Mostrando entradas con la etiqueta Piketty. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Piketty. Mostrar todas las entradas

martes, 20 de enero de 2015

Piketty: capitalismo e desigualdade


A semana pasada visitaba Madrid Thomas Piketty, o economista de moda; presentaba a versión castelán do seu libro O capital no século XXI, o maior éxito editorial do 2014. Talvez desde A historia do tempo de Stephen Hawking non sucedera nada semellante, porque se trata dun libro de historia económica, non dunha novela. É probable que o libro, igual có de Hawking, quede novo adornando estantes en moitas casas; pero non ten maior importancia, os grandes libros lense pouco: os Ensaios de Montaigne,  A orixe das especies de Darwin, o Ulises de Joyce…; e no caso concreto do pensamento económico, cántos leron A riqueza das nacións de Smith, O Capital de Marx ou a Teoría Xeneral de Keynes? Por que entón este interese polo libro de Piketty? Talvez porque a xente pensa atopar nel unha nova forma de entender o capitalismo. Tódalas grandes transformacións viñeron asociadas a cambios de paradigma; pensemos en Copérnico, en Smith, en Einstein, en Picasso... Todos propuxeron cambios de paradigmas, de formas de entender a realidade, buscando unha saída a situacións críticas. Agora a sociedade tamén vive unha situación crítica, que parece imposible de superar cos vellos paradigmas: por iso a xente está atenta a calquera novidade.
Piketty céntrase na economía, máis concretamente na evolución da desigualdade. Trata de dar resposta a unha pregunta fundamental: cómo se distribúe a riqueza na sociedade capitalista? Desde a esquerda sempre se defendeu que o capitalismo liberal puro conduce a unha sociedade desigual e inxusta, e que por iso se precisan decididas políticas redistributivas; mentres, na dereita sempre opinaron que o mercado era capaz de autoregularse, e que as desigualdades simplemente reflicten os merecementos de cada un. Pero en 1955 sucedía algo importante: Simon Kutznets publicaba un estudo, con datos dos EEUU de 1913 a 1948, que demostraba que se ben a desigualdade medraba nas primeiras fases do capitalismo, logo, nas máis avanzadas, diminuía ata estabilizarse nun nivel aceptable. E isto, que foi un dos piares teóricos dos neoliberais, desde que comezaron a aplicar as súas políticas alá polos oitenta, é agora cualificado de mero “conto de fadas” por Piketty: poden imaxinar o entusiasmo da dereita co economista francés! Pero a pertinencia do cualificativo está defendida por unha batería de datos nunca vista, que permite analizar a dinámica da distribución dos ingresos e da riqueza nuns vinte países durante máis de douscentos anos. E cal é a conclusión fundamental? Que hai unha tendencia a longo prazo ó aumento da desigualdade, especialmente á concentración da riqueza no 1% máis rico; a causa condénsase noutra desigualdade, neste caso matemática: r>g, a taxa media de rendemento do capital supera a de crecemento do PIB. Esa tendencia rachou entre 1910 e 1950, pero por causa das dúas guerras mundiais e das políticas fiscais adoptadas, o que explica os resultados de Kutznets. Pero desde os oitenta, tralo fin da época dourada do capitalismo, coa implantación dos postulados de libre mercado e a desregulación financeira, volveuse ó camiño do incremento da desigualdade, atopándonos agora nunha situación crítica, semellante á de finais do XIX, cando as elites vivían máis da riqueza herdada ca da xerada co seu traballo, unha situación que ameaza o crecemento económico e mesmo os fundamentos da democracia.
Non obstante, insiste Piketty, a tendencia á desigualdade extrema non é froito de ningún determinismo económico: tan só das políticas aplicadas. Para revertela bastaría con cambialas... El defende un imposto global sobre a riqueza: sabe que é unha utopía, pero tamén que “no principio foi o verbo”.

Artigo publicado no diario La Región o venres 16 de xaneiro do 2016

domingo, 5 de octubre de 2014

A guerra dos vellos

Celébrase este ano o centenario do nacemento do gran escritor arxentino Adolfo Bioy Casares (1914-1999).  Nas crónicas conmemorativas non hai acordo sobre cal foi a súa mellor novela: “La invención de Morel” (1940) para uns, “Plan de evasión” (1945) para outros, “El sueño de los heroes” (1954) para outros. Todas son notables, pero eu prefiro “Diario de la guerra del cerdo” (1969), unha obra máis madura na que Bioy metaboliza mellor as influencias de Kafka e de Wells. A novela conta a historia dun grupo de amigos maiores, de arredor dos 60 anos, residentes en Bos Aires, que, de repente, se ven envoltos nunha guerra: a que desencadean grupos organizados de mozos que se dedican a cazar e a matar vellos, “cerdos” na súa xerga. O protagonista, Isidro Vidal, é un integrante do grupo de maiores, que se move na fronteira entre a madurez e a vellez, a mesma na que se movía o autor cando escribiu o relato.
A novela admite múltiples lecturas, como todas as de Bioy. A máis evidente é a que conclúe que se trata dunha alegoría sobre a soidade na vellez -«¿por qué se vuelven odiosos los viejos?»-, aínda que ó final a peripecia vital do protagonista deixe unha porta aberta á esperanza: Bioy declarábase home de intelixencia pesimista, pero de ánimo optimista. Non obstante, a lectura que máis me atrae é a que se fixa noutra alegoría presente na narración: a da loita xeracional. Aí e onde radica, ó meu parecer, o maior valor da novela, visionaria en relación co que agora está acontecendo.
Nun momento, un dos vellos manifesta: «La juventud es presa de desesperación. En un futuro próximo, si el régimen democrático se mantiene, el hombre viejo es el amo. Por simple matemática, entiéndanme. Mayoría de votos… La muerte hoy no llega a los cincuenta sino a los ochenta años, y mañana vendrá a los cien…conciban el número de viejos que de este modo se acumulan y el peso muerto de su opinión en el manejo de la cosa pública… Se acabó la dictadura del proletariado, para dar paso a la dictadura de los viejos.». Non hai que ser moi listo para percibir que ese futuro xa chegou. E  ningún lugar mellor ca Galicia, un dos países máis envellecidos do mundo, ou Ourense en particular, a provincia máis envellecida de España, para  observar tan crúa realidade. Porque aquí sabemos ben da desesperación dos mozos, que, cal se dunha nova versión do conto do frautista de Hamelín se tratase, se ven arrastrados a destinos incertos por homes vestidos de negro que reclaman débedas impagadas, que eles non contraeron. E tamén sabemos da ditadura dos vellos: porque aquí son maioría absoluta. Hai quen cre que as carantoñas dos políticos nas xuntanzas da “terceira idade”, o seu xeneroso financiamento das viaxes do Imserso ou a súa resistencia a baixar as pensións, fronte á lixeireza con que acometen outros recurtes, son froito do amor polos vellos. Mentira: son consecuencia exclusiva do seu poder político. Se tivesen o mesmo peso demográfico cá infancia ou a xuventude, terían as mesmas axudas ca eses segmentos da poboación, é dicir: ningunhas.
No “Diario…” a guerra foi efémera. Soterráronse os mortos e poucos días despois do cese da violencia os vellos volvían a inundar as prazas de Bos Aires. Un sobrevivinte comentaba: «Esta guerra era un movimiento que fallaba por la base ¿Y sabes por que fallaba por la base? Porque era una guerra necesaria y la humanidad es idiota»… T. Piketty, no seu recente e monumental libro “Le capital au XXIe siècle” (2013), analiza o avance histórico da desigualdade: conclúe que a prolongación da vida non transformou a tradicional “guerra de clases” nunha “guerra de idades”. Pero iso só significa que a primeira guerra continúa, non que non se teña declarado a segunda: a que Bioy anunciaba.

Artigo publicado no diario La Región o venres 3 de outubro do 2014.