viernes, 15 de julio de 2016

Avión


Avión está de moda. Talvez sexa o concello da provincia de Ourense que máis aparece nos medios de comunicación forasteiros. Agora foi porque concentrou a maior porcentaxe de voto do PP en todo o Estado. Pero outras veces  teno sido por outros motivos: por ter unha das rendas “per capita” máis altas de Galicia; por ter o maior número de oficinas bancarias en relación ó de habitantes; polos vehículos de alta gama que ten matriculados; polas luxosas mansións que adornan cada unha das súas aldeas, e, sobre todo, polas visitas de veraneo que lle fixo un dos homes máis rico do mundo, o mexicano Carlos Slim. E todo isto ten unha explicación: a afortunada emigración a México de moitos dos seus naturais.
Non obstante, coido que hai outro elemento que suma en favor de Avión: o seu propio nome, dada a súa singularidade. A nós, acostumados a oílo, non nos chama a atención; pero a un forasteiro que unha vila se chame Avión debe de causarlle o mesmo asombro cá nós unha que se chamase Aeroplano. E sobre isto quero escribir.
Para comezar, convén saber que, a pesar do que lean, vexan ou escoiten, non existe ningunha poboación concreta que se chame Avión. Avión é o nome do concello, o mesmo que levaba a antiga xurisdicción de señorío dos condes de Ribadavia, que á súa vez o recibira da terra medieval que lle fora concedida por Enrique II a Pedro R. de Sarmiento, Adiantado Maior de Galicia e Señor de Ribadavia, no último cuarto do século XIV. O nomenclátor oficial de Galicia –que non é un exemplo de traballo ben feito- dálle o nome de Avión á parroquia dos Santos Xusto e Pastor, pero historicamente era a parroquia de San Xusto e Pastor de Avión, igual  cá de Abelenda era a de Abelenda de Avión; e dicir, a parroquia de San Xusto non é nin máis nin menos Avión ca calquera outra do concello. No Catastro de Ensenada (1753) lemos que San Xusto constaba de «cuatro lugares: Veresmo, Zendones, Cernadas y San Vicente, y la Iglesia Parroquial está en la parte de arriba del de Cendones». Ó que agora ás veces se lle chama Avión non é máis có Igrexario, o lugar que se formou no século XIX arredor da igrexa parroquial de San Xusto, e que medrou máis cando a capitalidade do concello se estableceu neste lugar, despois de estar en Amiudal e na Abelenda.
Na realidade o nome de Avión é un hidrónimo, o nome dun río; aínda que neste caso se trate máis ben dun regato, porque Avión é un diminutivo de Avia. Agora pode sorprendernos que o sufixo -on teña carácter diminutivo, e non aumentativo; pero hai que entender que Avia e Avión son nomes prelatinos, reliquias das falas que había antes da chegada dos romanos, con desinencias que teñen pouco o nada que ver coas derivadas do latín que agora usamos. A mesma flexión -a/-on aparece noutros hidrónimos ibéricos: Bara/Barón, Sala/Salón, Urbia/Urbión, etc. Non lonxe de aquí atopamos un exemplo que aclara ben o significado destes binomios toponímicos. Trátase de Deza/Dezón, nome o último que evolucionou a Dozón, e que agora lle corresponde ó concello da provincia de Pontevedra que atravesamos os ourensáns cando imos a Lalín ou a Santiago. Dozón dálle nome ó curso alto do Deza, e por extensión ás terras que baña. Pois o mesmo lle sucede a Avión en relación co Avia.  
Polo tanto entre o Avión ‘topónimo’ e o avión ‘aeroplano’ simplemente hai unha relación de homografía. Como non podía ser doutro xeito, porque o último nome ten pouco máis de cen anos de vida e o topónimo pasa dos dous mil… Por certo, sabían que ós cirrios xa lle chamaban avións antes de inventarse os avións?... Que, para que vale saber esas cousas? Pregúntenllo a B. Russell, que escribiu sobre a importancia do coñecemento inútil.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 10 de xullo do 2016

No hay comentarios: