Talvez o aspecto máis novidoso das eleccións do día 20, á marxe de que se poida superar o tradicional bipartidismo, sexa o da data de celebración, o 20 de decembro. Teríamos que retroceder a 1920 para atopar o único caso en España dunhas xerais en decembro, daquela un día 19, con trunfo rotundo dos conservadores de Eduardo Dato. Porque durante o réxime actual só uns comicios autonómicos se celebraron en decembro, curiosamente os do Parlamento de Galicia do ano 1989, en día 17, con outro gran trunfo conservador, o primeiro liderado por Manuel Fraga, que puxo fin ó goberno de coalición presidido polo socialista González Laxe. Non obstante, o que si leva sido este mes de decembro é un mes de referendos: xa no 76, o día 15, o da Lei de Reforma Política; logo, no 78, o da Constitución, en día 6; e por último, en 1980, o do Estatuto de Autonomía de Galicia, celebrado o día 21.
A tradicional ausencia de eleccións en decembro segue a mesma lóxica que evita os meses de xaneiro, xullo e agosto, e non é outra cá atención á posibilidade de que neses meses se dean situacións extremas de frío ou de calor, que poderían dificultar notablemente o exercicio do dereito ó voto. Por que entón se salta esa norma non escrita de deixar libre de comicios o mes de decembro? Dirase que por razóns conxunturais, e que decembro é un mes coma outro calquera, pero iso non é toda a verdade.
A meteoroloxía e a política están máis relacionadas do que parece: un, porque as metodoloxías matemáticas utilizadas para a predicción de resultados son moi semellantes nos dous campos; e dous, o que aquí nos interesa, porque o estado do tempo o día da cita electoral ten demostrado ser unha variable significativa, tanto a efectos de participación coma de resultados.
Estudos realizados nos EE UU, Holanda, Reino Unido e España demostran que o mal tempo incrementa a abstención, e que esta, en xeral, beneficia ós conservadores. De media, acéptase que 25 mm de chuvia reducen a participación nun 1%, mentres que se esa precipitación fose de neve a reducción sería dun 5%; pola contra, un día soleado vota arredor dun 1,5% máis ca un día nubrado. Menos cuantificada está a influencia do tempo no sentido das votacións, pero hai un acordo xeral en que os votantes de dereitas son máis fieis e desafían mellor o mal estado do tempo; mentres, os de esquerdas son máis cómodos, e bastantes deciden quedar na casa por calquera inclemencia. Tales efectos non son grandes, é certo, pero toman importancia en votacións moi apertadas. Así, hai bastante acordo en que foi un día soleado no estado de Illinois o que realmente lle permitiu gañar as eleccións a J.F. Kennedy fronte a R. Nixon en 1960; mentres, sería un día de chuvia en Florida o que disuadiría a uns centos de demócratas de acercarse ás furnas, posibilitando así o discutido trunfo de G.W. Bush no 2000 fronte a Al Gore. A todo iso sumaríase na cita do 20-D o efecto da proximidade do Nadal, un tempo conservador por excelencia, no que a xente adoita esquecer mentiras, agravios e ofensas, en beneficio dunha convivencia en paz.
E a nosa relación histórica coas furnas en inverno non fai máis ca confirmar todos estes extremos da politoloxía. Nin González Laxe acertou convocando as disputadas eleccións galegas do 89 en decembro, nin tampouco Zapatero demorando ata novembro as do 2011. Non obstante, pola mesma lóxica, é probable que agora acerte Rajoy, aínda que sexa a costa de perturbar o tempo de Nadal. Pero en cousas do tempo nunca se sabe, e, segundo imos, tampouco se pode descartar que este presidente remate sendo vítima do mesmo quecemento global que tanto negou… E dalgunhas cousiñas máis.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 13 de decembro do 2015.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 13 de decembro do 2015.
No hay comentarios:
Publicar un comentario