martes, 27 de abril de 2010

Moxigangas

¡A vida é moi dura!: un escribe sobre o concepto de nación, pensa que aporta algo importante, e descubre que nin sequera os maxistrados do Tribunal Constitucional lle prestan a menor atención. De que xeito se podería explicar senón que sigan insistindo en non considerar a Cataluña nación? E, se fago caso dos tres solitarios votos que tivo a miña segunda entrega sobre Nación e nacionalismo, tería que concluír que tampouco debeu ter moito éxito o asunto entre os habituais do meu blog –un considerable grupo o que poderíamos denominar a banda dos cinco-. Claro que, neste caso, podería consolarme co único voto que teñen, na web correspondente do diario El País, os dous artigos de Javier Cercas que me levaron a escribir sobre este tema. Ademais, confésovos un segredo: ¡o único voto que teñen dínlle-lo eu!.... Así que, en vista do éxito, deixaremos que pase algo de tempo antes da terceira entrega de Nación e nacionalismo, non sexa que esa suposta banda dos cinco de incondicionais de Jeanfrujo se converta en pouco tempo no Llanero solitario.

Ignacio de Español


Hoxe quero escribirvos sobre varios feitos gozosos, que tamén ocorren de cando en vez. Non tódolos días se descubre un pobo, unha palabra ou un amigo. E iso foi o que me aconteceu onte a min, todo xunto nun só día. O pobo foi Español, a palabra moxiganga e o amigo Ignacio. Caio agora na conta de que onte era 25 de abril, e semella que ese día acostuman suceder cousas importantes, ademais de improbables; pensade senón na revolución dos caraveis do ano 1974. Centrándome no día de onte, para comezar, presentouse o día máis fermoso de todo o que levamos de ano. Iso era previsible, pero nono era tanto que me interesase pola homilía do cura na misa ou que, despois de xantar, ó meu fillo pequeno se lle dese por devorar dunha atacada un dos meus clásicos favoritos, o Robinsón Crusoe de Daniel Defoe. Hoxe comprobo que o libro publicárase o 25 de abril do ano 1719.....

Pois ben, do pobo de Español, que foi o motivo da miña visita ós antigos Chaos de Castela, e máis concretamente do orixinal topónimo, escribirei noutro post. De momento ocupareime de Ignacio e as súas moxigangas.




Moxiganga

Ignacio é a súa muller son os dous únicos habitantes de Español desde hai moitos anos. Traballaron a reo nestas terras do antigo casal de Español, pero hai tempo que xa están xubilados. Ensinoume Ignacio as vellas casas do lugar, moi cerca da vivenda moderna que eles construíron. Tratábase de pequenas vivendas, onde sospeito vivían os caseiros que traballaban o extenso foro de Español, e demais dependencias do casal , tales coma cortes, palleiros, forno, etc. Pero o que máis chamou a miña atención non foron as casas de Español senón unhas singulares construcións cónicas de pedra que hai no entorno das casas. Pregunteille a Ignacio por elas. Para a miña sorpresa, díxome que as fixera el, que unha vez xubilado se lle dera por isto. Encantoume. Intereseime pola técnica, pola orixe da pedra, polo tempo que lle levara facer cada unha.... e había tempo que ninguén conseguía que me interesase tanto por algo. Por último, quixen saber como se chamaban tales esculturas. Ignacio respondeu: «nono sei, eu chámolle moxigangas». «Ah!, e que significa moxigangas?», insistín eu. «Pois tampouco o sei: eu chámolle así», concluíu. Logo, a súa muller, coma sempre máis memoriosa có home, aclarou que non fora Ignacio quen bautizara as esculturas, que fora un home que viñera traer uns mobles á casa, que lles preguntara: «quen fixo esas moxigangas?». E foi que a Ignacio lle gustara iso das moxigangas. «E ud. non saberá que son as moxigangas?», preguntoume a min. « Pois non Ignacio, pero o caso é que a min tamén me gusta esa palabra».

Cando nos despedimos, prometinlle ó xa amigo Ignacio que o primeiro que faría ó chegar á casa sería investigar o significado de moxiganga, no caso de que existise tal palabra.

Non atopei rastro nos dicionarios de galego actuais. Pero nos históricos aparece rexistrada, tanto no Acevedo (1932) coma no Carré (1972), como equivalente ó castelán mojiganga. No DRAE leo: «mojiganga.(Cf. bojiganga).1. f. Obrilla dramática muy breve, para hacer reír, en que se introducen figuras ridículas y extravagantes.2. f. Cosa ridícula con que parece que alguien se burla de otra persona.3. f. Fiesta pública que se hacía con varios disfraces ridículos, especialmente en figuras de animales.». No mesmo DRAE: «bojiganga.(De voxiga, var. de vejiga).1. f. Compañía pequeña de farsantes, que antiguamente representaba algunas comedias y autos en los pueblos pequeños.». En portugués aparece baixo a forma de bugiganga, «1. Objeto de pouco ou nenhum valor ou utilidade; quinquilharia. 2. Ninharia, insignificância. 3. Rede para pescar, de envolver, que se arrastra para terra. 4. Na Espanha, pequena companhia de farsantes que representava algumas comédias e autos pelos vilarejos do interior. ».

Segundo Corominas a forma máis antiga é boxiganga, que designaba primitivamente a un persoeiro de farándula caracterizado por unhas vexigas suxeitas á punta dun pau. Tamén apunta que a palabra probablemente derive de voxiga, variante fonética de vexiga. E, en efecto, na primeira documentación figura boxiganga (Agustín de Rojas, 1603). Pero, comprobo que esa variante voxiga, de vexiga, soamente se documenta, que eu saiba, en Galego. García de Diego pona como exemplo da atracción cara a –o- doutras vogais pretónicas por efecto das consoantes labiais xunto a outros casos coma remendar>romendar, filgueira>folgueira, semana>somana, etc. Resulta así bastante probable que a palabra fose do galego ó castelán e non ó contrario, como parece que se supón. Tampouco queda moi claro como de boxiganga se pasou a moxiganga, dada a estabilidade que recoñecen tódolos autores para a –B- inicial. É así que non descartaría, salvo proba autorizada, algún tipo de confusión con algunha palabra semellante.

Curiosamente, atopamos no dicionario de Franco Grande as palabras: muxaranga «Mueca, garambaina. Mojiganga. ». e muxarangas «Aplícase a la persona que da muchas vueltas para hacer un trato, diciendo ora una cosa, ora otra: é un muxarangas. ». E, sabedes cal é o verdadeiro nome das moxigangas en valenciano? Muixiranga, pero cun contido semántico máis restrinxido a unha serie de danzas populares que rematan coa formación de torres humanas. Tanto as muixirangas valencianas coma os castellers cataláns terían coma orixe única danzas semellantes chamadas moixigangas. E non falta quen opina que o nome nada ten que ver con vexiga>voxiga senón que remite a un árabe moachain ‘enmascarado ou encapirotado’. Eu non son quen de saber onde está a razón neste asunto, pero o primeiro dicionario que rexistra mogiganga é o de Sobrino (1705): «Mogiganga ô moxiganga, f. Mascarade.».

Nunha primeira aproximación ás moxigangas de Ignacio, un pode verse tentado a pensar que se trata de objetos de pouco ou nenhum valor ou utilidade, quinquilharias, insignificâncias..., pero as cousas, do mesmo xeito cás palabras, acostuman ser máis complexas do que parecen a primeira vista. As moxigangas de Ignacio lévanme a cavilar en formas arquitectónicas tan antigas coma os clochans da illa de Skellig Michael, en Irlanda, ós Nuraghi de Cerdeña ou ós Talayots das illas Baleares. E, en todo caso, ó arte polo arte, á harmonía coa paisaxe e á necesidade de expresión dun pobo coma o noso onde case todo o que ten verdadeiro valor artístico ten orixe popular.

Por se vos lembra algo, e para rematar, adxunto a fotografía dunha moixiganga que aparece na rede.



O Carballiño, 26 de abril do 2010