles, nin de Cataluña nin dos incendios; a este respecto, máis ben todas
son malas. O único que se me ocorre é unha reflexión: metemos a un paisano no cárcere polo incendio
imprudente dunha hectárea de monte, e mentres, ós que decidiron incendiar todo
o país desde Cataluña mantémoslle soldo, coche oficial e escolta. Alguén pode
explicar isto? Eu non.
Penso, xa
que logo, en escribir algo en positivo. Así que me poño a revisar apuntes das
últimas semanas, e, aínda que poucas, algunhas cousas eloxiables atopo. Talvez a máis importante, a relacionada cun
problema medioambiental global que xa vén de lonxe: o burato de ozono.
O problema evidenciouse
a principios dos setenta, cando se detectou un anormal adelgazamento da chamada
capa de ozono (O3), unha barreira protectora formada por moléculas
desta substancia alótropa do osíxeno, causante da absorción na estratosfera de máis
do 90% da radiación solar ultravioleta de alta frecuencia, capaz de producir un
enorme incremento nas taxas de cancro de pel en humanos e animais, mentres
deixa pasar a de baixa, fundamental para
a fotosíntese. As reaccións fotoquímicas de síntese e descomposición do O3
que se dan na estratosfera deben manter un equilibrio moi delicado, e nos
setenta constatouse que tal equilibrio se rachara, ó detectar un importante
incremento da radiación ultravioleta que chegaba á Terra, sobre todo no
hemisferio Sur. E foron dous químicos de California, Molina e Rowland, os que
descubriron que a causa principal do problema estaba no uso masivo dos gases
clorofluorocarbonados (CFC), utilizados daquela en aerosois e refrixerantes.
Tales compostos, unha vez liberados na atmosfera, producen radicais cloro na
estratosfera, que son os que eliminan o ozono, transformándoo en osíxeno
molecular (O2) e privándonos de paso deste beneficioso e natural
escudo protector. Por ese traballo recibiron os citados químicos o premio Nobel
en 1995. O descubrimento mobilizou á comunidade internacional nos anos oitenta,
asustada ó ver como o burato de ozono continuaba medrando. Así, en 1985, 197
estados asinaron o Convenio de Viena para a protección da capa de ozono. Ó seu
abeiro confeccionouse o Protocolo de
Montreal de 1987, documento no que se establecían os prazos de redución e
eliminación dos CFC e dalgunhas outras substancias (caso dos HCFC) que se
descubriron prexudiciais para a capa de ozono.
Hai
aproximadamente un mes, en Bogotá, Megumi Seki, do secretariado da ONU para o
tema do ozono, anunciou que o burato sobre a Antártida rexistrara este ano o
menor tamaño desde 1988, o que se considerou un gran éxito da política
medioambiental global, aínda que tamén avisou que non se pode baixar a garda,
xa que aparecen novos desafíos.
O Protocolo
de Montreal é utilizado en numerosas ocasións como exemplo do que pode lograr a
comunidade internacional cando actúa unida. Os grandes problemas da humanidade
son agora globais, e as solucións tamén. Para eles non existen fronteiras. Por
iso non pode causar máis ca unha inmensa pena ver a todos eses cataláns emperrados, en pleno
século XXI, en levantar unha fronteira onde ata agora non a había; e como, cegos por lograr ese fin, non
reparan nos inmensos danos que tal conduta
vai traer, para os cataláns mesmos e para o resto dos españois.
Os independentistas cataláns ignoran unha advertencia
central que fixera o gran Keynes: non basta con prometer algo teoricamente
mellor có que temos, a mellora debe compensar os males que inevitablemente
traerá a transición ata o estado prometido.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 29 de outubro do 2017.
No hay comentarios:
Publicar un comentario