lunes, 31 de diciembre de 2012

Manuel Rivas: o narrador na boca da literatura



A vida da xente común
é extraordinaria
M. Rivas
O gran narrador sempre terá as raíces no pobo,
sobre todo nos seus sectores artesáns
W. Benjamin

Coñezo desde hai vintecinco anos a Manuel Rivas, pero só  falei dúas veces con el: unha en Moldes e outra en Ourense. A primeira falamos de Primo Levi e de Walter Benjamin, de Isto é un home e do Libro das pasaxes, mentres subiamos paseniño a costa que hai desde o Pazo dos Tizón ata o vello campo da feira do Castro. A segunda foi no Liceo de Ourense, apenas un saúdo. Na primeira ocasión recibira Manuel Rivas o premio Losada Diéguez, e alí, en Moldes, falara deses lugares privilexiados onde se pousa ás veces a “esfera terrestre”. A segunda, a do Liceo, fora unha conferencia “a corpo aberto” que tiña como tema principal “a  boca da literatura” –o mesmo do seu discurso de ingreso na RAG-. Agora acabo de rematar a lectura do seu último libro, As voces baixas. E, aínda que no intermedio publicou outras cousas, naquelas dúas conferencias estaban os alicerces desta obra: os mellores relatos, as metáforas máis fermosas, os protagonistas, … As ideas fundamentais desta obra fundamental. De feito, paréceme que todo o que Manuel Rivas leva escrito non era máis ca unha simple preparación para este libro. Trátase do relato, contado en primeira persoa do familiar, do noso “Mundo Perdido”. Do relato do feito histórico e singular que marca o fin da milenaria cultura rural e artesán que sustentou e identificou a este País durante séculos, e que morre, por abandono, asolagada por unha cultura cidadán allea ás nosas raíces. É o relato da transición entre eses dous mundos: un coñecido, que fenece, e un descoñecido, que se abre.

Dise na contraportada do libro que As voces baixas é unha “novela da vida”, pero non. Nin Manuel Rivas é un novelista –aínda que ten escrito algunha novela- nin este libro unha novela. Na realidade, en Galicia nunca se deron ben os novelistas. Pero en cambio déronse grandes narradores, e poetas. Manuel Rivas é iso: un narrador, ademais de literato, é dicir, letrado. Un dos mellores que nunca tivemos! A algún poderalle parecer que isto que estou escribindo menospreza a obra de Manuel Rivas: todo o contrario, nestes tempos novelista pode ser calquera, pero narradores apenas quedan. Xa son unha reliquia do pasado. O relato cotián da vida familiar dos Rivas contásenos coma nunha lareira, con fartura de parábolas, de tenrura, de humor, de ironía, de intelixentes metáforas saídas do maxín popular. Pero o verdadeiro narrador non pretende que pasemos o tempo exclusivamente: sempre ten unha lección que dar. A das voces baixas é que a verdadeira boca da nosa literatura estaba niso: na lareira, no taller das costureiras, nos monólogos da nai, na obra do pai, na barbería do tío, nas ferramentas, no baleiro da burbulla do nivel… Nos libros está unha parte da literatura, si; pero a literatura tamén existe fóra dos libros. A novela precisa do libro, pero a narración non! As sinais de identidade deste País comezaron hai pouco a estar escritas nos libros, pero durante séculos mantivéronse nas cabezas das nosas xentes máis humildes. E isto aínda non  estaba escrito con esta valentía nin con esta claridade. Foi preciso que o escribise o fillo dun albanel e dunha leiteira! Un home de familia humilde e letrado que fose fiel ás súas orixes,  o que non deixa de ser unha cousa rara! Outro Manuel, Kant, o fillo dun zapateiro, foi quen tivo que dicir que era preciso distinguir aquelo que ten dignidade do que só ten valor. No relato biográfico que agora comezou Manuel Rivas está nin máis nin menos cá dignidade da Galicia que foi. E iso ten un grande mérito! Completalo precisará de novas e esforzadas loitas! Como Manuel nos ten lembrado, o periplo de Ulises na Odisea, interpretada como “proceso da reconstrucción da memoria”, complétase non  cando o heroe é aclamado á súa volta, que non o é, senón cando só é recoñecido por Eumeo, o porqueiro, e por Argos, o vello can fiel; e logo, cando ten a valentía suficiente para acabar cos usurpadores que ocupaban e arruinaban a súa casa...

Remato. Algo levo lido de narrativa galega, pero non creo que chegasen á ducia as ocasións nas que ó rematar unha obra pensase: canto me gustaría a min ter escrito isto! Esta foi unha delas!

Feliz ano 2013 a todos. E felicidades ós Manuel, que mañá están de santo. 

martes, 25 de diciembre de 2012

Bo Nadal?

Balada de Nadal (Castelao)
Esta noite de Natal
noite de grande alegría
camiñando vai José
e maila Virgen María
canc. pop. galega

O pasado sábado aparecía no diario La Región un artigo asinado por Afonso Vázquez Monxardín que levaba este título:  “Bo Nadal? Seguro?”  Nel, o autor preguntábase se a forma correcta do nome en galego deste tempo do nacemento de Cristo non debería ser a mesma ca no portugués, é dicir, Natal; do contrario, escribía el, “sería a única sonorización dunha oclusiva dental que evolucionase distinta en galego e portugués”. O asunto pareceume interesante, e escribir algo sobre el un bo xeito de abandonar a inclemente actualidade e retornar a un dos temas habituais do meu blog: o léxico galego.

Postos en materia, en efecto, a primeira vista pode sorprender a diverxencia entre o portugués e o galego na forma normativa de denominar ó tempo da Natividade (< lat. nativĭtas,ātis):  Natal en portugués e Nadal en galego. As dúas proceden do latín natālis, de onde a sonorización  t>d conduciu a nadal. Pero esa sonorización, en xeral, foi común na Península Ibérica e  non afectou só ó galego-portugués ou ó catalán -que se cita no artigo pola coincidencia da forma Nadal co galego-, senón tamén ó castelán. Por iso, se acudimos ó diccionario da Real Academia Española atopamos Nadal ‘Día de Navidad’, como forma en desuso do castelán. Os exemplos que pon o autor do artigo de conservación da t non valen: convento (< lat. conventus) simplemente non deu convendo porque o grupo nt consérvase, coma en ponte, fonte ou monte; e nota (do lat. nota) é un cultismo, é dicir, unha das numerosas palabras que na súa morfoloxía non seguiron os cambios evolutivos normais desde o latín, habitualmente por consideracións culturais.  Por que o Natal portugués? Pois por iso, porque os portugueses prefiriron normativizar o cultismo natal e prescincir da forma patrimonial nadal. Mentres, en galego, e en castelán!, temos o doblete ‘voces diferentes cunha mesma orixe etimolóxica’ natal/nadal, o mesmo ca crear/criar, artigo/artello, estuario/esteiro etc., etc. Tanto en galego coma en castelán reservamos para natal o significado principal de ‘relativo ó nacemento’ –dise p. ex.: Galicia é o seu país natal-, e abandonouse (alomenos no idioma normativo) o de ‘día da Natividade’. Pero a forma patrimonial común, para o galego, o portugués, o castelán  e o catalán, estea ou non estea en uso, é nadal.

Centrándonos no significado de ‘día da Natividade’, no castelán perdéronse Nadal e Natal ó ser desprazados por Navidad (haploloxía de *nadividad, do lat. nativĭtas, ātis). Na Idade Media atópanse  numerosos exemplos da utilización desas formas en castelán: “C sueldos a la primera fiesta de Nadal” (Anónimo de 1250); “desta primera fiesta de Natal en adelante” (Anónimo 1252); pero a partir do século XV practicamente desaparecen. No caso do galego, na Idade Media conviven as dúas formas, pero con preeminencia da forma culta: o Corpus do TMILG rexistra 350 casos de Natal fronte a 27 de Nadal. Logo dos séculos escuros, continuou a convivencia das dúas formas na escrita, pero, por razóns que se me escapan, con preeminencia de Nadal; ata que chegou a normativización. Hai que sinalar, non obstante, que bastantes autores, entre eles Risco ou o actual presidente da RAG, X. L. Méndez Ferrín, usaron preferentemente a forma Natal.

En suma, Nadal é a forma patrimonial e Natal a forma culta. Tan galega a unha coma a outra. E o mesmo poderíamos dicir para o castelán ou para o portugués. Na fala, en efecto, aínda están vivas as dúas formas, o mesmo ca Navidá, que, por certo, tamén está documentada no galego medieval. No galego normativo non se acepta nin Natal nin Navidá. Por que? Ah! Iso haberá que preguntarllo ós académicos! 

Bo Nadal. Bo Natal. Feliz Navidá para todos.

domingo, 16 de diciembre de 2012

O Nacemento


O Nacemento de Longoseiro

Entre as saudosas lembranzas do tempo de Nadal de antano hai unha sobre a que quixera escribir hoxe: a do “Nacemento”. Si, xa sei que as Árbores e os Papá Noel son agora os principais símbolos do Nadal, pero eu son do tempo dos Nacementos e dos Reis Magos. Cóntovos: 

En San Clodio, alá polo segundo domingo de decembro comezaba para os nenos o importante e gozoso traballo de facer o Nacemento.  Esa tarde íase coller o musgo. Collíase no Amoeiro, un monte que está entre o Mosteiro e San Sebastián, pola antiga verea que unía San Clodio con San Roque e Anllo. As “capelas” de musgo sacábanse con gran coidado, metendo as dúas mans por debaixo e levantando a modiño, e tiñan máis mérito canto máis grandes e máis limpas foran. Logo colocábanse con xeito nun carriño de man que se levaba para tal efecto, sempre cara con cara para que non se manchase en nada o puro verdor do musgo. Cando o carriño estaba acugulado levábase para o Mosteiro e deixábanse as capelas nunha das “cortes”, nome que levaban os numerosos espazos non utilizados que había arredor do claustro vello. Ó mesmo tempo, algúns dos rapaces maiores, que xa sabían manexar un serrón ou un martelo, ían construíndo a plataforma de madeira, unha especie de palco, sobre a que se faría o Nacemento. A plataforma ocupaba todo o espazo absidal da nave da epístola ou “das Marabillas”, que así se chamaba porque estivera presidida en tempos pola imaxe desa virxe. O domingo seguinte, cando todo o material xa estaba preparado, viña un dos episodios máis esperados, o de ir a buscar as figuras do Nacemento. Estas atopábanse nunha grande sala que estaba situada no primeiro piso do convento, xusto entre os dous claustros. As figuras botaban alí todo o ano, entre restos mobles rotos, anacos dalgún antigo retablo, táboas e puntóns. Era un dos poucos días en que se podía andar polas estancias superiores do convento sen unha vixilancia directa dos frades. Esa sala tiña ademais outro encanto: desde ela, con algo de axilidade, podíase acceder ó fallado por unha trapela. Antes de coller as figuras do Nacemento, nunca faltaba unha viaxe exploratoria polos vastos e ignotos territorios do fallado do convento, unha aventura tan fascinante coma un relato de Julio Verne. As figuras do Nacemento parecíannos fermosísimas e enormes, e así as sigo a ver eu no meu maxín. Había que facer varios viaxes, pois soamente se nos permitía levar unha de cada vez: os reis, os paxes, os pastores, a mula, o boi, o san Xosé, a Virxe María (o neno Xesús estaba ó coidado directo dos frades), as ovellas, o can, a muller que lavaba no río… O home do pote era un dos máis desexados, pero ese acostumaba baixalo o monaguillo máis veterano: nestas cousas había unhas xerarquías moi definidas. Entre as construccións estaba o pesebre, o castelo de Herodes, as casiñas dos pastores, a ponte, o pozo da auga … Pero a que máis nos gustaba era o “chalé”,  un verdadeiro chalé de planta cadrada, de estilo modernista, con ventás e balcóns a tódalas fachadas e unha artística cerrada que o arrodeaba; cando se lle instalaba a luz e as ventás cubertas de papel de celofán vermello se iluminaban, todos pensabamos no marabilloso que sería ter unha casa así... 

Da colocación do musgo, do deseño dos camiños con serrín e da situación das figuras ocupábanse os máis veteranos, sobre todo o Juan do Presidente, que agora leva anos en Barcelona e que tiña moito xeito para estas cousas, nas que eu nunca pasei de simple peón. Os últimos detalles dábanos eses poucos privilexiados en segredo, detrás dun telón, baixo a supervisión da sancristana, a Carmiña a Ferreira, e do párroco, o Padre Ofilón. Había anos en que incluso corría un regueiro de auga polo medio e medio do Nacemento,  algo que causaba asombro entre todos os que se acercaban a contemplar o Belén de San Clodio, sen dúbida o mellor de toda a contorna. O domingo anterior á Noite Boa ou ese mesmo día na Misa do Galo sacábase o telón e todos corríamos ilusionados a ver como quedara o Nacemento. Para os nenos era un dos acontecementos máis esperados do ano. A min sempre me parecía fermosísimo e era capaz de botar horas enteiras mirando para aquel pedazo do mundo en miniatura. 

