sábado, 23 de diciembre de 2017

Londres


A pesar do moito que me custa saír da casa, pasei uns días en Londres. E debo recoñecer que hai detalles importantes dos países e das cidades que se aprecian mellor desde a realidade presencial dunha viaxe ca desde a visita virtual a través dos libros e dos documentais. Pero advertindo que tamén considero obvia a validez da afirmación contraria.
Londres talvez sexa unha das cidades con máis atractivos turísticos do mundo, pero o que quero contarlles nada ten que ver con iso, senón con dúas observacións aparentemente independentes que chamaron a miña atención: unha relacionada cos ciclistas e outra cos vellos.
Observei o primeiro grupo de ciclistas o mesmo día no que cheguei a Londres, cando me dispoñía a cruzar un paso de peóns. Serían uns vinte, entre homes e mulleres, todos vestidos con roupa deportiva e con mochila ás costas. Pensei que sería un grupo de amigos practicando deporte, porque pasaron a unha velocidade considerable: o único que non me cadraba era que uns levaban bicicletas de paseo, outros de carreiras e outros as típicas de aluguer, co distintivo do Banco de Santander. Pero claro, ó pouco pasou outro pelotón con outros vinte ou trinta ciclistas, e logo  outro, e logo outro... E así, ía vendo o mesmo por calquera rúa que pasaba. Preguntei e resultaron ser mozos que, masivamente, se desprazaban ó traballo por este medio; logo, ó  chegar á empresa dábanse unha ducha e poñían a roupa de traballo que levaban nas mochilas. Deste xeito, realízanse en Londres arredor duns 700.000 desprazamentos diarios, estando próxima a 1 a relación entre coches e bicicletas que circulan polo centro da cidade, e sendo probable que, en breve, as bicicletas superen ós coches. E un podería pensar que os mozos se moven deste xeito por motivos ecoloxistas ou de práctica deportiva, pero nada diso. En xeral, fano porque o transporte público é caro (uns 180 euros ó mes, vivindo no centro), e os soldos da maioría son baixos con respecto ó elevado custo da vida. Encima, resulta sumamente perigoso moverse en bicicleta por Londres: asusta ver as filigranas que van facendo os ciclistas por entre os coches, os voluminosos autobuses de dous pisos –as bicis utilizan habitualmente o mesmo carril dos buses- e os peóns, co agravante de que as horas de maior tráfico adoitan coincidir coas de máis baixa visibilidade. A estatística di que en Londres morren uns dez ciclistas por atropelo cada ano, e que ademais son varios os centos de feridos.
A segunda apreciación, como dixen, ten que ver cos vellos. Porque apenas vin vellos. Ata o punto que pode ser tan difícil atopar un vello en Londres coma un mozo en Galicia. As estatísticas afirman que só hai un maior de 65 anos por cada dez habitantes (en Galicia hai catro), pero nin eses poucos se ven, porque a maioría non reside na cidade. Como propietarios maioritarios das vivendas, arréndanllas ós mozos a prezos astronómicos: un apartamento de dúas habitacións custa por encima dos 2000 euros ó mes. E cos cartos dos arrendos, sumados ós das pensións, vanse  os maiores a vivir a corpo de rei a calquera outro pais máis barato. A cal? Pois por exemplo a España, onde se estima que residen de xeito case continuado medio millón de británicos, trescentos mil deles con casa en propiedade.
Corolario: o abuso e a explotación da xente moza non se dá só en España; é global e actúa por múltiples vías, entre as que non son de importancia menor as que favorecen ós maiores adiñeirados: que son moitos máis dos que se pensa. 

Artigo publicado no diario La Región o domingo 5 de novembro do 2017.

No hay comentarios: