lunes, 5 de enero de 2015

Rajoy ou o optimismo

Por entrada de año nuevo,
gozaremos de alegría…
Reises populares

En Por que ler os clásicos, Italo Calvino define un clásico coma “un libro que nunca termina de dicir o que ten que dicir”. E dentro da selección dos que, como clásicos, comenta está o Cándido de Voltaire, escrito en 1759, o libro que me veu á cabeza escoitando o outro día a Rajoy, cando facía análise da situación do país e proclamaba as súas optimistas expectativas para este ano que entra. Porque hai un persoeiro na obra de Voltaire, o filósofo Pangloos, que lle cadra como anel ó dedo á figura do noso presidente, mentres o de Cándido estaría ben representado polo conxunto de españois convencidos polo discurso presidencial.
Pangloss, que fora o preceptor de Cándido no castelo onde este se criara, explicaba de xeito admirable que non existe efecto sen causa, que todo sucede para ben e que vivimos no mellor dos mundos posibles, cousas que o pequeno Cándido entendera perfectamente. Pero un fatídico día, un Cándido xa adolescente era descuberto experimentando certos exercicios físicos coa filla dos condes, uns exercicios que desde detrás dunhas silveiras el mesmo lle vira realizar con grande entusiasmo ó seu preceptor cunha criada do castelo, e por razón das causas e dos efectos Cándido foi expulsado do castelo de xeito fulminante, quedando así exposto á vida dos mortais que vivían de fóra das murallas. Desde ese momento as desgrazas e as miserias perseguirían de xeito inmisericorde a Cándido, quen, convertido en xoguete do destino, se vería arrastrado a un periplo vertixinoso por un mundo esencialmente perverso. Foi así que, a pesar da grande fe que sempre tivera nas ensinanzas do mestre, cando alguén lle preguntou que era o optimismo, Cándido contestou apesarado: “É o empeño que poñen algúns en soster que todo é magnífico cando todo é pésimo”. Pero resulta evidente que a resposta de Cándido houbera sido outra se non o tiveran expulsado do castelo; nese caso é probable que nunca houbera dubidado das doutrinas de Pangloss. 
Na situación actual fálase moito da crise e das súas consecuencias, pero son moitos os que aínda a observan desde dentro do castelo. Son os Cándidos que escoitan intramuros as leccións do preceptor Rajoy; os mesmos que observan con cara apenada as torturas que se lle infrinxen ós expulsados, pero que no fondo, respectuosos coas doutrinas recibidas,  están convencidos de que todos estes sufrimentos experimentados en corpo alleo, e máis que veñan, son necesarios e polo ben de todos. Teñen fe en que, co tempo, os proscritos volverán e todos poderemos  desfrutar do benestar de antano; de tódolos xeitos, mentres isto non sucede, cóidanse moito de botar un pe fóra das murallas… En contraposición, fóra da fortaleza, cansos de que mallen neles, reina un gran desánimo e renégase das leccións do preceptor. Ninguén cre que este sexa o mellor dos mundos posibles nin tampouco que poidan volver a gozar do benestar de antano. Se acaso crese que as contadas chamadas que reciben desde dentro teñen como único fin a explotación, e que sexan eles os que paguen as exorbitadas débedas contraídas en anos de nefasta e corrupta administración… Aquí, extramuros, obsérvase tamén certa división, entre uns que pretenden organizarse para gañar vontades e facerse coa gobernanza do castelo, e outros que seguen a un tal Cacambo, un enxeñeiro que xa ten traballado de camareiro, de sancristán, de varredor e de non sei cantos oficios máis, e que di que “cando un mundo nos nega o que buscamos, hai que probar noutro”.
En suma, que uns falan do necesario optimismo e outros das razóns do pesimismo, pero a clave está no lado do muro onde te atopes. 

Artigo publicado no diario La Región o venres 2 de xaneiro do 2015

No hay comentarios: