martes, 20 de enero de 2015

Piketty: capitalismo e desigualdade


A semana pasada visitaba Madrid Thomas Piketty, o economista de moda; presentaba a versión castelán do seu libro O capital no século XXI, o maior éxito editorial do 2014. Talvez desde A historia do tempo de Stephen Hawking non sucedera nada semellante, porque se trata dun libro de historia económica, non dunha novela. É probable que o libro, igual có de Hawking, quede novo adornando estantes en moitas casas; pero non ten maior importancia, os grandes libros lense pouco: os Ensaios de Montaigne,  A orixe das especies de Darwin, o Ulises de Joyce…; e no caso concreto do pensamento económico, cántos leron A riqueza das nacións de Smith, O Capital de Marx ou a Teoría Xeneral de Keynes? Por que entón este interese polo libro de Piketty? Talvez porque a xente pensa atopar nel unha nova forma de entender o capitalismo. Tódalas grandes transformacións viñeron asociadas a cambios de paradigma; pensemos en Copérnico, en Smith, en Einstein, en Picasso... Todos propuxeron cambios de paradigmas, de formas de entender a realidade, buscando unha saída a situacións críticas. Agora a sociedade tamén vive unha situación crítica, que parece imposible de superar cos vellos paradigmas: por iso a xente está atenta a calquera novidade.
Piketty céntrase na economía, máis concretamente na evolución da desigualdade. Trata de dar resposta a unha pregunta fundamental: cómo se distribúe a riqueza na sociedade capitalista? Desde a esquerda sempre se defendeu que o capitalismo liberal puro conduce a unha sociedade desigual e inxusta, e que por iso se precisan decididas políticas redistributivas; mentres, na dereita sempre opinaron que o mercado era capaz de autoregularse, e que as desigualdades simplemente reflicten os merecementos de cada un. Pero en 1955 sucedía algo importante: Simon Kutznets publicaba un estudo, con datos dos EEUU de 1913 a 1948, que demostraba que se ben a desigualdade medraba nas primeiras fases do capitalismo, logo, nas máis avanzadas, diminuía ata estabilizarse nun nivel aceptable. E isto, que foi un dos piares teóricos dos neoliberais, desde que comezaron a aplicar as súas políticas alá polos oitenta, é agora cualificado de mero “conto de fadas” por Piketty: poden imaxinar o entusiasmo da dereita co economista francés! Pero a pertinencia do cualificativo está defendida por unha batería de datos nunca vista, que permite analizar a dinámica da distribución dos ingresos e da riqueza nuns vinte países durante máis de douscentos anos. E cal é a conclusión fundamental? Que hai unha tendencia a longo prazo ó aumento da desigualdade, especialmente á concentración da riqueza no 1% máis rico; a causa condénsase noutra desigualdade, neste caso matemática: r>g, a taxa media de rendemento do capital supera a de crecemento do PIB. Esa tendencia rachou entre 1910 e 1950, pero por causa das dúas guerras mundiais e das políticas fiscais adoptadas, o que explica os resultados de Kutznets. Pero desde os oitenta, tralo fin da época dourada do capitalismo, coa implantación dos postulados de libre mercado e a desregulación financeira, volveuse ó camiño do incremento da desigualdade, atopándonos agora nunha situación crítica, semellante á de finais do XIX, cando as elites vivían máis da riqueza herdada ca da xerada co seu traballo, unha situación que ameaza o crecemento económico e mesmo os fundamentos da democracia.
Non obstante, insiste Piketty, a tendencia á desigualdade extrema non é froito de ningún determinismo económico: tan só das políticas aplicadas. Para revertela bastaría con cambialas... El defende un imposto global sobre a riqueza: sabe que é unha utopía, pero tamén que “no principio foi o verbo”.

Artigo publicado no diario La Región o venres 16 de xaneiro do 2016