Hai libros que resultan fundamentais para entender a situación do país. “España Estancada. Por qué somos poco eficientes”, de Carlos Sebastián, é un deles. Debería ser lectura obrigada para calquera cargo público, pero xa se sabe da pouca afección dos nosos políticos á lectura.
A tese que defende o autor, catedrático de teoría económica con experiencia na xestión pública e na privada, consiste en que o marco no que se desenvolve a actividade económica en España limita de xeito importante a eficiencia e o emprendemento, o que constitúe a causa principal do estancamento da productividade e da falta de converxencia cos países máis avanzados. Ese marco defectuoso sería consecuencia do progresivo deterioro institucional acaecido desde principios dos noventa, que podería sintetizarse en tres factores: ocupación das institucións por parte dos partidos maioritarios, tinte marcadamente clientelar da acción política e profunda devaluación lexislativa. Todo iso estaría relacionado coa forma de exercer o poder, caracterizada polo principio tácito de que os que obteñen a maioría suficiente de votos están lexitimados para levar a cabo calquera acción sen apenas restriccións. Así se manifesta nos máis diversos ámbitos: frecuente violación da división de poderes, eliminación de mecanismos compensatorios do poder, colonización da Administración Pública polos partidos, connivencia dos gobernos con empresas de múltiples sectores (enerxético, financieiro, construcción, …), etc. Deste xeito, o máis grave do caso español non serían os “malos gobernos” –practicantes de políticas erradas que fracasan nos seus obxectivos- senón o “desgoberno do público”, con políticas que, lonxe dos confesados obxectivos do interese xeral, o que perseguen son beneficios privados, centrados na conservación do poder por parte de certas elites e no trato de favor a grupos determinados de cidadáns e de empresas. É o que se chama o Estado Clientelar, fonte de gran parte da corrupción e freo principal para o establecemento dunha sociedade meritocrática e competitiva.
No libro de Sebastián analízase o caso de España, dentro dun marco bastante semellante ó establecido por F. Fukuyama nos dous volumes da súa última e monumental obra sobre a orixe das institucións políticas e as causas da súa decadencia: “The Origins of Political Order” (2011) e “Political Order and Political Decay” (2014) -os dous volumes acaban de publicarse en castelán-. Fukuyama cre que na orixe de todo orden político ben estruturado está a derrota da tendencia natural nos grupos humanos á preferencia pola familia e polos amigos, e a consecuente separación dos servidores públicos dos seus clans e das súas estirpes para evitar a patrimonialización do poder; e que só un Estado forte, capaz de promover un goberno impersoal e unha administración independente, pode defenderse da presión das elites en favor das súas redes clientelares, evitando así a decadencia política. O estudo de Sebastián demostra, con profusión de datos, ata que punto estamos lonxe de conseguir eses obxectivos en España. Aínda máis, considerando a enorme capacidade de bloqueo que acumulan os beneficiados polo sistema, e un panorama político dominado por unha dereita maiormente antiliberal e por unha esquerda tendente ó adanismo, nin sequera confía en que sexamos capaces de saír algunha vez do círculo vizoso no que nos atopamos…
En fin, se queren coñecer un diagnóstico claro sobre as causas do noso estancamento e de como volvemos caer na “selección inversa” que xa denunciaba Ortega, lean este libro. Pero abstéñanse os depresivos.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 10 de abril do 2016.
No hay comentarios:
Publicar un comentario