Gústame o
relato memorístico do pasado, pero non confío nel como fonte da historia. Prefiro as probas documentais,
porque a memoria adoita resultar fráxil e enganosa, incluso cando o relator
pretende ser verídico. Neste senso, sempre estou atento á sección de hemeroteca
dos diarios, que me permite contrastar as realidades de hai vinte e cinco,
cincuenta ou cen anos, coas ideas, case sempre distorsionadas, que a xente se
vai formando sobre as mesmas.
Como sabe
todo o mundo, estase a celebrar o vinte e cinco aniversario dun ano emblemático
da historia recente de España: 1992. Un ano que ós máis novos lles parecerá
remoto e ós que xa non o somos parécenos que foi noutronte. Foi o ano das
Olimpiadas de Barcelona, da Expo de Sevilla, do V Centenario, do segundo Tour
de Indurain, da primeira Copa de Europa do Barça ... Talvez o ano no que o
optimismo patrio acadou o seu máximo histórico. Parecía que, por fin, España
alcanzaba á modernidade democrática e social propia dos países europeos máis
avanzados, coas vantaxes engadidas de desfrutar dun clima mellor e dunha
superior alegría no xeito de vivir. Logo todo aquilo resultou ser un efémero
soño de verán, pero aínda así 1992 segue considerándose un ano de referencia.
Como
recordaran, o pasado domingo 27 de agosto caía unha gran treboada con sarabia no
Carballiño e no Ribeiro, e ese mesmo día no “Hai 25 anos” deste periódico
lembrábase como, en idéntica data do 92, un grupo de viticultores do Ribeiro
increparan a Fraga e a Baltar no Carballiño, aproveitando a súa presenza na inauguración dunha fábrica
de madeira. O que non recollía a noticia era que unha das razóns da protesta
dos viticultores fora a falta de axudas por outro gran pedrazo que caera xusto
o domingo 17 de maio daquel ano 92, con especial incidencia na parroquia de San
Clodio e en parte do concello de Cenlle, lugares onde se perdera o total da
colleita. Lembro moi ben aquela treboada, porque a vivira e porque participara
na posterior redacción das declaracións de perdas dos afectados de San Clodio.
Logo viaxei a Santiago en compañía do daquela alcalde de Leiro, Abelardo
Reinoso, para facerlle entrega das declaracións de danos e da correspondente
solicitude de axudas ó entonces Conselleiro de Agricultura, Tomás Pérez Vidal.
Tamén debo dicir que as axudas concedidas foran nulas, e que o único resultado
de todos aqueles tramites fora o asfaltado dunha pista.
Pero esa
azarosa coincidencia dos dous pedrazos empuxoume a botarlle unha ollada ás
copias daquela toda documentación que aínda conservo. E vin como na parroquia
de San Clodio os danos afectaran á 32 Ha e a 55 viticultores. Pasados 25 anos,
comprobo con pena como as terras de 40 daqueles produtores declarantes están
agora totalmente ermas, e como 31 deles xa pasaron a mellor vida, sen que
ninguén viñese a reemprazalos, nin como veciños nin como viticultores. Na
actualidade cultivaranse na parroquia unhas 15 Ha de viña, que se reparten
entre dúas empresas e tres ou catro colleiteiros xubilados. E coido que a
situación é semellante na maioría das parroquias do Ribeiro de Avia.
En suma, nos
últimos 25 anos, propiciado pola desidia dos sucesivos gobernos, produciuse un feito sen precedentes no Ribeiro
de Avia: a desaparición dos pequenos agricultores, que viñeran traballando
estas incomparables terras, talvez as de máis antigo monocultivo vitivinícola
da Península Ibérica, de forma continuada durante coase mil anos, primeiro como
foreiros e logo como propietarios, e que crearan, ademais, unha das culturas
máis xenuínas de Galicia.
Tratouse
dunha extinción en toda regra, pero os beneficiarios prefiren chamarlle
reconversión do sector. E iso que poucos leron a Orwell.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 17 de setembro do 2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario