O acordo máis amplo da campaña electoral que agora remata deuse no rexeitamento ás declaracións de Albert Rivera relativas a que a rexeneración de España só podería vir da man da xeración dos nacidos en democracia. Tales declaracións non só mereceron a reprobacións de tódalas forzas do espectro político, senón tamén a da xeneralidade dos medios de comunicación. E aínda así, na honra do nome desta columna, permítanme discrepar. As unanimidades sempre me resultaron sospeitosas.
Comezarei lembrando algo que ás veces se esquece: que xeración é o contrario de corrupción; xa o consideraba así Aristóteles, para quen xeración era o paso de “non ser” a “ser”, mentres corrupción sería o de “ser” a “non ser”; e todas as criaturas estarían suxeitas os seus respectivos períodos de xeración e corrupción. Polo tanto, filosoficamente, a corrupción só remata cunha nova xeración; apunten iso. Pero o concepto sociolóxico de xeración, como conxunto de individuos coetáneos marcados por intereses comúns, desenvolveuse entre os séculos XIX e XX, e tivo en Ortega e en Mannheim as referencias fundamentais. Para Mannheim, as xeracións son resultado das descontinuidades históricas, cambios como os que estamos vivindo que rompen a continuidade social e afectan dun xeito especial ós mozos e ó seu futuro. Por iso o concepto de xeración emerxe nas crises, cando racha o conxunto de conviccións sobre o que se viña camiñando; pasou así coa española Xeración do 98, que tanto marcaría o pensamento de Ortega; pasou coa Xeración do 68, que tanto nos marcou a nós, e pasa agora coa malpocada Xeración do Milenio, ou Xeración Y, formada polos nacidos despois dos anos oitenta, que hoxe roldan os trinta anos e lexitimamente piden paso.
Pero sucedeu que en España, a partir de 1982, accedeu ó poder unha nova xeración de autoproclamados herdeiros do 68. E trinta e tantos anos despois, esa xeración, devota dunha das divisas do maio francés, que era o culto á xuventude, négase a envellecer; e como, dun ou doutro xeito, e co apoio da pirámide de poboación, tal xeración segue ostentando o poder, convértese nun tapón, cando non nunha hipoteca, para a xeración posterior. Este é un dos principais dramas da España contemporánea: un país de vellos, sexa en anos, sexa en ideas, que pensan que son novos. Consecuencia disto é o moito que se chochea: escoiten ós políticos, atendan ós medios, saian á praza pública… E así chocheaba un dos comunicadores máis veterano e famoso de España, cando respondía a Rivera cun titular cargado de chulería: “Sin ofender, joven”, deixando claro quen manda aquí. E o caso é que ese comunicador podería selo símbolo dunha chea de millonarios que predican os males da desigualdade e da falta de traballo, mentres eles, instalados no “Star System”, continúan forrándose e son semente da precariedade laboral para os novos… Se esas boas xentes, practicando a exemplaridade pública, se apartasen e gozasen da xubilación, dedicando máis tempo á lectura e menos a amasar millóns e honores, descubrirían que, por moi modernos que se vexan, o tempo é fugaz e heteroxéneo; e que un vello de 70, por moi novo que se sinta, non pode ver o mesmo mundo ca un adulto de 40, nin ca un mozo de 20. E se lesen máis a Ortega fixaríanse en algo que di: «El descubrimiento de que estamos fatalmente adscritos a un cierto grupo de edad y a un estilo de vida es una de las experiencias melancólicas que, antes o después, todo hombre sensible llega a hacer». Pero sospeito que o poder, a fama e o diñeiro acaban matando a sensibilidade desas boas xentes, que tanto dano fan.
Artigo publicado no diario La Región o venres 22 de maio do 2015.
No hay comentarios:
Publicar un comentario