viernes, 7 de febrero de 2014

Barruntos de primavera

A Candeloria e o San Brais significan para min o remate do inverno. Si, xa sei que aínda queda frío por pasar –aí está o refraneiro e a evidencia deste ano-, pero xa é outra cousa: volve a luz! Astronomicamente é un tempo simétrico do de San Martiño, situados os dous xusto no medio entre o solsticio de inverno e os equinoccios respectivos. E o mesmo que se fala do verán do San Martiño, poderíamos falar da primavera das Candeas, como se fai en gran parte de Francia, onde celebran moito esta festa, que chaman de Le Chandeleur ou da Lumière, ou sexa, da luz; alí é tradición comer crêpes –filloas-, co simbolismo de meter o novo sol –representado na forma e na cor das filloas- dentro do corpo, que boa falta fai. 
Fixárase Delibes no cambio súpeto de luz que se produce nestes días: «Diríase que los rayos del sol se enderezan de pronto, pierden oblicuidad, y la luz se hace más madura y dulce», e por iso falaba de “barruntos de primavera” nun 1 de febreiro de 1971. E a natureza nota ese cambio. Estes días, a pesar da chuvia e da neve nos altos, xa se ven as primeiras xemas abertas nas abeleiras e nos salgueiros, florecen as chorimas dos toxos, as lilas dos romeos e, nas beiras dos camiños, as flores da marabilla; as mimosas xa están prontas para inundar de amarelo os vales da provincia, e polas mañás xa se escoitan os primeiros trilos dos paxaros nas árbores do parque. É un tempo alegre e de esperanza: de podas e rodrigas nas viñas, de molladas (con o aberta, que significa ‘feixes’) de vimbios nas feiras, de primeiras sementeiras nos tarreos. É o tempo desexado desde as escuridades do inverno: contemplar a nova luz é sinal inequívoca do único gran trunfo posible, o da supervivencia! 
Sempre me gustou este tempo, que relaciono coas dúas festas encadeadas: a Nosa Señora e o San Brais. A primeira era en San Clodio a festa das mozas: co seu mercadiño, misa e procesión, coa bendición das velas e a ofrenda das pombas, todo pola mañá; logo, na sobremesa, viña a rifa da desexada rosca da festa, e xa pola tarde o baile coa música de Lebosende. E a memoria do baile lévame a unha das máis lindas cantigas do noso cancioneiro medieval, unha de Pedro de Viviaez que fala dunha Candeloria: as nais queiman as candeas na igrexa e as fillas bailan no adro diante dos mozos: «Nosos amigos todos irán / por nos ver, e andaremos nós/ bailando entre eles, fermosas, en cós/ e nosas madres, pois alá van/ queimen candeas por nós e por si/ e nós, meniñas, bailaremos i». Cánta fermosura perdida!
O meu San Brais é o de San Cibrán de Las (San Amaro), nos altos da antiga terra do Chao de Castela. Antes ían multitude de romeiros en romaría, tanto desa terra coma subidos dos ribeiros. A min ofreceume miña nai de pequeno, por unha espiña de bacallao atravesada na gorxa, especialidade curativa do santo, e por iso procuro non fallar. San Brais é outra devoción moi estendida por Europa, que ata mereceu un dos himnos máis celebrados de Ronsard, príncipe dos poetas renacentistas, o Des pères de famille a Saint Blaise, no que piden a protección do santo para as súas familias, o seu gando e as súas facendas. A min gústame a rústica imaxe do santiño de Las, na que recoñezo a dun humilde paisano levando como pode os seus anos e os seus achaques, coma a maioría do pobo que agora asiste á súa convocatoria festiva. E gústame o enclave despexado e telúrico desta romaría, a carón da castrexa Cidade e do  coto de San Trocado, coa Martiñá e mailo Coto de Novelle como discretos vixias. Este ano, contra do que acostuma ser habitual, caeron chuzos de punta, pero non importa: por moito que se faga de rogar, a luz da primavera xa está gañada. Non coma outras.

Artigo publicado no diario "La Región" o 7 de febreiro do 2014

1 comentario:

Anónimo dijo...

Artígo con pinceladas nostálxicas, persoais e moi didáctico, alegrame moito saber que esa hora e media máis que nos trae o San Brais ben a decirnos que o inverno está medio pasado . gracias e un saúdo.
Angeles