miércoles, 10 de enero de 2018

Emigrados

Lembro un día de hai algúns anos, cando frecuentaba máis o Arquivo Histórico Provincial de Ourense. De súpeto, un nutrido grupo de estudantes de historia abarrotou a sala de investigadores e púxose a indagar en vellos protocolos notariais. Como isto non era habitual pregunteille a un deles que andaban buscando. Díxome que “emigrantes” galegos no século XVIII. Interesante pescuda, respondín eu, pero matinando que, nun sentido estrito, buscaban algo imposible. Por que? Pois por algo moi sinxelo: “emigrado”, “emigrante” e “emigrar” non se incorporaron ó castelán, e desde aí ó galego, ata entrado o século XIX, a pesar da súa etimoloxía latina.
En efecto, o dicionario da RAE rexistra por primeira vez “emigrar” e “emigrado” na súa edición de 1803, e “emigrante” na de 1884. Mentres, en galego, o primeiro dicionario que inclúe tales voces é o de Eladio Rodríguez, publicado a partir de 1958, aínda que as palabras xa figuran en textos escritos no noso idioma desde finais do XIX. Antes dese século pódense atopar “ausentes”, “forasteros” e “extranjeros”, pero nada de “emigrados” nin de “emigrantes”.
Sobre a razón e orixe dos primeiros “emigrados” documentados en castelán escribe Corominas no seu magno Dicionario: «Estos vocablos no empezarían a usarse popularmente en España hasta la entrada en masa de nobles franceses a raíz de los sucesos de 1789». É dicir, tratábase dos realistas e dos relixiosos fuxidos de Francia por causa da Revolución, ós que aquí se lles denominou “emigrados” por castelanización de “émigrés”, o apelativo orixinal francés. Por esa razón, dentro da voz “emigrado”, o dicionario da RAE mantivo ata a edición de 1992 a seguinte explicación: «se aplica más bien al que toma ese partido obligado por circunstancias políticas». Os “emigrados” eran o que agora coñecemos por “exiliados”, pero este vocábulo só se incorporou ó dicionario da RAE en 1970. En fin, como dicía Marc Bloch, das palabras é máis importante saber o seu significado en cada momento histórico cá súa etimoloxía.
Pero aqueles “emigrados” franceses non só viñeron a España: Gran Bretaña, os Países Baixos Austríacos ou o Reino de Cerdeña  acolleron a milleiros de fuxidos, e as  cidades de Londres, Turín e Bruxelas foron as preferidas pola aristocracia máis distinguida.
Un dos “emigrados” máis ilustres, primeiro en Bruxelas e despois en Londres, foi Chateaubriand, de nobre familia bretona, pero daquela tan descoñecido literariamente coma necesitado economicamente. Aqueles tempos tan convulsos acabarían conducindo á guillotina a boa parte dos seus familiares e amigos. Pero xa antes de experiencias tan tráxicas se declarara a favor dunha monarquía constitucional e en contra de calquera tipo de revolución. No prólogo do seu “Ensaio sobre as revolucións” advertía sobre estas: «Veremos xentes podres de vicio proclamando as virtudes; e libros moi ben escritos sobre a liberdade precipitando ós pobos á servidume, para rematarmos asoballados polos dous terzos e medio de ignorantes, máis o medio terzo restante de pícaros, que irremediablemente nos rodean». E na súa obra mestra, e póstuma, “Memorias de Ultratumba”, o libro de cabeceira de Otero, escribe isto sobre Bruxelas, onde estivera ó pouco de estalar a Revolución: «Bruxelas era o cuartel xeral dos “emigrados” máis fachendosos, [...] que esperaban no medio de praceres o momento da vitoria. Vestían bonitos traxes e pavoneábanse pola cidade frivolamente. Dilapidaron nuns días sumas considerables [...] pensando que ían estar de volta de contado ...». Que “emigrados” lle veñen á cabeza ó ler isto?

Artigo publicado no diario La Región o domingo 7 de xaneiro do 2018.

No hay comentarios: