O pasado 17
de marzo cesaba Xesús Alonso Montero como presidente da Real Academia Galega. E
sorprendeume a pouca relevancia que se lle deu á noticia, desde logo moi
inferior á da súa elección no 2013, trala dimisión de Méndez Ferrín, naquel ambiente
de confrontación entre académicos.
As academias
da lingua están todas inspiradas na francesa, que fora promovida en 1635 polo astuto e
malicioso cardeal Richelieu, para moitos o auténtico creador do Estado moderno
centralizado (e dos servizos secretos). Esta academia tiña como fin formal
regular e desenvolver a lingua, pero no que pensaba realmente Richelieu era en
dispor dunha institución controladora e conservadora, capaz de desarmar a
linguaxe perigosa, coñecedor do poder invencible da palabra popular. Para iso
pensou en honrar na nova institución ós escritores, pois sabía das súas ansias
por recibir honores e distincións. Voltaire, que foi membro da francesa, xa
cría que un dos fins principais das academias era o intercambio de discursos
laudatorios entre os académicos. E esa idea da “Laudatio”, por moito que se diga,
segue presidindo o sentido das academias e institucións semellantes. Por todo
iso, aínda respectando o seu significado e valorando os seus traballos, non estou
eu moi atento ós avatares da Academia Galega. Pero, neste caso, interésame a
institución polo home. Por Xesús Alonso Montero, amigo meu e ribeirau coma min.
Resultou
polémica a súa elección no 2013. Non obstante, sabido que os principais
obxectivos da academia son a defensa, o estudo e a promoción da lingua e da
cultura de Galicia, resulta obvio que ningún outro académico da galega podía
presentar no 2013 –tampouco agora- unha folla de servizos comparable á súa. De
feito, o que realmente sorprende é que Alonso Montero non fose elixido antes
presidente da institución. Porque, cando moitos dos seus críticos aínda non
aprenderan as catro regras, e a maioría deles nin sequera dixeran as primeiras
palabras en galego, xa andaba el defendendo a nosa lingua co maxisterio, a
lucidez e a valentía que sempre o caracterizaron.
Eu souben
del hai agora cincuenta anos, por un tío meu que se fixera cun libro daquela prohibido
en España: o agora mítico Galicia Hoy,
impreso na Arxentina e editado por Ruedo
Ibérico en 1966. O libro incluía un atrevido traballo sobre o estado do
galego que Alonso Montero asinaba con nome e apelidos, a diferenza da maioría
dos colaboradores, que preferiran agochar os seus nomes detrás de pseudónimos,
por temor ás represalias do franquismo. E cando iso, xa
levaba o profesor máis dunha década defendendo a causa do idioma.
Pero hai
algúns sectores do nacionalismo –talvez escasos, pero con gran predicamento-
que non aturan a ninguén que se atreva a levantar a bandeira da lingua desde
fóra das súas filas. E moito menos se o atrevido é de esquerdas e ousa criticar
as políticas que defenden. Por iso nunca aturaron a Alonso Montero. Todos
lembramos como se puxeron cando dixo, no contexto dunha moderada crítica a
tódolos partidos en relación co idioma, que o BNG era coma esas nais que queren
moito ós seus nenos, pero tanto os apertan que os abafan. Unha idea que, por
certo, compartimos moitos dos que cremos máis na persuasión ca na férrea
imposición normativa do idioma.
Cumpriu de sobra Alonso Montero co seu cometido, e hai que felicitalo, pero non lle puxeron fácil o mandato. “O noso non é a espada. O noso é a palabra”, repetiu a miúdo. Esqueceuse de algo que xa apuntara o resabido cardeal Richelieu: “as feridas de espada curan facilmente, pero non así as de palabra”. E, dado o caso, non hai palabras que máis firan cás verdadeiras.
Cumpriu de sobra Alonso Montero co seu cometido, e hai que felicitalo, pero non lle puxeron fácil o mandato. “O noso non é a espada. O noso é a palabra”, repetiu a miúdo. Esqueceuse de algo que xa apuntara o resabido cardeal Richelieu: “as feridas de espada curan facilmente, pero non así as de palabra”. E, dado o caso, non hai palabras que máis firan cás verdadeiras.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 2 de abril do 2017
No hay comentarios:
Publicar un comentario