O endiañado
panorama político español pode ser unha das causas do abandono de algúns dos
meus temas favoritos: a historia, a onomástica, a haxioloxía... Ata un
amigo, e non obstante lector fiel dos meus artigos, me lembrou que levaba tempo sen escribir de San
Clodio. Así que, se mo permiten, retomarei este domingo esas temáticas tan
queridas, non sexa que os acontecementos me obriguen a deixalas de novo. E
fareino escribindo sobre unha devoción pouco coñecida: a de Nosa Señora da Ó,
cuxa festividade celebra a igrexa tal día coma mañá, 18 de decembro.
Preguntaranse
vostedes de onde vén o meu interese por esta singular advocación da Virxe María,
e direilles que da lectura dun vello documento. Ata ese momento confeso que a única
María de la O que coñecía era a da copla, a que fala daquela xitana “tan
desgraciaita” “teniéndolo tó”... Por iso, cando lin nese documento, de 1565,
que miles de romeiros baixaban a San Clodio ós días 17 e 18 á “romeria e fiesta
de Nuestra Señora de la O ”,
non podía crelo, ata que unha amiga experta en paleografía me confirmou que, en
efecto, iso era o que poñía.
O documento,
que se atopa no Arquivo do Reino de Galicia, recolle unha querela criminal dos
veciños e partido “del Monasterio de San Clodio del Rribero Dabia” –atentos eses
deturpadores de nomes que, por ignorancia e/ou mala fe, insisten en chamarlle “Mosteiro
de San Clodio de Leiro”- contra os maiordomos dos condes de Ribadavia nas súas
terras do Couto de Anllo, do Chao de Amoeiro (non dos Chaos de Amoeiro) e da
fortaleza de Roucos, por deter ós romeiros que ían a San Clodio con “muchos
puercos cebados, pan e trigo en grano y paños y zapatos e otras muchas
mercadorias” e obrigalos a facer feira en Anllo, pretendendo cobrarlles alí a
alcabala (tributo sobre as vendas que recadaba o señor xurisdicional) e así prexudicar
a feira do mosteiro... Xa ven como as gastaban os condes de Ribadavia, cuxa
utilización da forza bruta en contra das xurisdicións monacais, especialmente
da de San Clodio, resultou habitual, a pesar das reiteradas sentencias da Real
Audiencia dándolle a razón ós mosteiros.
Pero
volvendo á Nosa Señora da Ó, hai que dicir que é devoción de orixe hispano.
Fora establecida por San Ildefonso de Toledo no século VII co título de Expectación
do Parto da Virxe María, pero pronto pasou a coñecerse co nome de Nosa Señora
da Ó. A razón para o cambio onomástico estaba no tradicional canto nas vésperas
da última semana de Advento (do 17 ó 23 de decembro) das denominadas antífonas
maiores, pregarias que comezan coa exclamación Ó!: de aí o nome.
A
iconografía de Nosa Señora da Ó, que presenta o ventre embarazado da Virxe, non
lle debía de gustar moito á Igrexa da Contrarreforma, e menos á de despois do
dogma da Inmaculada Concepción, proclamado a mediados do século XIX. Foi iso o
que levou a un relativo silencio sobre a antiga devoción e ata á ocultación de
numerosas imaxes de Nosa Señora da Ó. Perdeuse, por exemplo, a que de seguro
había en San Clodio, pero consérvanse algunhas: unha por exemplo na Catedral de
Ourense, que data do século XVI, obra dun mestre de Portugal, país no que esta
Virxe tamén foi moi venerada. Así mesmo, resulta notable que dúas parroquias
galegas manteñan a súa advocación: a de Nosa Señora da Ó, en Muxía, e a de Nosa
Señora da Ó de Mormentelos, en Vilariño de Conso.
Tal día coma hoxe, na época do documento, escoitaríase
en San Clodio o fermosísimo canto gregoriano da primeira antífona maior do
Advento, a “Ó Sapientia”. Traducida, comeza dicindo: “Ó sabedoría, que
brotaches dos beizos do Altísimo”; e remata: “Vén e amósanos o camiño da
prudencia”. Que falta nos vai facer non apartarnos del...
Artigo publicado no diario La Región o domingo 17 de dembro do 2017.
No hay comentarios:
Publicar un comentario