O outro día daba este periódico unha noticia excepcional: os veciños de
Vilavidal, no concello de Ramirás, celebraban os cen anos do nacemento do
lugar. E digo excepcional porque coñecer con exactitude cando se formou un lugar
non é habitual. Pero neste caso consérvase documentación da primeira casa
construída pola familia que lle dá nome ó lugar.
Convén saber que en Galicia a maioría dos núcleos habitados formáronse na
Idade Media, hai arredor de mil anos, en consecuencia raramente se documenta o
seu nacemento. O que si sabemos, grazas ás coleccións diplomáticas de mosteiros
e catedrais, é cando comezaron a documentarse. E un dos xeitos tradicionais de
nomear os núcleos sempre foi a utilización
do nome, persoal ou familiar, do primeiro posesor, é dicir do que fixo a
primeira casa. É o que en toponimia se chaman “antrotopónimos”, topónimos que
reflicten o nome dun antigo dono. Vilavidal, en concreto, podía ser sen problema
un topónimo medieval, o mesmo que o son
Vilamarín, Vilamartín ou Vilamoure, porque Vitalis (>Vidal), foi un
nome latino bastante común na Idade Media, de aí a frecuencia do apelido. Nalgúns
destes topónimos “vila” ou “casa” preceden ó nome do posesor, coma no caso de
Vilavidal, pero na maioría o nome aparece só. E aquí enlazo co remate do meu
artigo do domingo pasado, cando dicía que entre os galegos da Alta Idade Media
puxéranse de moda os nomes dos invasores xermánicos; porque pretendo indicarlles
como identificar bastantes na toponimia.
Comezarei sinalando que os nomes dos suevos eran idénticos ós dos godos e
ós dos demais invasores bárbaros; por iso falo de nomes xermánicos. Tratábase
en xeral de nomes compostos, bitemáticos, sendo xustamente a repetición dalgún
deses temas o que os fai recoñecibles en moitos casos, pois a cada tema final
correspóndelle unha terminación característica do topónimo.
Así, do tema –ricus, de rik ‘poderoso’, veñen os topónimos
rematados en –iz, coma Allariz,
Trasariz ou Gomariz, de posesores de nome Aliaricus, Trasaricus e Gomaricus
respectivamente. Do tema –mirus, de mer ‘famoso’, veñen os rematados en –mir, -mil, coma Ansemil, Castromil ou
Baldemir, de Ansemirus, Vistremirus e Baldemirus. Do tema –ulfus, de wulf ‘lobo’,
os rematados en -ufe, –ulfe, coma Froufe, Arnufe ou Borulfe,
de Fradulfus, Arnulfus e Berulfus. Do
tema –sindus, de swinth ‘fortaleza’, os rematados en –sende, coma Lebosende, Cristosende ou Ardesende, de
Leovesindus, Vistrasindus e Ardesindus.
Do tema mundus, de mund ‘protección’, os rematados en –monde, coma Salamonde, Razamonde ou
Baamonde, de Salamundus, Recemundus e Badamundus. Do tema –arius, de hari ‘exército’,
os rematados en –ar, coma Baltar,
Belesar ou Baldomar, de Baltarius, Belisarius e Baldemarus. Mención aparte
merece un numeroso grupo de antrotopónimos rematados en –as, dun xenitivo en –anis,
coma Godás, Sandiás ou Requiás, de Gudila, Sandila e Requila, este último, por
certo, nome do segundo rei suevo de Galicia.
Cando usaron estes nomes os galegos? Desde o século V ata o XII,
aproximadamente, e chegaron a ser predominantes. Logo foron cedendo polo empuxe
dos nomes dos santos da Igrexa, conforme se ía estendendo a organización
parroquial de Galicia. Pero quedou a pegada toponímica.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 4 de febreiro do 2018.
No hay comentarios:
Publicar un comentario