jueves, 22 de marzo de 2018

Pepes, Josés e Xosés


Entre os libros que falan do Ribeiro hai un que me resulta delicioso: “Historias de Ribadavia contadas por el vendedor de zapatos que escribía noticias”, recompilatorio de artigos de José Puga Alonso (1939-2005), correspondente que fora deste periódico na capital do Ribeiro entre 1974 e 1993: hai máis xenio literario nese humilde libriño ca en centos doutros considerados por veces lecturas obrigadas. E dado que mañá é San Xosé quixera lembrar hoxe un artigo que escribía o amigo Alonso – así asinaba as súas crónicas- no ano 1981, xusto por este tempo. O título do mesmo, “Del uso y decadencia del nombre José”, aclara ben de que trataba. Nel, para argumentar sobre o común que resultara ese nome anos atrás, contaba como un día, sendo neno, fora co  seu pai, José Puga, á taberna de Josefa Domínguez ‘A Cristina’, lugar onde se reunía diariamente o seu vello cos amigotes para tomar unhas tazas de ribeiro branco, «vino al que nuestro progenitor fue aficionado hasta la hora de su muerte». Nun momento da reunión tabernaria, un dos amigos, José Rocha, taxista daquela e defunto cando a crónica, exclamara asombrado: «Carallo, nesta taberna todos somos Pepes, até a mesma taberneira!». E en efecto así era: ademais dos Pepe Puga, pai e fillo, da taberneira e do taxista, estaban: Pepe ‘O Chiripa’, José ‘O Papuxa’, José ‘O Panarra’, José ‘O Perechas', don José ‘O da Verbena’, don José ‘O Cristino’ e don José ‘O Gobernador’, alcume que lle puxeran a este último por ser paraugueiro, e dicir, ‘gobernador’ de paraugas. Si, a popularidade do nome era tal que non había parroquia na que non se contasen por ducias os Pepes e os Josés, e por iso o San Xosé era unha das festas máis esperadas e alegres do ano, o mesmo cá dos Manueles, o un de xaneiro. Se fago memoria da contorna de San Clodio de seguido lembro a Pepes e a Josés tan entrañables para min coma o tío Pepe ‘O Cota’, don Pepe ‘O Chaví’,  o Pepe ‘O Perera’, o Pepe de Juan, o Pepe de Paredes, o Pepiño ‘O Merés’, o Pepiño ‘O Bolié’, don Pepe ‘O Comandante’, o José ‘O Charrapas’...
Repasaba o outro día os nomes do cento largo de alumnos que teño este ano nas miñas aulas: apenas atopaba un José e unha Josefina. Razón tiña entón Alonso ó aventurar: «cuando los que hoy llevamos el nombre del casto esposo de María estemos bajo tierra, y por lo tanto calvos, los “Josés” serán por estos pagos tan “rara avis” como hoy lo son los nombres de Trógimo o de Frigidiano...». Porque sucede que os nomes tamén teñen o seu tempo: nacen e morren, coma case todas as cousas... O nome de José entrou na onomástica hispana alá polo século XVI, en paralelo co impulso da devoción ó Santo, impulso no que tivo bastante que ver Santa Teresa. Pero en Galicia o nome comezou a aparecer no XVII e fíxose habitual no XVIII, sendo xa o máis común en Ourense a mediados dese século, cando tamén comezaba o uso do popular hipocorístico Pepe. Nesa posición de liderado onomástico continuou José ata hai poucos anos, e mesmo agora aínda ocupa a segunda posición por detrás de Manuel. Pero claro, a idade media dos Josés de hoxe  supera os sesenta anos, polo que o presente tampouco nisto terá nada que ver co futuro...  Entre os nomes que agora lle poñen ós bebés, José, Pepe e Xosé  non pasan de ser nomes exóticos. Aínda que non tanto coma os Trógimo e Frigidiano que supoñía Alonso na súa  inspirada crónica.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 18 de marzo do 2018