Que Manuela Carmena, alcaldesa de Madrid, está no punto de mira das críticas do PP é algo ben coñecido. E non obstante figura entre os políticos máis prezados polos cidadáns. Porque se aplaude que esta muller de setenta anos, cando podería gozar da súa cómoda e plácida xubilación de xuíza, chegase á política, non para servirse dela ou para forrarse, como veu sendo habitual, senón por considerar un deber cívico esforzarse en demostrar que hai xeitos máis decentes de facer as cousas. E isto paréceme tan admirable coma vergoñento observar como os que nunca viron as vigas nos ollos propios, buscan desesperadamente as pallas nos de Carmena.
A semana pasada as críticas chovéronlle por propoñer a posibilidade de que os universitarios realizasen un servicio social para axudar a limpar a cidade, fomentando unha “ética da limpeza”. E a diferenza dos seus críticos, eu non só vería ben iso, que ata me gusta polo seu valor metafórico, senón que regresaría moito máis alá.
E dixen ben regresaría; porque ultimamente parece que a condición de cidadán limítase a pagar impostos (cada vez máis), a recibir determinados servicios (cada vez menos) e a votar (cada vez máis, para que valga cada vez menos). Pero non sempre foi así. Na Antiga Grecia a condición plena de cidadán soamente se adquiría despois de cumprir cunha serie de ritos e cunhas obrigas de formación cívica e de servicio militar. É dicir, había que facer certos servicios á comunidade, ademais de cumprir co fisco, para poder exercer tódalas prerrogativas políticas e xurídicas do cidadán.
Despois de séculos de abandono destes principios, a revolución francesa recuperou o servicio militar obrigatorio en 1798, en beneficio dun exército do pobo que substituíse os ata entón comúns de mercenarios. E a revolución industrial, coas desigualdades que xerou, conduciu ó nacemento de diversas asociacións cuns fins de prestación social que, na súa maioría, acabarían caendo no ámbito estatal a principios do século XX. Deste xeito, o modelo de servicio militar obrigatoiro xunto co dun servicio social substitutivo foise estendendo e resultou común nos estados sociais e democráticos de dereito ata finais do século pasado. Pero o neoliberalismo rampante, coa desculpa de que só o individuo debe decidir o que lle convén, acabou soterrando este modelo: lembremos que foi o goberno de Aznar, no 2001, o que rematou co servicio militar obrigatorio en España; como antes fora o de Chirac en Francia, en 1997, e máis recentemente o de Merkel en Alemaña, no 2011; mentres, en paralelo, fóronse eliminando os servicios sociais substitutivos. E a esquerda comeu e calou. Pero este ano o goberno de Francia, a raíz do atentado contra “Charlie Hebdo”, co obxecto de reforzar o compromiso dos cidadáns cos valores da república, propuxo un novo servicio cívico universal para os mozos, que irá substituíndo o actual sistema de voluntariado; e xa hai voces que claman no mesmo sentido noutros países.
E a min paréceme unha excelente idea recuperar o principio cívico da necesaria contribución dos cidadáns á obra común, aparte da estritamente monetaria. Porque, con independencia dos beneficios sociais que diso se derivarían, viríalle moi ben a calquera mozo, non só varrer as rúas, como propón Carmena, senón saír do entorno familiar, e incluso territorial, para colaborar en obras de tipo social, coñecer os traballos do campo, dos andamios, da pesca, das factorías…, saber das dificultades das familias con necesidades… E esa si que sería a xeración máis preparada da historia de España!
Artigo publicado no diario La Región o venres 9 de outubro do 2015
No hay comentarios:
Publicar un comentario