Mostrando entradas con la etiqueta Alonso Montero. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Alonso Montero. Mostrar todas las entradas

lunes, 10 de abril de 2017

Xesús Alonso Montero


O pasado 17 de marzo cesaba Xesús Alonso Montero como presidente da Real Academia Galega. E sorprendeume a pouca relevancia que se lle deu á noticia, desde logo moi inferior á da súa elección no 2013, trala dimisión de Méndez Ferrín, naquel ambiente de confrontación entre académicos.
As academias da lingua están todas inspiradas na francesa, que  fora promovida en 1635 polo astuto e malicioso cardeal Richelieu, para moitos o auténtico creador do Estado moderno centralizado (e dos servizos secretos). Esta academia tiña como fin formal regular e desenvolver a lingua, pero no que pensaba realmente Richelieu era en dispor dunha institución controladora e conservadora, capaz de desarmar a linguaxe perigosa, coñecedor do poder invencible da palabra popular. Para iso pensou en honrar na nova institución ós escritores, pois sabía das súas ansias por recibir honores e distincións. Voltaire, que foi membro da francesa, xa cría que un dos fins principais das academias era o intercambio de discursos laudatorios entre os académicos. E esa idea da “Laudatio”, por moito que se diga, segue presidindo o sentido das academias e institucións semellantes. Por todo iso, aínda respectando o seu significado e valorando os seus traballos, non estou eu moi atento ós avatares da Academia Galega. Pero, neste caso, interésame a institución polo home. Por Xesús Alonso Montero, amigo meu e ribeirau coma min.
Resultou polémica a súa elección no 2013. Non obstante, sabido que os principais obxectivos da academia son a defensa, o estudo e a promoción da lingua e da cultura de Galicia, resulta obvio que ningún outro académico da galega podía presentar no 2013 –tampouco agora- unha folla de servizos comparable á súa. De feito, o que realmente sorprende é que Alonso Montero non fose elixido antes presidente da institución. Porque, cando moitos dos seus críticos aínda non aprenderan as catro regras, e a maioría deles nin sequera dixeran as primeiras palabras en galego, xa andaba el defendendo a nosa lingua co maxisterio, a lucidez e a valentía que sempre o caracterizaron.
Eu souben del hai agora cincuenta anos, por un tío meu que se fixera cun libro daquela prohibido en España: o agora mítico Galicia Hoy, impreso na Arxentina e editado por Ruedo Ibérico en 1966. O libro incluía un atrevido traballo sobre o estado do galego que Alonso Montero asinaba con nome e apelidos, a diferenza da maioría dos colaboradores, que preferiran agochar os seus nomes detrás de pseudónimos, por temor ás represalias do franquismo. E cando iso, xa levaba o profesor máis dunha década defendendo a causa do idioma.
Pero hai algúns sectores do nacionalismo –talvez escasos, pero con gran predicamento- que non aturan a ninguén que se atreva a levantar a bandeira da lingua desde fóra das súas filas. E moito menos se o atrevido é de esquerdas e ousa criticar as políticas que defenden. Por iso nunca aturaron a Alonso Montero. Todos lembramos como se puxeron cando dixo, no contexto dunha moderada crítica a tódolos partidos en relación co idioma, que o BNG era coma esas nais que queren moito ós seus nenos, pero tanto os apertan que os abafan. Unha idea que, por certo, compartimos moitos dos que cremos máis na persuasión ca na férrea imposición normativa do idioma.
Cumpriu de sobra Alonso Montero co seu cometido, e hai que felicitalo, pero non lle puxeron fácil o mandato. “O noso non é a espada. O noso é a palabra”, repetiu a miúdo. Esqueceuse de algo que xa apuntara o resabido cardeal Richelieu: “as feridas de espada curan facilmente, pero non así as de palabra”. E, dado o caso, non hai palabras que máis firan cás verdadeiras.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 2 de abril do 2017

sábado, 29 de junio de 2013

Toponimia do Carballiño


O día 14 de xuño presentabamos no Salón de Plenos do Concello do Carballiño o meu libro Toponimia do Carballiño. Si, xa sei que soa a moi oficial, pero a Casa da Cultura estaba ocupada pola Peña Barcelonista. A presentación correu a cargo de Xesús Alonso Montero, quen, como resulta evidente, non estaba alí pola categoría da miña obra, senón en razón da amizade que nos une. Tamén falaron: Avelino Muleiro, director do Instituto de Estudios Carballiñeses, o alcalde do Carballiño, Argimiro Marnotes, e Lucila Ventoso, da Editorial Andavira. Os eloxios que alí se fixeron do autor e da obra foron, sen dúbida, excesivos; pero isto sempre ocorre neste tipo de actos, nos que un adoita estar acompañado por verdadeiros amigos. Eu, pola miña parte, agradecín a presenza de tódolos circunstantes e o traballo dos que colaboraron e fixeron posible a edición de Toponimia do Carballiño, en especial: Francisco Fumega, polo mapa toponímico; Juan Rúa, polas fotografías, e as profesoras Anabel Boullón e Rita Abraldes, así coma o profesor Pepe Troitiño, por diversas contribucións que axudaron a mellorar o libro. Logo, lin un texto preparado para a ocasión, artellado arredor da descuberta que fixera non había tanto tempo de dúas cousas moi importantes que tiñamos en común Xesús Alonso Montero e máis eu: a primeira, que ningún dos dous rematamos de ler O Quixote; a segunda, que nunca daremos por rematada esa lectura. Así que a tarde foi moi cervantina e o acto resultou fermoso e emotivo. E todos quedamos moi contentos, que era do que se trataba.

Agora o libro xa está nas librerías, onde pode adquirirse ó prezo de 12 euros. Quero sinalar que para a edición non se pediu ningún tipo de subvención. E sobre isto dicía na presentación:

«...Eu, aínda que entendo e defendo que os gobernos deben apoiar a cultura, en xeral son contrario ás subvencións, que case sempre acaban sendo un medio de favorecer ós amigos. No caso concreto dos libros, estou de acordo cunha afirmación lapidaria de Pla, escritor do meu gusto, que dicía que o home non fora posto na Terra para ler libros. Trátase, aínda que hoxe non resulte moi propio dicilo, dunha verdade incontestable, xa que a única encomenda que se nos fai no capítulo I do libro do Xénese é a de “medrade e multiplicádevos!”. Encomenda á que, obedientes, nos seguimos aplicando os humanos cun entusiasmo moi superior ó que poñemos na lectura dos libros. Pois ben, do postulado de Pla deduzo que se o home non foi posto na Terra para ler libros, moito menos puideron ser postos os concellos ou as deputacións para editalos. Si, desconfío da cultura subvencionada. Don Albino Núñez, autor ourensán de obrigado coñecemento, e a quen, por outras razóns,  cito cumpridamente no meu libro, deixou escrito isto: “El Quijote fue escrito en un lugar donde toda incomodidad tiene su asiento. Cuando el arte es un lecho de rosas, los creadores acostumbran ser un conjunto de mediocridades que tienen como principal talento descubrir sinecuras y un fino olfato para las conveniencias”. Os galegos deberíamos saber que Neira Vilas e a súa muller Anisia Miranda andaron por Bos Aires cargados cunha maleta chea de Memorias dun neno labrego, indo de sociedade en sociedade, para tratar de vendelas e recupera o diñeiro gastado. Que o meu ilustre conveciño don Eladio Rodríguez morreu sen ver publicado o seu magno dicionario, editado anos máis tarde, non grazas a unha subvención pública, senón á financiación desinteresada dun grupo de emigrantes galegos en Venezuela. Ou que Domingo Fontán, o autor do mapa que serve de trama á portada do libro, cando en 1834 lle entregaba a primeira copia do seu traballo á raíña rexente escribía: “aspirando tan sólo ser útil a Galicia consagré a este objeto mis ahorros, mi salud y mis tareas científicas por más de docena y media de años”. Non, ningunha das grandes creacións da cultura galega se fixo grazas a unha subvención. En consecuencia, sería inxusto que unha obra tan insignificante coma que hoxe aquí presentamos a tivese. Foi así, con estas razóns e con cinco pesos no peto, como cheguei á porta da editorial Andavira, como o libro comezou a saír adiante e como eu comecei a estar máis tranquilo. Porque, como lle dicía don Quixote a Sancho no seu eloxio da liberdade: “Venturoso aquel a quien el cielo dió un pedazo de pan, sin que le quede obligación de agradecerlo a otro que al mismo cielo”.».

Outro tema que sempre aparece cando se publica un destes libros é o do seu carácter local e interese limitado. Sobre iso dixen:

«...Un día despraceime á biblioteca de Ourense para consultar o libro Toponimia de Marín, do eminente relixioso e lingüista de Xunqueira de Ambía, profesor Elixio Rivas. Para a miña sorpresa o libro aparecía nos ficheiros pero non nos estantes. Intereseime polo tema e descubrín que os responsables da biblioteca de Ourense, emulando ó cura e ó barbeiro no donoso e grande escrutinio que fixeran na biblioteca de don Quixote, condenaran á Toponimia de Marín de Elixio Rivas igual có Licenciado Pero Pérez e Maese Nicolás condenaran ó Amadís de Grecia ou ó Felixmarte de Hircania. A razón que neste caso esgrimían era que se trataba dun libro de interese local, como deixaba ver ben ás claras o seu título, Toponimia de Marín; de nada serviu que eu intercedese polo manual, dicíndolle que se trataba dunha das obras máis principais da toponimia de Galicia, e que o seu autor, ademais, era veciño de Ourense. A decisión estaba tomada: ó curral con el!  Creo que tampouco houbera valido de nada que lles lese unha pasaxe do libro na que o autor escribía que escollera Marín por razóns de estancia, pero que “cualquiera retazo de Galicia cumpliría el mismo fin”, co que quería dicir que calquera concello, incluso calquera parroquia de Galicia diría eu, valería para acometer o estudo da toponimia da Nosa Terra. Porque, en efecto, as parroquias, e os concellos galegos na súa orixe non son máis ca sumas de parroquias, son coma as células dun ser vivo, que dentro conteñen toda a información xenética que explica de onde tal ser vén. Nas parroquias, se o sabemos buscar, atoparemos, coma quen di, o noso ADN histórico e identitario. Como resulta obvio, nunha soa parroquia ou nun só concello non están tódolos topónimos, pero si están os fundamentos de toda a toponimia de Galicia.  Castelao apenas recollía citas nos seus textos,  pero dá unha de Heine que vale por centos, e que eu repito a miúdo: Así como dende a máis pequena fiestra pode contemplarse a inmensidade do ceo, dende a máis pequena terra pódese comprender toda a grandeza do mundo... Polo tanto, non nos deixemos enganar polos títulos dos libros...».

Algún preguntarase como non din noticia no meu blog da presentación do libro. "Y así, sin dar parte a persona alguna de su intención, y sin que nadie le viese, una mañana, antes del día se armó con todas sus armas, subió sobre Rocinante... y por la puerta falsa de un corral salió al campo con grandísimo contento y alborozo de ver con cuánta facilidad había dado principio a su buen deseo". Se a maior aventura endexamais contada comezou dese xeito, como non debería comezar calquera brincadeira coma a miña?