Mostrando entradas con la etiqueta P. Valery. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta P. Valery. Mostrar todas las entradas

martes, 21 de febrero de 2017

Preocupación



Apenas houbo que esperar. A primeira declaración de guerra de Donald Trump como presidente dos EE UU produciuse tan só un día despois da investidura, e foi contra os medios de comunicación. Bastou a publicación dun par de fotografías constatando que a asistencia á súa toma de posesión fora inferior á de Obama do 2009 para que dixese que estaba en guerra cos medios e que entre os periodistas estaban «algunhas  das persoas máis deshonestas do planeta». Logo, o seu secretario de prensa Sean Spicer,  emulando ó Groucho Marx de «a quen vai vostede crer, a min ou ós seus ollos?», afirmaba que a cerimonia fora «a de maior audiencia nunca vista nunha toma de posesión. Tanto en asistentes ó acto coma a distancia.». Pero o máis comentado foi o dito pola conselleira Kellyanne Conway cando saíu en defensa de Spicer: «El o que fixo foi presentar feitos alternativos». Un concepto, este dos “feitos alternativos”, que trouxo á memoria de moitos a totalitaria e represiva sociedade orwelliana de “1984”, a súa “neolingua” e aquel sinistro  “Ministerio da Verdade” encargado da difusión masiva de mentiras. De feito, “1984”, a novela publicada por Orwell en 1949, que sempre fora lectura minoritaria, excepto cando a adaptación ó cine por Michael Radford, pasou nestas últimas semanas  a situarse entre os libros máis vendidos por Amazon. E xa acontecera algo parecido en Francia despois dos atentados do 2015 contra a redacción de Charlie Hebdo, cando ós poucos días se  esgotaran tódolos exemplares do “Tratado sobre a tolerancia” de Voltaire.
Este refuxio literario fronte ás ameazas totalitarias fíxome recordar un ensaio de Paul Valery: “A liberdade de espírito”, publicado en 1939 –atención á data-. Nese magnífico ensaio, apunta Valerý que é moi raro que pensemos en que somos libres cando nada nos demostra que non o somos ou que poderíamos non selo. Para el, a consciencia da liberdade só aparece por efecto dun contraste. Sería algo similar ó que ocorre coa saúde, que pouco pensamos nela cando a gozamos, pero que se converte en preocupación permanente cando a perdemos ou a vemos en perigo, momento ese no que todas as nosas forzas se concentran en tentar restablecela.
Pero se a sensibilidade diante dos males do corpo é bastante parecida en tódolos individuos, a sensibilidade fronte ós males que impiden o desenvolvemento das liberdades do espírito aparece moi diversa. E non resulta nada estraño que a imposición de obstáculos ó tránsito desas liberdades produza moita menos resistencias das que nun principio prevén os homes cultivados. Velaí unha das causas do frecuente trunfo dos tiranos na historia da humanidade. «Vostedes saben o que está pasando moi cerca de nós: observen os efectos desta presión sobre o espírito e observen ó mesmo tempo a pouca reacción que provoca», escribía  Valery referíndose ó que daquela estaba pasando en Alemaña, sen citala. A preocupación de Valery estaba ben xustificada: ós poucos meses de escribir iso xa sabemos o que pasou.
Non se trata de situacións comparables, é certo. Por sorte, se EE UU perdura como a democracia contemporánea máis antiga do mundo é porque non só conta con mecanismos de control e contrapeso suficientes para resistir ameazas totalitarias, conta ademais cunha opinión pública e cuns medios de comunicación que, como estamos vendo, non permanecen calados diante das arremetidas do novo presidente. 
O que talvez se bote en falta é unha maior reacción de Europa, unha das principais damnificadas polo discurso de Trump. Din moitos que convén esperar, que de momento case todo foron palabras. Pero eu quixeralles recordar algo: que no principio sempre foi o verbo.


Artigo publicado no diario La Región o domingo 10 de febreiro do 2017.