sábado, 31 de octubre de 2015

Ética e estética


A ética é a parte da filosofía  que se ocupa do o que é bo, e a estética a que se ocupa do que é fermoso. Tense discutido moito sobre as relacións entre ética e estética, pero talvez ninguén se expresase coa contundencia de Wittgenstein, cando anotou: “ética e estética son unha mesma cousa”; alí onde hai ética acostuma haber estética, e alí onde falta a ética tamén adoita escasear a estética… Pensaba niso o outro día, cando pasaba enfronte do antigo Instituto Laboral de Ribadavia; ó que agora chaman IES “O Ribeiro”,  por segura ignorancia do valor de chamarlle ás cousas polo seu nome.

Eu sempre me fixo moito neste edificio, incluso lles confeso que aparece ás veces nos meus soños. Entenderán porque: estudei cinco anos nel, e iso marca moito; tanto que, como dicía Max Aub, un tamén é de onde fixo o bacharelato. Por esa razón son eu de Ribadavia e de Miranda de Ebro, aparte de ser de San Clodio por cuestións de nacencia e do Carballiño por cuestións de veciñanza. E  lembro moi ben aqueles cinco anos do instituto de Ribadavia. En concreto, lembro que un dos exercicios obrigatorios dos cursos superiores era o debuxo dos planos de planta, alzado e perspectiva do edificio. E que a profesora, doña Conchita, sempre nos amosaba, como modelo a imitar, uns planos marabillosos dun alumno que se fora un ano antes de entrar nós no instituto: Julio Touza, logo afamado arquitecto. Os debuxos de Julio Touza aínda se poden ver nas vitrinas do hall de entrada do edificio. E o caso é que se os alumnos tiñamos as nosas diferencias, en dúas cousas coincidiamos todos: en que o edificio do instituto era unha obra fermosísima e en que quen fose capaz de igualar os debuxos de Julio Touza sería un artista. Por suposto que non sabiamos nada de ética nin de estética, pero xa diferenciabamos ben as obras boas das malas e as fermosas das horrorosas.

E, pasados cincuenta anos desde aquela, un sospeita que algo grave debe ter acontecido. Porque hai uns anos foi a propia administración a que promoveu a construcción dun pegote na fronte deste nobre edificio que proxectara o arquitecto Mariano Rodríguez Sanz, e que era un claro e singular expoñente da recuperación moderna da arquitectura galega despois do paréntese da Guerra Civil. E tal pegote atenta contra tódolos principios éticos e estéticos, constituíndo un verdadeiro exemplo de feísmo, cos agravantes de estar promovido pola propia administración e de ser estritamente legal; mentres, lembremos, a cidadáns particulares tíranlles a casa por cousas infinitamente máis leves. Pero o máis sorprendente do caso foi que apenas se escoitou voz institucional ou colectiva en contra de tamaño despropósito. E o mesmo pasa agora, cando observo indignado como se concreta a segunda fase do esperpento arquitectónico, e outra vez coa administración como promotora.

Á vista de todo iso, sorpréndenme os silencios ruidosos: será que de tanto vivir no “glamour” espectacular e de tanto rememorar idades medias lendarias, acabamos perdendo a pouca capacidade crítica e a pouca sensibilidade estética que nos quedaba?  Ou, será que o “homo económicus” vén de liquidar definitivamente ó “homo sapiens”? Non sei. O que si sei é que existe unha fermosa fotografía de cando se inaugurou o edificio, en 1958, na que se observa a racionalidade orixinal da obra, que se abría diáfana ó gran patio de xogos, e onde se ve todo o harmonioso conxunto situado entre as ben traballadas viñas que daquela rodeaban Ribadavia. É unha fotografía que, comparada coa realidade actual, axuda a diferenzar progreso de barbarie; e a concluír que a mellora das condicións económicas dun país non sempre vai acompañada dos avances éticos e estéticos que serían desexables.

Artigo publicado no diario La Región o venres 30 de outubro do 2015.








No hay comentarios: