sábado, 21 de noviembre de 2015

Soberanía

En setembro do ano pasado escribía nesta mesma columna que o problema catalán tiña tódalas características dun movemento en espiral, unha curva da que non resulta fácil saír cando xa se entra na zona vertixinosa. E en setembro deste ano, antes das eleccións do 27-S, aventuraba que unha declaración secesionista, da que os partidos contrarios non querían nin oír falar, caía dentro dos escenarios posibles. Por desgraza, confirmáronse tódolos prognósticos e agora ninguén sabe moi ben como rematará todo isto. E concluía aquela columna de setembro do 2014: «chegado o caso, non se debe esquecer que todo o que cae dentro da Lei está permitido, incluída a celebración dun referendo consultivo pola vía do art. 92. Non é desexable, porque sería traumático; pero, en última instancia, non se sabe de ninguén que gañase unha batalla finxindo que non había que loitar.». Agora que moitos, incluídos bastantes votantes do PP, ven o referendo como única saída posible deste labirinto, talvez sería conveniente aclarar aquela postura.
  Ortega, a quen algúns consideran anticuado –seguramente porque entenden que o excesivamente claro resulta anticuado-, xa fora á verdadeira raíz do problema, que non é outra cá soberanía. Si, “soberanía”, que nos remite a “soberano” (deriv. de “sobre”) que significa ‘o que está por encima’. E desde Rousseau tal soberanía correspóndelle de xeito lexítimo ó pobo, é dicir, ó conxunto de cidadáns libres e iguais dun Estado; no noso caso ó conxunto de cidadáns do Estado Español, sen posibilidade de partición de acordo coa legalidade. Iso significa que só ese conxunto, en uso da súa soberanía e botando man do seu poder constituínte, podería introducir unha partición do seu poder soberano e o dereito de secesión para certos territorios; é dicir, non nos enganemos: algo inaudito.
  Por iso Ortega lle dixera alto e claro ós cataláns nas cortes da II República: «No nos presentéis vuestro afán en términos de soberanía, porque entonces no nos entenderemos». Pero, entre moitos méritos, un defecto da nosa Transición foi o de non falar claro, o de alimentar esperanzas imposibles. E daqueles barros... Si, podería convocarse un referendo consultivo para os cataláns, pero logo sería preciso realizar outro entre todos os españois para ver se estaban decididos a ceder ás pretensións dos cataláns; e en última instancia, salvados eses dous referendos, habería que abrir un proceso constituínte... Ou é que para que Cataluña se constitúa como Estado débemos renunciar ó noso Estado de Dereito?
  Pero tamén foi gran torpeza argumentar coa ruína de Cataluña en caso de separación. Porque a ruína máis segura sería a do resto de España. Hai que considerar que o noso desenvolvemento durante o século XX foi totalmente asimétrico.  Baste un dato: no ano 1900, Galicia, con algo máis de dous millóns de habitantes, aínda superaba a poboación de Cataluña. Un século máis tarde a poboación de Cataluña triplica a de Galicia, e o PIB, o maior de España, case o cuadriplica... Pero iso non foi debido só ó mérito dos cataláns e á torpeza dos galegos. Parte do desenvolvemento catalán, coma do vasco, ten orixe galego, andaluz, aragonés..., e algúns dos atrasos galegos teñen a súa orixe en Cataluña, no País Vasco, en Madrid. Porque houbo asimétricas distribucións de recursos e importantísimas migracións internas, e de aí a necesaria solidariedade entre territorios, e o inadecuado de levantar calquera tipo de fronteira entre eles. E no caso dunha separación, quen sería o listo que valorase toda esa realidade compartida, económica e histórica? Ou é que pretenden quedarse co mellor solar da herdanza hispana cun  simple Adéu Espanya?...


Artigo publicado no diario La Región o venres 20 de novembro do 2015.

No hay comentarios: