Entre todos os autores ourensáns hai dous ós que considero máis próximos, trátase de Albino Núñez e do P. Feijoo. O primeiro era gran admirador do segundo e nos anos sesenta dedicoulle unha serie de artigos periodísticos de notable mérito. Dicía por alí don Albino que o P. Feijoo tivera poucos amigos en vida, e poucos despois de morto, porque para selo precisábase unha mentalidade crítica, racional e científica que poucas veces se daba en España. E parece moi certo iso. Pero o importante non é ter moitos amigos, circunstancia sumamente rara, senón que sexan verdadeiros. E nese senso o P. Feijoo tivo e ten dos mellores: Que amigo o lector!, exclamaba Zola; e, que amigos os autores dos libros que un ama!, exclamo eu.
O luns da semana pasada o Arquivo Histórico Provincial celebraba o día de portas abertas cunha pequena exposición dedicada ó P. Feijoo. E, aínda que a mellor homenaxe que se lle pode facer a un autor é ler a súa obra, considero a iniciativa un grande acerto: un, porque pode traer novos socios ó minoritario club de amigos do P. Feijoo, algo que sempre redundará en beneficio do país; dous, porque é preciso lembrar o destacado papel de Ourense na recuperación da figura do polígrafo de Casdemiro, esquecida en España durante boa parte do XIX, ó promover, en 1876, a celebración do bicentenario do seu nacemento. Protagonistas fundamentais daquela efeméride recuperadora foron Emilia Pardo Bazán e Concepción Arenal, que concorreron con senllos traballos ó certame literario convocado a tal efecto, e que finalmente gañou a primeira; non en balde fora o P. Feijoo un dos primeiros defensores dos dereitos das mulleres.
Celebramos agora o 250 aniversario do pasamento do mestre e a súa obra e o seu pensamento seguen gozando de boa saúde, proba inequívoca de que nos atopamos diante dun gran clásico das letras hispanas. Pero a perenne actualidade da obra de Feijoo non se apoia en ningún descubrimento esencial nas artes ou nas ciencias, tan só na súa actitude diante do coñecemento, no seu anhelo de eliminar erros comúns, de depurar costumes e de mellorar a vida dos cidadáns. E para iso só hai un camiño: o da busca da verdade para derrotar a impunidade da mentira. Trátase dun camiño duro, cheo de trampas e perigos; en consecuencia, moi pouco transitado. A divisa de Feijoo era a mesma da Ilustración: sapere aude, ‘atreverse a saber’ nun mundo no que a maioría prefire ser conducida dentro da comodidade dos rabaños. Tal atrevemento precisa de valentía e liberdade de espírito, pero, sobre todo, obriga a poñer en dúbida os argumentos ad verecundiam, é dicir, os unicamente baseados na autoridade de quen os defende. Por isto se acusou ó P. Feijoo: de ter pouca fe, de ser un mal patriota, de ser volteriano, de ser superficial, de carecer de estilo e de bastantes cousas máis. Pero, quen se lembra hoxe dos acusadores?
Sei ben que, de entrada, os nove tomos do Teatro Crítico ou os cinco das Cartas eruditas asustan. Pero é unha impresión falsa: poucos autores resultan tan amenos, sinxelos e claros coma o P. Feijoo. Quen comece polo prólogo do Teatro Crítico dificilmente resistirá a chamada do autor. Logo, a forma de ensaio e a variedade dos temas tratados –era un home de curiosidade universal- permiten unha lectura fragmentaria e ó gusto de cada un. Anímese entón, prezado lector, e súmese a este club de amigos do P. Feijoo. Bastará con que repita comigo este xuramento escrito polo propio mestre: “Yo, ciudadano de la república literaria, ni esclavo de Aristóteles ni aliado de sus enemigos, escucharé siempre con preferencia a toda autoridad privada, lo que me dictare la experiencia y la razón.”. Vale.
Artigo publicado no diario "La Región" o xoves 19 de xuño do 2014
No hay comentarios:
Publicar un comentario