Mostrando entradas con la etiqueta Haxiografía. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Haxiografía. Mostrar todas las entradas

miércoles, 25 de enero de 2017

San Amaro


Non hai tempo mellor para ler vidas de santos ca este de xaneiro, que, polas súas inclemencias climáticas, é o que máis convida ó recollemento e á lectura. Ocorre tamén que, no meu caso, teño certa debilidade polos santiños do inverno. Nalgúns lugares de España, esta semana que comezou co San Mauro e co San Pablo Eremita (15) e remata agora co San Vicente (22) coñécese como a dos santos barbudos, e está reputada como a máis fría do ano. Aí están, ademais, San Marcelo (16), San Antón Abade (17) e San Sebastián (20). Pero o meu ciclo esténdese algo máis, pasa por San Xoán Crisóstomo (27) e Santo Tomás (28), e chega á Purificación da Nosa Señora, o 2 de febreiro, e ó San Blas, o 3, de quen son especialmente devoto porque fun ofrecido de neno por miña nai, por causa dunha espiña de bacallau que se me atravesara na gorxa.
Pero de quen quero escribir hoxe é doutro santo, de San Amaro, que tamén se celebra o 15 de xaneiro, pero que se confunde habitualmente con San Mauro. Aínda que nada teñen que ver. San Amaro é un santo lendario que nunca foi recoñecido pola igrexa, pero que gozou de moita devoción en Galicia. Basta ver o número de lugares e capelas que levan o seu nome, a pesar de que non ser poucos os casos nos que o seu padroado foi substituído polo de San Mauro. Por iso foi un nome relativamente frecuente na Galicia medieval, e de aí que exista o apelido patronímico Amaro. En concreto, nun padrón de San Clodio de 1580, Amaro aínda estaba entre os nomes máis frecuentes de varón; pero desde mediados do XVI as normas de Trento xa obrigaban o bautizo con “nombres de santos y santas que están en el cielo”, segundo lembraba o bispo de Ourense don Francisco Manrique ós párrocos nas constitucións sinodais de 1544. E debeu de ser a partir desa época cando se comezou a tapar a San Amaro con San Mauro e cando desaparecen os Amaro da onomástica persoal galega.
Non obstante, “A vida do benaventurado San Amaro” foi un dos relatos máis difundidos na Idade Media por toda a península Ibérica, e aínda se mantén como lenda folclórica nalgunhas partes de Galicia. A lenda conta que un santo varón, de nome Amaro, virtuoso e de boa familia, preguntaba a tódolos peregrinos que atopaba se sabían como chegar ó Paraíso Terreal. E unha noite unha voz celeste mandoulle que saíse ó mar e que Deus o guiaría. Pasados setes meses desde o embarque chegou á illa de Terra Deserta, onde as mulleres eran fermosas e os homes feos. Pronto a mesma voz que oíra mandoulle embarcar de novo, e pasado o mar vermello chegou á terra de Fonte Clara, onde a xente era moi boa e moi guapa, e vivía arredor de trescentos anos. Pero de novo a voz lle esixiu que partira, non fose que se acostumase a vivir alí e xa non quixese buscar o Paraíso. Despois de múltiples aventuras chegou ó Val de Flores, onde coñeceu a Leonatis, quen lle indicou que debía deixar nese lugar ós seus amigos e seguir só ata un mosteiro de mulleres situado na base dunha montaña. Alí estaba Baralides, unha santa muller que vira o Paraíso e incluso trouxera un par de ramos floridos que tiñan o poder de converter calquera pena en alegría. Desde alí o santo, despois de escalar a montaña, chegou a un val onde había un castelo precioso con catro torres, e por debaixo de cada unha saía un gran río. Quixo entrar no castelo, pero un garda impediullo, aínda que lle deixou ver o interior desde a  entrada. Deuse conta entón que estaba vendo o desexado Paraíso. O garda ofreceulle levar froitas do mesmo, pero o santo preferiu un saquiño de terra.
Cando regresou a onde deixara ós compañeiros, atopou alí unha gran cidade e que non coñecía a ninguén: pasarán máis de trescentos anos desde que se fora, aínda que a el lle pareceran só uns días. Acabou morrendo nesa cidade, sendo soterrado no mosteiro que alí fundou.


Artigo publicado no diario La Región o domingo 22 de xaneiro do 2016.