Un dos temas
máis debatidos estas últimas semanas nos medios foi o dos resultados das probas
PISA. Non obstante, resulta curiosa a escasa participación do profesorado –xa
non digamos do alumnado- en tales foros. Priman as opinións das firmas
destacadas do periodismo e as dos especialistas en pedagoxía. E se as dos
primeiros adoitan denotar un amplo descoñecemento da materia, as dos segundos
acostuman moverse polos espazos etéreos da teorización, con escasa conexión coa
realidade das aulas, talvez porque neste país a especialización pedagóxica ten
ido unida con frecuencia ó abandono da traballosa práctica docente.
E o primeiro
que habería que apuntar é que a educación non é unha magnitude física, polo
tanto non se pode pretender medila coa mesma precisión cá lonxitude, o tempo ou
a masa. Pero iso non obsta para que non conveña avaliala e incluso cuantificala.
Agora ben, sen esquecer nunca o valor tan só indicativo dos resultados de tales
cuantificacións.
As probas
PISA admiten diversas críticas metodolóxicas, como resulta natural pola súa
complexidade, pero son probas moi traballadas, talvez as máis traballadas deste
tipo: de aí o seu prestixio mundial. Hai que saber, ademais, que só avalían
tres áreas: lectura, ciencias e matemáticas, tratando de medir a capacidade dos
rapaces de 15 anos para resolver situacións que se lles poderían presentar na
vida adulta e que precisarían de tales habilidades. Todo iso con independencia
do currículo que estudaran. Polo tanto, nada teñen que ver con outro tipo de
probas máis relacionadas coa estrutura curricular e coa memorización de contidos,
como por exemplo as de selectividade. Isto non significa que unhas sexan
mellores ca outras. En todo caso, a información que aportan é complementaria.
Con respecto
ós resultados de España e de Galicia direilles algo que quizais lles sorprenda:
nin os de hai uns anos eran tan malos, nin os de agora son tan bos. Explícome.
A puntuación media en calquera dos tres ámbitos establécese en 500 puntos, e os
países con máis alta puntuación móvense arredor dos 550 puntos, mentres os
peores andan arredor dos 350; e non estamos acostumados a esa escala. Tendo en
conta iso, e transformando de xeito lineal os resultados á máis habitual escala
0-10, co cinco como nota mínima de aprobado, observamos que España moveuse en
tódalas probas que participou entre 4,7 e 4,9 (4,8-5,0 OCDE) en ciencias, entre
4,3 e 4,9 (4,8-4,9 OCDE) en lectura, e entre 4,2 e 4,5 (4,8-4,9 OCDE) en
matemáticas. Mentres, os intervalos de Galicia foron: 5,6-6,2; 4,5-5,9;
4,6-4,8. É dicir, España sempre anda raspando o suficiente en todo, en harmonía
coa media da OCDE, e Galicia está un pouco mellor, chegando ata o ben en
ciencias e lectura. Ademais, os resultados apenas teñen variado, e mantéñense
practicamente estacionarios, excepto se acaso en lectura, onde se mellora en
arredor dun punto. De tódolos xeitos, estamos na media da OCDE, e sen
diferenzas significativas no apartado de ciencias –apartado que mereceu
atención especial nas probas do 2015- con países coma Estados Unidos, Francia,
Suecia ou Dinamarca. Alguén esperaba máis?
Un apunte
final. Entre os centos de conclusións que se aportan nos voluminosos informes
PISA, chama a miña atención a que atopa unha relación inversa entre os
resultados e o volume de deberes. É dicir: a máis deberes peores resultados. E
nós somos campións en deberes! Pero, como baixar o volume de deberes? Moi
fácil: eliminando contidos. Cantos? Eu proporía un 50%, e ademais reducir
materias. Pero eu estou na onda de Montaigne, e Montaigne nunca gozou de moitas
simpatías en España.
Artigo publicado no diario La Región o domingo 18 de decembro do 2016
No hay comentarios:
Publicar un comentario