A primeira etapa do método científico consiste na observación, o que significa que cando un investigador quere explicar algún fenómeno, o primeiro que fai é observalo con atención e con minuciosidade. Non obstante, sábese desde hai tempo que ocorren fenómenos que non podemos observar, porque non son “visibles”. Aínda así, o home foi capaz de descubrir, producir e analizar tódalas “luces” que existen máis alá do visible no espectro electromagnético, desde as microondas ata os raios gamma. E con iso considerábase que tódolos fenómenos poderían ser dun ou doutro xeito observados, e talvez explicados. Pero pecouse de optimismo, porque, ó pouco, novas evidencias fixeron que nos decatásemos da enorme magnitude do que aínda se ignora por permanecer no estado de inobservable. Un exemplo atopámolo na compresión da evolución do Universo.
Xa en 1933 Fritz Zwicky, tratando de explicar as velocidades orbitais das galaxias nos cúmulos, propuxo a existencia dunha “masa invisible”, porque a dos obxectos celestes visibles resultaba insuficiente para explicar tales efectos. Máis tarde, en 1974, a existencia desa “masa invisible”, chamada agora “materia escura”, foi confirmada pola astrónoma Vera Rubin, cando precisou dela para explicar por que a rotación das estrelas que orbitan arredor dos buratos negros que hai no centro das galaxias espirais coma a nosa sucede á mesma velocidade, con independencia da distancia á que se atopen do centro. Deste xeito, hoxe ninguén dubida da existencia no Universo dunha “materia escura”, evidenciada polos seus efectos gravitatorios, aínda que non poida ser detectada directamente cos medios técnicos actuais. Ademais, a confirmación en 1988 de que a expansión do Universo ocorre de forma acelerada, levou á consideración da existencia dunha “enerxía escura” que inunda o Universo e cuxa natureza tampouco se coñece con seguridade. As últimas medicións indican que do total de masa-enerxía do Universo, un 70% estaría en forma de enerxía escura, un 25% como materia escura e só un 5% sería materia ordinaria, a única que podemos ver. Esto pode darnos unha medida da nosa ignorancia. Newton dixera no século XVII que o que se sabía era unha gota e o que se ignoraba un océano; desde entón tense avanzado moito, pero aínda é máis o que se ignora.
Pode vir ó caso todo isto porque a miúdo comprobamos como tamén na sociedade abunda a “materia escura”. Aparentemente, no mundo globalizado e internetizado, toda a información imaxinable e máis está á disposición de calquera cidadán a través dun simple “clic” no seu ordenador. A realidade está lonxe desa suposición, como se vé cando aparecen filtracións coma a recente dos “Papeis de Panamá”, ou outras anteriores coma a de WikiLeaks, a da lista Falciani, a dos papeis de Bárcenas, etcétera, etcétera. A verdade é que, en cada momento, apenas sabemos o que se deixa que saibamos, e case sempre ignoramos o que interesa que ignoremos. Poderíamos dicir, botando man da terminoloxía de G. Lucas na saga de “Star Wars”, que os grandes poderes, as grandes forzas e os seus aliados, hai tempo que pasaron a operar desde o “lado escuro”... Baixo a luz, intensa e ata cegadora por momentos, só quedamos o común dos cidadáns, coas nosas traxedias, cos nosos divertimentos e cunha forza cada vez máis limitada…
Pero, é posible transparentar as accións dos militantes no “lado escuro” para volvelos vulnerables á luz? Non é fácil, pero tampouco é imposible: sempre hai “efectos gravitatorios” que os delatan… Non obstante, un “Retorno do Jedi” tampouco parece probable.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 17 de abril do 2016.
No hay comentarios:
Publicar un comentario