martes, 23 de junio de 2015

Os Gozos


Refuxiado entre libros, canso de observar indecencias e de escoitar falsidades, cavilo en tempo de Gozos. Algún pensará no título da novela de Torrente Ballester e dirá que estamos en tempo de sombras máis ca de gozos, pero non se trata diso. Porque “gozos” son as sensacións agradables experimentadas polos sentidos, pero tamén certas composicións poéticas na honra da Virxe e dalgúns santos, razón pola que as novenas onde se len tamén reciben o nome de Gozos.  
Na miña parroquia natal, ata hai cincuenta anos, non había un tempo máis alegre ca este dos Gozos de San Antonio, celebrados na Ponte San Clodio. Arrastrar o cu por unha laxa antes, ir ás cereixas durante, ou correr a torroazos ás parellas de noivos extraviadas na escuridade despois, da novena, eran das diversións máis esperadas do ano. A ermida do santo é moi humilde, pero singular por ter o piso en costa, suponse que para facilitar o desaugue cando as enchentas do Avia. Así, ó non caber bancos, sentadiños nas pedras e co pescozo revirado cara ó altar, escoitabamos con gran atención aqueles fabulosos milagres do glorioso San Antonio, ano tras ano, cura tras cura e xeración tras xeración. E penso eu se a inclinación á fantasía dos galegos non nos virá da gran afección ás novenas dos nosos santiños, verdadeiras aulas de literatura fantástica, na variante haxiográfica, que tan sinxela coma encantadora resulta. Lembro que daquela os milagres viámolos coma a cousa máis natural; e se San Antonio fora capaz de facerse escoitar polos peixes, tamén o Sr. Amando lograra á atención das súas ovellas ós concertos de corda cos que as obsequiaba, con violín e todo, á hora da pastoril cea a carón do Cruceiro; e que unha mula reverenciase á hostia consagrada non sorprendía a ninguén, porque todos sabiamos do cadelo que aparecera un domingo na misa grande e se puxera na fila dos comulgantes, aparentemente coa mesma pretensión da mula do herexe Guialdo, aínda que o can non conseguise máis có couce dun veciño… Pero despois as cousas foron cambiando… Un ano, segundo me contaron, a novena ía polas canles normais, ata que tocou o milagre da muller que se lle picara o viño, accidente moi común neste tempo de tronadas. Coñecedora a muller dos poderes do santo, foi á bodega e encheu un garrafonciño co morapio enfermo para levarllo a San Antonio; pero coas presas esqueceuse de poñer a billa na cuba. Aínda non chegara xunto ó santo, cando unha veciña a alertou do sucedido. Avisado San Antonio da desgraza, foi á casa da muller e mandoulle que sacase a canilla da cuba. A pobriña resistíase, por medo a perder o pouco viño que lle quedara, pero ó final obedeceu. E o viño derramado non só volveu á cuba, senón que encima pasáralle o pique… O cura daquela (q.e.p.d.), que era un limiá moi campechán reconvertido a ribeirao, talvez con algunha experiencia non confesada en piques e fiados, cando rematou a lectura, pensou en voz alta: «Pero, haberá quen crea semellantes trapalladas?»... E foron varias as mulleres que alzaron a voz contra o crego, preguntándolle se quería que perdesen a pouca fe que lles quedaba….


Mañá é San Antonio. Hai anos que non vou á festa, porque me pesan moito as ausencias. Pero non me esquecerei do santiño, nin dos pétalos das rosas voando sobre a súa imaxe en procesión… Mañá tamén se constitúen os novos concellos. Nun arranque de carraxe, moita xente o 24-M negouse a seguir crendo nas trapalladas que lles contaban. Unhas trapalladas, por certo, moito máis incribles, prosaicas e danosas cós inocentes, poéticos e gozosos milagres do glorioso San Antonio.

Artigo publicado no diario La Región o venres 12 de xuño do 2015.

2 comentarios:

Cossue dijo...

"Refuxiado entre libros, canso de observar indecencias e de escoitar falsidades". Concho meu, deberías escribir o noso Quixote comezando con esas frases :-) Unha aperta.

Jeanfrujo dijo...

Alegráchesme o día, meu…Desde logo que aquí non faltarían historias de carcereiros de santas hermandades –culturais e doutros tipos- condecorados por manter ós rabaños ben recollidos; nin de curas e barbeiros con vocacións incendiarias; nin de galeotes con ansias de acantazar ó primeiro que pretenda ceibalos das cadeas… Nin sequera de Ricotes trasterrados… O malo é que un coñece as súas limitacións… Feliz verán e bicos para Aldara.