Atribúese ó
norteamericano Noam Chomsky, un dos máis influentes intelectuais contemporáneos,
profesor de lingüística e recoñecido activista político, a confección dun
famoso decálogo de estratexias de manipulación mediática. Na realidade o
decálogo é obra do francés Sylvain Timsit, e nin sequera reflicte totalmente as
ideas de Chomsky, máis ben as dun panfleto de autoría descoñecida titulado
“Armas silenciosas para guerras tranquilas”, que trata sobre estratexias de
manipulación das masas. As dez estratexias que enumera Timsit son: distracción,
creación de problemas irreais, aplicación gradual de medidas inaceptables, retardo
de políticas impopulares, trato infantil ós cidadáns, utilización de emocións
en vez de razóns, promoción da ignorancia e da mediocridade, estimulo da
comprensión coa estupidez e coa vulgaridade, reforzo do sentimento de autoculpa
e acumulación de información sobre os individuos ata saber deles máis ca eles
mesmos. Todas estas estratexias aplícanse de forma masiva no mundo actual,
tanto polo poder coma por todo tipo de grupos e corporacións que pretenden unha
determinada resposta das masas. Non obstante, practícase outra estratexia moi
común que falta no decálogo de Timsit: a que eu denominaría de falsa
utilización do nós.
Explícome.
Pensen nunha mañá calquera, cando acenden a radio ou a televisión, no fácil que
é escoitarlle á presentadora ou ó presentador do noso magazín favorito unha
exclamación do tipo: “Lo que sufrimos los españoles con la crísis!”. Pois iso
xustamente é ó que eu lle chamo utilización falsa da primeira persoa do plural.
Porque convén saber que eses presentadores, que se autoinclúen entre os
damnificados pola crise, son en xeral millonarios que cobran centos de miles,
cando non millóns, de euros ó ano, que conviven en moitos casos no traballo con
compañeiros na máis absoluta precariedade laboral, cando non viron marchar a
moitos ó paro... O curioso do caso é que entre os admiradores de tales presentadores,
e de estrelas e personalidades que tamén usan o nós para crear unha virtual
empatía co cidadán común, están moitos logo capaces de criticar ó párroco por
predicar a pobreza e botar un coche novo.
Si, eu
sempre estou atento á utilización do nós. Estes días, por exemplo, úsano moito
os pensionistas, cando se queixan da exigua subida das súas pensións. Pero
claro, entre os pensionistas tamén hai grandes diferenzas. Por suposto que son
indignas moitas pensións en España, pero tamén as hai moi xenerosas, que en
casos máis que dobran o salario de traballadores actualmente en activo con
igual ou superior cualificación. E a escaseza das primeiras algo terá que ver
coa xenerosidade das segundas...
Anúncianse medidas: simples parches que
beneficiarán ós que máis gañan e que pagarán os que menos; senón ó tempo. Porque
a raíz do problema está nos salarios dos novos traballadores, que cobran de
media un 23% menos do que se cobraba hai dez anos: de aí gran parte do déficit
da Seguridade Social, e a volta dos traballadores pobres que había cincuenta anos
que xa non se vían por España. E din algúns, polos novos: que protesten tamén! Supoño
que o farían de boa gaña, pero non son parvos: saben que os botan por nada. Por
sorte, ós pensionistas non os poden despedir. De momento!
Artigo publicado no diario La Región o domingo 4 de marzo do 2018
Artigo publicado no diario La Región o domingo 4 de marzo do 2018
No hay comentarios:
Publicar un comentario