Dicía Pessoa que un xardín era coma un resumo da
civilización. Pero se eu tivese que escoller un elemento urbanístico
que representase o proceso civilizador non me decantaría polo xardín, faríao
pola praza. Paréceme que poucas cousas resultan tan imprescindible para unha
vida civilizada coma unha boa praza.
No home
sempre se compaxinan dúas esferas vitais: a persoal, no espazo íntimo e privado,
e a pública, no espazo exterior e colectivo que facilita a convivencia. A tal
espazo colectivo pertencen as rúas, as avenidas, as pasaxes, os parques, os
xardíns, ..., pero ningún deses elementos resulta tan indispensable para o
encontro das xentes coma o praza pública, sempre esencial desde a propia
fundación das cidades e das vilas. Da importancia das prazas dá conta un feito:
dun xeito ou doutro, o poder, ou quen aspira a conseguilo, sempre trata de
apropiarse delas: no ágora grego foi unha apropiación democrática; no foro
romano, autoritaria; na praza medieval, comercial e espiritual; na
renacentista, real e militar, ..; e agora, na praza contemporánea, especulativa
e privatizadora fundamentalmente.
En Galicia
hai prazas moi fermosas, coma a do Obradoiro, a Maior de Lugo ou a de Ourense.
Pero eu prefiro as máis pequenas e acolledoras, coma a de Celanova, a de
Ribadavia, a de Mondoñedo, a da Leña de Pontevedra... Por toda España hai
prazas encantadoras. Unha das miñas
preferidas está en Barcelona: a Praza do Diamante, a da poética novela de Mercè
Rodoreda. Nunca estiven fisicamente nesa praza, pero aparece moi clara na miña imaxinación: pequena, co
pavimento de terra e cunha fonte no medio. Eu véxoa nunha noite de verán, en festa,
iluminada por centos de bombillas que colgan de tiras de corda con bandeiriñas
de papel de mil cores; nun palco de madeira toca unha orquestra popular o pasodobre
“En er mundo”, e unha parella de futuros noivos acaba de coñecerse e baila ó
seu compás...
Estes días fálase moito doutra praza de Cataluña, a da
Constitución de Xirona. Non a coñezo: é nova e a última vez que pisei esa
cidade aínda non existía. A que si coñezo é a Plaça del Vi (a Praza do Viño), a
máis tradicional de Xirona e «obra magna dos nosos antepasados» para Pla, que
se chama así por un mercado de viños e augardentes que se celebraba nela no século
XVI. Mantivo o seu nome xenuíno durante tres séculos, ata que comezou outro
tipo de apropiación do espazo público que non citei antes: a onomástica. Desde entón chamouse: do
Rei (1814-20), da Constitución (1820-23), Real (1823-35), de Isabel II (1836-39),
da Constitución (1840-1871), da República (1873-74), da Constitución
(1875-1930), da República (1931-39), de España (1940-1975), e coa democracia
recuperou o seu nome orixinal. Xa ven o aplicados que foron os xerundenses en
cuestións de cambios odonímicos. Non obstante, convén observar como sempre
acertaron en saber quen mandaba realmente en cada época... En consecuencia, se
agora decidiron cambiarlle o nome á
Praza da Constitución, para que sexa a Praza do 1 de Outubro, sabendo da
ofensa que tal nome representa para a metade dos cataláns e a maioría dos
españois, é que teñen bastante claro quen manda alí. Vostede non?
Artigo publicado no diario La Región o domingo 18 de febreiro do 2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario