domingo, 4 de febrero de 2018

A historia


Visitaba estes días a interesante exposición “In Tempore Suevorum”, e acordeime dun ensaio do Padre Feijóo: “Reflexiones sobre la historia”, porque a contemplación do material exposto o que provocou en min, antes de nada, foron reflexións de tipo histórico.
Para comezar, direi que existe unha común confusión entre pasado e historia, cando son cousas bastante diferentes: o pasado constitúeno o conxunto de feitos e circunstancias que sucederon, infinito e inabordable na súa totalidade; mentres, a historia consiste fundamentalmente na elaboración dun relato dese pasado, que será máis ou menos verídico segundo a súa consistencia co subconxunto de feitos comprobados. Por iso hai un pasado único, pero múltiples historias, e bastantes falsas... Por que falsas? Porque a historia que se acaba impoñendo é a dos vencedores, e os vencedores sempre teñen moitas cousas que torcer e que ocultar; sen contar con que á xente o que lle gusta é saber das vitorias, éxitos e virtudes dos seus antepasados, e menos das súas derrotas, fracasos e crimes, que de todo hai. Pero en fin, se queren profundar algo niso lean ó Padre Feijóo.
Dos suevos sabemos tan pouco que ata carecemos dun relato consistente, por iso, en liña co que expoñía, esta exposición sobre o tempo suevo trata máis do pasado ca da historia. Tampouco se pode dicir que interesase moito construír o relato suévico: a historiografía española asignoulle hai tempo ós godos –como vencedores- o carácter fundacional da nación, e con dedicarlle catro liñas ós perdedores -suevos, vándalos e alanos- era suficiente. Pero claro, coa recuperación da diversidade hispana, unha vez finado o monolítico réxime franquista, renaceron historiografías ocultas, recuperáronse vellos documentos, apareceron novos relatos... E a singularidade galega, que é un feito, tense explorado por diversos camiños: o  céltico, o castrexo, o xacobeo... Talvez agora sexa o momento dos suevos.
A min causoume bastante graza ver ás autoridades presumindo de que aquí se constituíra o primeiro reino medieval de Occidente. Porque habería que explicarlles que non se tratou dun reino establecido polos galegos daquela, os “callaeci” que escribía Idacio, senón do instituído por uns invasores que viñeran a asoballar a aqueles galegos. Porque iso eran os suevos: unha forza guerreira que, aproveitando a debilidade crepuscular dun Imperio Romano inmerso na anarquía e nas loitas internas, chegaba disposta a desaloxar á aristocracia romano-galaica, que daquela dominaba o país, co fin de percibir os seus beneficios.
Claro que o eloxio dos invasores triunfantes é algo relativamente común nos relatos históricos. O que xa non é tan común é o que pasou aquí: que pouco despois das invasións, primeiro dos suevos e logo dos godos, os galegos bautizaron maioritariamente ós seus fillos con nomes xermánicos, é dicir, cos nomes dos invasores que os someteran. Basta fixarse na toponimia... Ai!, a historia.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 28 de xaneiro do 2018.

No hay comentarios: