miércoles, 28 de junio de 2017

Varia de xuño

Cheo de luz e de claridade xuño é sinónimo de tempo alegre. Por iso deberiamos estar falando das cereixas, das cacharelas do San Xoán, da clase única dos cativos,  do fin de curso, da volta á praia, e se me apuran ata dos premios e galardóns que a esgalla se reparten polo país ó chegar o bo tempo. Pero neste mundo no que nos tocou vivir, a pesar da cantidade de analxésicos que a toda hora se nos dispensan, resulta difícil escapar da tensión, da preocupación e ata do medo que nos transmite a realidade circundante, sempre irrespectuosa con calquera tipo de calendarios.
Neste senso, cando escribía o outro día sobre a importancia dos bancos para sentarse, xa tiña detrás da orella o intranquilizador runrún da probable quebra dun banco do dos outros: o Banco Popular, dono desde non había tanto do Pastor, o derradeiro símbolo do dinamitado sistema financeiro galego. Fagan memoria: Caixa de Aforros Provincial, Caixa Rural, Caixa Galicia, Banco Gallego, Banco do Noroeste, ...  Si, poderían ser nomes para a crónica do fracaso e do saqueo dun país.  Pero non pasa nada: “Vivamos coma galegos”!
Outra nova que nos sobresaltou especialmente foi a do atentado de Londres. E tódolos medios destacaron o comportamento heroico de Ignacio Echeverría, unha das vítimas mortais, que era orixinario das Pontes. A sorpresa negativa veu do comportamento inhumano das autoridades británicas, porque, aparte da inexplicable tardanza na identificación do cadáver de Ignacio, non houbo nin un só xesto público de pésame nin de recoñecemento da heroicidade, o que fai sospeitar que o Reino Unido xa non é a democracia exemplar que noutro tempo foi. Pero, no medio de todo, fixeime noutro detalle: cando ó pouco do atentado os medios comezaron a entrevistar a españois que presenciaran a masacre, o acento fixo facilmente recoñecibles a unha maioría de galegos. Porque, aínda que se evite dicilo, estamos noutra desas fases, tan frecuentes na nosa historia, de expulsión de compatriotas mozos que non poden atopar un traballo na súa Terra: evidencia clara dese fracaso que non cesa. Por certo, agora que tan entusiasmados estamos co inglés, poderiamos sacarlle a Trintxerpe, o barrio obreiro de Pasaia pegado a  Donostia, o centenario título de “Quinta provincia galega”, que xa non lle pertence, e pasarllo en solemne celebración a Londres, como lexítima herdeira do galardón. 
E falando de patrias fracasadas, non podía pasar por alto outra triste nova deste mes: a do pasamento de Juan Goytisolo, un dos máis grandes escritores españois do século XX, que abominaba de calquera patria terreal en favor da ingrávida das letras: «Mi patria es el español y mi nacionalidad la cervantina». Amante da liberdade, foi azoute constante do mundo da cultura oficial española, polo que resulta fácil entender que non tivese moitos amigos nese ámbito. Os seus mestres sempre os atopou entre os perseguidos, os desterrados e os exiliados: Fernando de Rojas, Cervantes, Blanco White, Américo Castro, Machado, Cernuda, ..., Valente. Vello, enfermo e falto de recursos, semella que para poder darlle estudos ós tres  afillados que tiña en Marrocos, a terra na que viviu o seu exilio voluntario, claudicou  e aceptou o Premio Cervantes no 2014. Pero non por iso deixou de alancear, emulando ó Esforzado Cabaleiro, ós actuais esbirros da Santa Irmandade cun incendiario discurso de aceptación, no que tamén deixou este recado para os que escribimos: «Las razones para indignarse son múltiples y el escritor no puede ignorarlas sin traicionarse a si mismo. No se trata de poner la pluma al servicio de una causa, por justa que sea, sino de introducir el fermento contestatario de esta en el ámbito de la escritura».

Artigo publicado no diario La Región o domingo 11 de xuño do 2017.


domingo, 18 de junio de 2017

Cambio climático

Comprobo cada ano como moitos alumnos chegan a 3º da ESO (14 anos) ignorando a composición da atmosfera: un 78% de nitróxeno, un 21% de osíxeno e o 1%  restante a repartir entre gases nobres e dióxido de carbono fundamentalmente. E dado que agora a Física e Química xa non é obrigatoria despois de 3º da ESO, aposto que un bo número de españois, algúns con carreira e todo, carecen dese coñecemento fundamental que antes posuía calquera rapaz de dez anos cando entraba no instituto. Pregúntome entón que idea pode ter toda esa xente do cambio climático. Seguramente a mesma que pode ter Trump, un home  que é incapaz de citar media ducia de libros que teña lido,  pero que “figura” como autor de títulos tan reveladores do espírito desta época coma “Pensar coma un multimillonario” ou “Como facerse rico”; o mesmo home que ostenta a presidencia do país máis poderoso do mundo e que se comporta coma un energúmeno nas reunións con outros líderes mundiais: proba concluínte da falsidade dese lugar común que di que “os votantes nunca se equivocan”.
E escribo isto porque podería sorprender que cando un 99% da comunidade científica está convencida de que a causa principal do quecemento global reside no aumento da concentración na atmosfera dos gases de efecto invernadoiro, nomeadamente do dióxido de carbono, aínda haxa unha maioría de persoas, Trump entre elas, que non acrediten tal cousa. Non obstante, a min non me sorprende en absoluto. Realizo unha proba a miúdo: solicito a toda unha clase que elixan entre dúas estratexias, unha acertada e outra errónea,  diante dun problema de dificultade moderada. O resultado máis frecuente consiste en que a maioría decántase case sempre  pola solución errónea, mentres só a minoría escolle a axeitada. Pois ben, sospeito que diante dos problemas reais as respostas dos cidadáns, en ausencia dunha formación adecuada, son semellantes, con dous agravantes: primeiro, a publicidade que das condutas erróneas fan os grupos que se benefician delas adoita ser moi agresiva; e segundo, os que máis saben case nunca gozan da simpatía dos máis ignorantes. Por iso recomendaría eu gravar encima da porta de entrada dos colexios esta sentencia do cronista da Peste de Camus: “Case todo o mal que existe no mundo provén da ignorancia”.
Nun tempo no que parece obrigado ser chistoso, son bastantes os que buscan e explotan o lado divertido das condutas de Trump, pero hai relatos que comezan na comedia e acaban no terror. A decisión do presidente de retirar a EE UU do acordo de París sobre o cambio climático indica xusto nesa dirección. O quecemento global non é unha película de ciencia ficción nin unha confabulación contra América, como parece pensar Trump: é unha realidade que está aí e que pronto non terá volta de folla. As consecuencias catastróficas para o Planeta e para todos os que o habitamos non son profecías baleiras ditadas por un grupo de iluminados, son predicións científicas elaboradas polos investigadores máis relevantes. Reflexionen: alguén seguiría vivindo tan tranquilo se mañá lle dixesen os mellores médicos que ten un 90% de posibilidades de contraer certa enfermidade grave se non cambia o seu estilo de vida? Negaríase a seguir o réxime recomendado coa escusa de que é caro ou de que algún outro médico lle dixo que non corría perigo? Pois xusto iso é o que está facendo Trump movido polo seu desprezo da ciencia e da razón. Pero claro, non se trata da súa propia saúde, trátase da da Terra no seu conxunto. E en espíritos narcisistas e megalómanos resulta característica  a incapacidade de ver máis alá do propio corpo e da propia vida.


Artigo publicado do diario La Región o domingo 11 de xuño do 2017.

martes, 13 de junio de 2017

La Bruyere


Algunhas veces formuláronme esa pregunta tan tópica sobre que cinco ou dez libros levaría eu a unha illa deserta, e téñome fixado que nas respostas raramente selecciono libros contemporáneos, excepto, se acaso, un manual de supervivencia. Entre os que sempre cito están: a Biblia, Don Quijote, os Ensaios de Montaigne, os Tratados Morais de Séneca e os Caracteres de La Bruyere.
Pitágoras pensaba que a populosa asemblea congregada nun estadio era semellante á do teatro da vida, pois nela estaban representadas as tres clases fundamentais de homes: os que non paran de  exercitarse para alcanzar a gloria, os que practican o comercio para obter ganancias e os que, sendo pacíficos espectadores da vida, investigan a razón das cousas tratando de sacar ensinanzas proveitosas para ordenar a súa. Calquera lector atento verá que os meus autores favoritos están sempre dentro do terceiro grupo de Pitágoras: estano os autores dos libros bíblicos, e estao Cervantes, Montaigne, Séneca ou La Bruyere. E a razón desas seleccións, aparentemente anticuadas, reside en que, se ben o mundo leva cambiado moito desde que é mundo, os homes, no esencial, seguen a ser os mesmos, coas súas virtudes e cos seus defectos; por iso os libros dos grandes moralistas, coma Plutarco, Séneca, Montaigne ou La Bruyere, sempre estarán vixentes, especialmente en tempos corruptos coma os que vivimos. Porque, detrás das cambiantes mascaras que, ó longo da historia, teñen utilizado os que viven de enganar ó próximo, sempre atopamos os mesmos tipos: o ambicioso, o hipócrita, o adulador, o malévolo, o fantasma, o tirano, o ingrato...  E se os moralistas gregos e latinos se centraron máis na exploración da virtude, foron os franceses do XVII e do XVIII os que, mediante a crítica das costumes e da dobre moral, analizaron mellor a omnipresente presenza do vicio e da corrupción detrás dos múltiples disfraces das virtudes aparentes;  unha tarefa na que destacou La Bruyere, que deixou escrito: “Coñecer a verdadeira categoría dun home é moi difícil: o velo da modestia cubre a miúdo o mérito, e a máscara da hipocrisía tapa case sempre a malignidade”.
La Bruyere (1645-1696), que se movía pola corte de Luís XIV e coñecía moi ben o mundo dos poderosos, foi un elegante e discreto pintor de todo ese Theatrum Mundi que é a sociedade, e os seus Caracteres son un clásico atemporal de lectura obrigada, á altura do Príncipe de Maquiavelo ou dos Ensaios de Montaigne. Pero para min ten La Bruyere outro atractivo engadido, o de formar parte do selecto grupo de autores ós que lles bastou con escribir un só libro para consagrarse, coma a Lampedusa (O Gatopardo) ou a Salinger (O garda entre o centeo). Porque consideraba que non se trata de escribir moito, senón o preciso, que é pouco, e ben, que é moi difícil. Viña a dicir: non lle fagamos perder o tempo á xente con libros innecesarios, habendo tantos que ler imprescindibles.
Nese senso, o primeiro capítulo dos Caracteres, titulado “As obras da intelixencia”, debería ser preceptivo para todo aquel que pense en escribir algunha obra de creación literaria. Así que vou rematar cunha pequena escolma de advertencias espigadas dese capítulo: 1) “Todo está dito e un non fai outra cousa ca chegar tarde”; 2) “Hai cousas nas que a mediocridade resulta insoportable: a poesía, a música, a pintura, a oratoria”,  e 3) “A gloria e o mérito de certos homes estriba en escribir ben; a de outros consiste en non escribir”.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 4 de xuño do 2017


sábado, 3 de junio de 2017

Bancos


Ò falar de bancos no primeiro que se pensa é nos de crédito, pero eu quero escribir sobre os de sentarse, que son ós que etimoloxicamente lles corresponde o nome. Ocorréuseme a idea aí atrás, vendo como a xente facía cola para sentarse nun de Loiba -parroquia do concello de Ortigueira ó norte da provincia da Coruña-,  unha vez que os medios de comunicación propagaron que a  vista contemplada desde ese banco era unha das máis fermosas do mundo. Coñezo bastante ben toda a costa de Ortigueira, por ter sido esa vila o meu primeiro destino profesoral hai unha chea de anos, e teño que dicir que as panorámicas desde os acantilados de Espasante ou de Loiba,  vendo toda a inmensidade do Mar Océano enfronte, enmarcada polos farallóns do cabo Ortegal e a punta da Estaca de Bares,  son incomparables. Pero non creo que a vista desde o famoso banco mellore en nada ás que se poden ter desde outro cento de lugares próximos, sen necesidade de facer colas. O que me confirma o banco de Loiba é a asombrosa capacidade que ten a sociedade turístico-global para potenciar o  gregarismo da raza humana.
Non obstante, eu son un gran amante dos bancos, especialmente dos públicos. Moito máis cando sillas, sofás, butacas, tresillos, canapés, puffs e chaiselongs (vaia par de palabras máis cursis) pasaron a dominar o importante mundo do asento, en detrimento dos tradicionais bancos e banquetas de antano. Ademais, se as prazas públicas deben estar entre os inventos máis beneficiosos da humanidade, os bancos e as banquetas son un complemento necesario. Diría que os bancos son para os homes algo así coma as árbores ou os cables da luz para os paxaros: lugares de descanso principalmente, pero tamén de contacto e socialización cos semellantes. Na nosa arquitectura tradicional era rara a casa que non contaba con unha ou con dúas banquetas arrimadas á parede de enfronte da vía pública, o mesmo que as había arrimadas ás arbores das prazas ou dos campos da feira, e todas esperando por unha parola amigable. De feito, polo número de banquetas dunha vila ou dunha aldea un podía ter unha idea do sociables que eran os seus veciños. 
Hai tempo que da colocación (e da retirada) de bancos e banquetas nos espazos públicos se encargan os concellos. E non se pode dicir que non teñamos bancos, pero non é raro que sobren onde non fan falta nin que falten onde se precisan. A realidade preséntase diversa,  non obstante observo como, con esa estúpida idea de que todo se debe “poñer en valor” , vaise tendendo á ocupación privativa de lugares públicos, que antes eran centro de reunión e recreo dos veciños, especialmente baixo a forma do “terraceo”. Así, resulta cada vez máis frecuente atopar prazas totalmente exentas de bancos e banquetas, dispostas para ser colonizadas polas terrazas, co fin de que aporten beneficios económicos ós bares, restaurantes e cafeterías colindantes. E non hai que ir lonxe para comprobar isto, basta con acercarse á Praza Maior de Ourense ou á de Ribadavia. Por sorte, a moda aínda non chegou a tódalas vilas: O Carballiño, por exemplo, que tantas veces se cita como paradigma do mal urbanismo, conta cun numeroso inventario de bancos e de banquetas públicas, no seu Parque, nos seus paseos e en todas as súas prazas, incluída a Maior; e de todos eses asentos fai a xente un notable e beneficioso uso, en nada incompatible co das terrazas dos establecementos privados. Ademais, nos bancos vai quedando impregnada a memoria das xentes que neles apousentaron e das historias que neles se escoitaron; por iso resulta tan importante respectalos e conservalos... Podería ser un relato interesante: o da vida contada a través dos bancos onde un se foi sentando.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 28 de maio do 2017.