Durante anos tratei de imitar o Nacemento de San Clodio na nosa casa. Primeiro foi na trastenda dos ultramarinos do meu avó Emiliano, con moi pouco entusiasmo pola súa parte, pois non lle gustaba nada que remexera nas súas cousas, e logo na propia tenda, cando esta xa cerrara pola competencia desleal dos novos “supermercados” de Leiro. Entre o Enrique -que ás veces le o que escribo desde o Brasil-e máis eu, durante o ano, como descendentes de carpinteiros que eramos, fomos construíndo con taborelas unhas casiñas semellantes ás do convento, o castelo, o pesebre, a ponte... Con iso e con algunha que outra figura mercada na tenda da Marisa da Veiga, en Leiro, e outras que había pola casa, fun facendo os meus primeiros Nacementos. Logo, cando xa ía ó Instituto, a cousa foi mellorando con algunha figura mercada, entre as máis baratas, na librería Valeiras de Ribadavia –con que cobiza mirabamos para aquel escaparate cheo das  marabillas dun Nacemento!-. Pero cando de verdade me sentín orgulloso foi cando fun capaz de instalar un circuíto de alumeado eléctrico no meu Nacemento –logo das prácticas nesta disciplina con don Jesús “O Cerilla”,  no segundo curso do Instituto-. Teño que dicir que os inimigos máis grandes do meu Belén eran os ratos, que desfacían de noite o que eu facía de día. Foi así que, un ano, talvez despois de ver algunha película da Segunda Guerra Mundial, discorrín, sen dicirlle nada ó meu avó, instalar uns arames electrificados arredor do Nacemento, para a súa protección. Na primeira noite caeu un dos ratos saboteadores, que apareceu chamuscado. Pero houbo un conato de incendio na casa e o asunto acabou nunha malleira e na retirada inmediata de tódolos elementos eléctricos do meu Nacemento…

Xa non hai rapaces en San Clodio, pero supoño que pola sancristía aínda quedará algunha das figuras aquelas que tanto nos ilusionaron a xeracións e xeracións de nenos da parroquia… Hoxe foi domingo. Na parroquial de Longoseiro, onde asisto á misa regularmente coa miña familia, hai un humilde pero fermoso Nacemento. Non é tan grande coma aquel de San Clodio, pero está feito con moito xeito e con moito cariño. Cando rematou a misa quedeime a miralo con máis detemento, e lembreime, con nostalxia, do Nacemento de San Clodio e do meu, do chalé e do vello do pote, do fallado do convento e dos meus amigos da infancia, esparexidos uns por este mundo e outros polo outro… Estou seguro que, cada Nadal, tamén eles, o mesmo ca min, se lembraran do  Nacemento de San Clodio...







sábado, 1 de diciembre de 2012

Johnny Guitar



O xoves pola noite abandonei o seguimento de calquera tipo de actualidade para ver, acurrucado no sofá, a película que pasaban na TVE1: “Johnny Guitar” (1954), de Nicholas Ray, unha das miñas favoritas. Non sei cantas veces a levo visto, pero foron moitas, e algunhas das súas secuencias moitas máis. Lémbrome especialmente de cando a puxemos en Carballo, no Cine Club, en versión orixinal subtitulada; debeu ser a finais dos anos oitenta, unha noite de calquera venres de inverno, no antigo Cine Rega. Quedoume para sempre na memoria a resposta de Johnny (Sterling Hayden) ó barman do casino de Vienna (Joan Crawford), cando este lle pregunta a quen debía anunciar: “My name is Johnny…Guitar”. Ás veces penso que o tan coñecido “I´m Bond… James Bond” do Axente 007, coa mesma pausa intermedia, puido ser copiado desa secuencia de “Johnny Guitar”. E iso a pesar de que Sterling Hayden nunca podería ter feito de James Bond.

