martes, 12 de mayo de 2015

Maio

Chegou con chuvia e con temporal, pero chegou. Comprobeino en San Clodio, na mañanciña do día da Santa Cruz. Nunha roseira, as rosas, obedientes, xa abriran o seu manto púrpura ó sol, aínda que este se amosase tan soberbio coma fuxidío. E soaron antigos himnos goliardos festexando á natural raíña deste tempo: «Vin a flor máis florida,  entre as flores a máis belida / Vin a rosa de maio, de  todas a  máis garrida». De pronto, un golpe de auga asustou ás rosas; pero a chuvia só quería refrescar o verde escuro dos piñeirais e o máis claro das regatas por onde medran os freixos e os carballos. Logo escampou, e de novo baixo o sol, acompañado polo fino canto dun coro de paxariños, todo aparecía brillante e brunido: espléndido. Era maio, o mes máis feiticeiro do ano.
Maio representa o esplendor da primavera, o trunfo do máis importante na natureza, que é a vida: vístense os agros de flores e as árbores estrean os verdes traxes novos; agroman as cepas e maduran as cereixas; o rechouchío dos xílgaros, merlos e reiseñores inunda as alboradas frescas; o monótono zumbar das abellas faise dono das cálidas sobremesas, e as noitiñas chegan cheas de  susurros do arte de namorar… A festa dos Maios, que con  diversas variantes se celebra en toda Europa desde épocas remotas, representa a celebración de todo isto, é dicir, a celebración do renacer da vida. De aí o tradicional valor metafórico da primavera en xeral e do mes de maio en particular, sempre como símbolos optimistas de renovación e rexurdimento. Por iso calou tanto o “Maio do 68”; a festa do traballo, no “Primeiro de Maio”; o movemento das nais da “Praza de Maio” de Bos Aires, ou as movilizacións do “15-M” en España. En Galicia, a celebración das Letras Galegas o 17 de maio, data que lembra a de publicación da primeira edición dos Cantares Gallegos de Rosalía, símbolo do “Rexurdimento”, no ano  1863, remite á mesma metáfora. E algo semellante se podería dicir da recente “Primavera Árabe” ou da tan lembrada “Revolución dos Caraveis” portuguesa.
Para a maioría, as metáforas son instrumentos retóricos propios da linguaxe poética e das florituras lingüísticas. Lonxe diso, está comprobado que as metáforas están omnipresentes na vida cotiá dos individuos, e non só na linguaxe, senón tamén no pensamento e na acción. Isto é tanto así que se pode dicir que o noso sistema conceptual, tanto para o pensamento como para a acción, é de natureza fundamentalmente metafórica. Sábeno ben os comunicadores da política, que se aproveitan de múltiples metáforas para lograr os seus obxectivos; e no caso concreto da metáfora primaveral, para  lanzar as súas mensaxes de cambio e  rexeneración.
En apenas quince días celebraranse unhas importantes eleccións municipais en España. E non é pouco o que se debería rexenerar e depurar; como tampouco resulta escaso o vello que se debería queimar –o lume é outro elemento fundamental no ciclo festivo dos Maios-. Así que un podería contar con que, nesta ocasión, a metáfora estacional favorecese a renovación e a chegada do desexado tempo novo da política española. Pero maio tamén se caracteriza por ser un mes moi inestable, con frecuentes treboadas capaces de estragar as mellores colleitas imaxinadas. Ademais, os modelos conceptuais básicos non son os mesmos nos diversos tempos nin nas diversas culturas. E temo que a natureza xa pasase de ser obxecto metafórico de aprendizaxe e fermosura a selo de conquista, consumo e explotación, para desgraza das novas xeracións... Porque, por se non se decataron, direilles que houbo unha revolución metafórica, tan sutil coma silenciosa, que a case todos contaminou.

Artigo publicado no diario La Región o venres 8 de maio do 2015.

No hay comentarios: