Cúmprense agora sesenta anos de televisión en España. Na infancia da miña xeración aínda era o aparato de radio o que presidía boa parte da vida familiar, desde a cima dun aparador ou dunha repisa, na cociña ou no comedor. Pero a principios dos sesenta, entre a infancia e a adolescencia, descubrimos a televisión, o invento que acabaría expulsando á radio do seus domésticos altares.
A televisión chegaba oficialmente a Galicia no 61, pero iso foi nas cidades; á maioría da vilas non chegou ata un par de anos despois. Lembro moi ben a primeira vez que a vin. Foi un domingo, calculo que do 63, no que tódolos rapaces de San Clodio, acompañados por padre Pedro, o frade do mosteiro que exercía de párroco, subimos ata a casa de don José, o cura da veciña parroquia de San Lourenzo da Pena. A reitoral de San Lourenzo, hoxe arruinada, era fermosa, e estaba situada xusto por debaixo da igrexa parroquial, dominando coa vista boa parte daquel traballado Ribeiro de Avia. Naquela casa, sentados no chan de madeira dunha sala grande, e vixiados pola criada do señor abade, non fose que se nos ocorrese tocarlle ó valioso aparello, contemplamos o primeiro programa de televisión das nosas vidas. Chamábase “Escala en Hifi”, e era un programa musical, que nos gustara; pero aínda nos gustaran máis os anuncios, principalmente os de electrodomésticos: estufas “Corberó”, neveiras “Kelvinator”, televisores “Werner”, ..., enxeños todos moi desexados pero que aínda ninguén posuía nas aldeas.
Os cafés de Leiro deberon de poñer a televisión no ano 65, porque no 64, cando a final de España con Rusia, aínda non a tiñan. Aproveitando aquel evento, o Sr. Bernardino “O Camba”, dono do cine, colocara unha antena no piñeiro máis alto do Coto de Gaio e trouxera un televisor para poñer o partido. Creo que a entrada custara unha peseta, non me lembro ben, pero o que si lembro é que na pantalla víase máis a neve da pésima sinal que chegaba ó fondo do val cós xogadores dos equipos. Pero a xente saíra contenta: gañara España.
Onde xa daquela se vía ben a televisión era nos pobos altos: en Lebosende, en Cenlle, no Carballiño; porque collían mellor a sinal de Santiago. Por entón, eu ía andando tódolos sábados a Lebosende á tenda de meu tío Eduardo, para ver “El Virginiano”, “Cesta y Puntos” e “Perdidos en el Espacio”, esta última a miña serie favorita. O malo era que acabada de noite, e despois pasaba bastante medo baixando ás escuras pola verea de volta á casa. Desde mediados dos sesenta tamén se podía ver a televisión no cámping de Leiro, pero o barullo da cafetería facía imposible seguir calquera serie ou película, salvo cando pasaban “Viaje al fondo del mar”, ós domingos pola tarde; esa serie conseguía algo milagroso: que todo o mundo quedase atento e calado, incluso os xogantíns do subastado. Teño cavilado nese misterio, e creo que se debía ó característico ping.., ping.., ping... do sonar do submarino da serie, que nunca deixaba de soar. Alá polo 68, a miña tía Irene mercou a terceira televisión de San Clodio (a primeira trouxéraa de Estados Unidos don Pepe “O comandante”, e a segunda mercárana os frades do convento). Era a época de “Galas del Sábado”, pero o que eu quería ver eran as series que poñían ó rematar as galas: “Ladron sin destino”, “El hombre del maletín”, “Los intocables”; non obstante, poucas veces estaban meus tíos dispostos a permanecer erguidos ata tan tarde, e menos a seguir gastando butano na catalítica...
A principios dos setenta, por fin, chegou a televisión á nosa casa. Pero eu xa comezaba a mocear, e, en consecuencia, xa perdera gran parte do meu interese pola tele.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 4 de decembro do 2016
1 comentario:
Foi como retroceder a un mundo perdido.
:-)
O primeiro q vin na tele, tería eu 5 anos, foi na casa dun rico da aldea. Déronme pan con nata e sentáronme nun sillón en fronte dunha rá que papaba insectos coa língua.
Publicar un comentario