Os clásicos, tanto na literatura coma no cine, na pintura ou na música, son moi fáciles de recoñecer: son aquelas obras  que canto máis as les, as contemplas ou as escoitas, máis che gustan. A maiores, unha memoria fráxil coma a miña fai moito máis agradables estas revisións, porque reúnen nunha soa experiencia o pracer de ver de novo paisaxes amadas co de recuperar matices que xa se perderán no insondable pozo do esquecemento. Pero é que, ademais, teño unha debilidade especial por este clásico: nel aparecen dous dos meus actores preferidos, Sterling Hayden e John Carradine, dous grandes perdedores da pantalla –como non lembrar a Dix (Sterling Hayden), o granxeiro arruinado convertido en foraxido, na “Xungla de Asfalto” de John Huston, ou a Casy (John Carradine), o predicador que deixara o seu oficio por xa non saber de que predicar, nas “Uvas da Ira” de John Ford-. E as grandes historias do cine, coma as da literatura ou as da vida mesma son historias de perdedores. Como dicía Camus, non existen as causas victoriosas, e por iso lle gustaban máis as perdidas.

Hai un acordo case xeral en considerar a secuencia do diálogo entre Sterling Hayden e Joan Crawford, cando lembran o seu antigo amor e a felicidade perdida, como unha das máis logradas da historia do cine. Nela, Johnny, sentado á mesa do bar, tomando unha copa, pídelle a Vienna que lle minta, que lle diga que todos eses anos o estivera agardando; ela, coma un eco, séguelle o xogo amargamente: “Si. Todos estes anos te estiven agardando”… “Dime que aínda me queres como eu te quero”. “Si. Aínda te quero como ti me queres”. “Grazas. Moitas grazas”, remata Johnny co cruel diálogo. Si, é magnífica, e así a consideraron Godard ou Truffaut, entre outros. Pero a min gústame tanto ou máis outra, unha que está case ó principio do filme. Ocorre tamén no bar, a tensión entre Vienna e o grupo de Dancing Kid, por un lado, e Emma e os habitantes do pobo, por outro, está a punto de estourar por causa do asasinato do irmán de Emma no asalto á dilixencia. Un dos amigos de Dancing, nervoso, derrama unha copa de wisky e o vaso roda pola barra; cando vai caer ó chan, aparece unha man que o pilla no aire. É a de Johnny, que estaba xantando nun reservado e escoitara a discusión. Cun café na man, sen armas e situado entre os dous grupos de inimigos a piques de matarse, pide un cigarro e fala tranquilo:

-Non hai nada mellor ca un cigarro despois do café... Hai homes que só desexan ouro e prata; outros só queren moitas terras e gando; e algúns só devecen polo whisky e as mulleres… Pero se un repara ben, que é o que máis nos enche? Un cigarro e unha cunca de café!

A cámara salta entón ó ventanuco que dá á cociña, o mesmo ventanuco que centrará a secuencia do diálogo amoroso de Johnny con Vienna. Nel aparece Tom (John Carradine), o empregado máis fiel de Vienna, que acolle cun amplo, agradecido e sincero sorriso a salvadora intervención de Johnny. Nunca me canso de ver esta secuencia!

 Neste “western irreal” e “barroco”, como foi cualificado por Bertolucci e Truffaut, deixando á marxe as súas claras referencias á “caza de bruxas”, o poderío das dúas personaxes femininas ou incluso certas imperfeccións técnicas –coma a deficiente montaxe-, un pode atopar tódolos condimentos dunha gran traxedia clásica: o amor, o odio, o fanatismo, os celos, a vinganza… a morte; poderíamos consideralo un western teatral e ata shakesperiano. A súa atipicidade dentro do xénero resulta tan absoluta que o heroe, antigo pistoleiro, non fai practicamente nada en toda a película; pasa o tempo quieto ou observando, e só de cando en vez fai algún comentario cheo de sabedoría e poesía… Pero de entre todas as lecturas posibles, que son moitas, como resulta normal  en toda grande obra de arte, eu quédome con aquela que ve na película de Nicholas Ray –outro gran perdedor-, a tráxica historia do paso inútil do tempo e da soidade do home, o mesmo problema que atormentaba a Unamuno. Johnny é un perdedor, un home que, cansado de loitas e violencias, descobre unha gran verdade da vida: un café é un cigarro despois de xantar, unha muller con quen compartir a existencia…  son das poucas cousas que precisa un home para ser feliz.

Se alguén aínda non viu esta película, ou calquera das outras dúas que cito, que non agarde máis e as vexa de contado. Agradeceramo.


A secuencia do café, entre o minuto 14:40 e o 16:30 (en inglés)