Na toma das
rúas de Cataluña fíxome na abundante presenza de estudantes, dos que bastantes semellan
ser aínda alumnos de instituto. Tamén no
perfil dos adultos, entre os que parece sobresaír o das persoas con estudos e de
clase media. Todo isto conferiríalle certo plus de credibilidade ás demandas do
independentismo, pois parecería quedar eliminada a posibilidade de que se trate
de multitudes manipuladas; mentres, axudaría a difundir a crenza de que os fins
pretendidos serían o froito dunha reflexión libre, meditada e desapaixonada.
Pero claro,
as cousas poucas veces son o que parecen. Para comezar quero recordar algo que
escribiu o gran intelectual George Steiner arredor da cultura: «Críamos que a
educación aseguraría unha permanente mellora na calidade de vida e que onde florecía
a cultura a barbarie só era un pesadelo do pasado. Hoxe sabemos que non é
así... Porque as bibliotecas, museos, teatros e universidades prosperaron nas
proximidades dos campos de concentración.». Por tanto, nin sequera unha
educación exquisita nos vacina contra a barbarie, debendo estar sempre
vixiantes.
Analicemos
agora a cultura dos mobilizados. Dos rapaces, pola miña profesión, creo coñecer
bastante ben como son a esas idades. Adoitan ser francos e honestos, pero tamén
inocentes e arroutados. Senten, ademais, unha gran necesidade de admirar e de mitificar: a un profesor, a un actor, a
un deportista, a un equipo de fútbol, a un ideal político ou relixioso, ... Por
iso adoitan ser carne de canón para os adoutrinadores, que saben o fácil que
resulta atraelos a unha causa e, sobre todo, sacalos á rúa. Con respecto ós
adultos, coido que, aparte doutras razóns, existe agora unha común “ilusión de
saber” e de sentirse “cheos de razón”. Moita xente, por ter estudado algo e
dispor de abundante información ó seu alcance, pensa que xa pode opinar con
fundamento sobre calquera cousa, esquecendo que o mundo é complexo e que as
opinións fundadas precisan dun esforzado estudo e de certo coñecemento da
materia de que se trate. Desde logo, o que non basta é a lectura apurada dos
twits e dos guasaps que nos mandan os amigos e a visión das fotos e vídeos
adxuntos, que é o que agora se practica, sen cavilar en que son as redes o
principal instrumento de manipulación
social.
En suma,
contra o que podería parecer, o que estamos é diante dunha enorme ignorancia
política, dominada pola opinión irreflexiva manifestada de forma radical, sen
termos medios: “me gusta/ no me gusta”. Hai, polo tanto, unha perigosa preponderancia
do visceral e un abandono da razón. Entramos así no marco preferido polo populismo,
un dos maiores inimigos da democracia representativa: «un perigo que ameaza con
destruír a propia democracia», en palabras de Pierre Bordieu. E nesas estamos
en Cataluña, coa CUP (8,2% dos votos) marcando o paso.
Na miña
función docente sempre trato de aclarar que non tódolos coñecementos teñen a
mesma categoría: a lei de Ohm, con ser moi importante, non se pode comparar
coas leis de Newton, que son principios fundamentais da Física Clásica. E iso
que ocorre coa estrutura da Física ocorre coa de calquera outra materia,
incluída a de estrutura do Estado, onde tamén hai leis e principios de
categorías diferentes. Entre as leis, a primeira é a Constitución, e entre os
principios, o primeiro é o de legalidade. A fortaleza desa lei e dese principio
e a necesidade da súa defensa por parte do Estado resultan indiscutibles.
O que sorprende –talvez non tanto- é descubrir a
cantidade de políticos, galegos incluídos, que estarían dispostos a deixar
pisar tales principios e a permitir o afundimento do Estado con tal de conseguir
os seus obxectivos.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 8 de outubro do 2017.
No hay comentarios:
Publicar un comentario