Mostrando entradas con la etiqueta Dickens. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Dickens. Mostrar todas las entradas

domingo, 24 de diciembre de 2017

Nadal

Ningún tempo se celebra coma o Nadal. Desaparecen unhas festas e aparecen outras, pero o Nadal  permanece coa mesma forza e luminosidade que sempre o caracterizou. Certo que vai cambiando a forma de celebralo, e ata resulta indiscutible que o vamos adulterando no seu significado máis auténtico, pero o que ninguén pode dicir é que corra perigo de perderse.
O outro día lía o que escribira o “Tío Marcos da Portela” (Lamas Carvajal), nos anos 1883 e 1884, sobre a noiteboa no rural galego daqueles tempos, e pensaba que, con pequenas diferenzas, viña a ser a mesma que se viviu en Galicia ata finais dos anos sesenta. Era unha noiteboa moi humilde, na que o bacallau era o manxar das ceas nas casas dos pobres, que eran case todas, e o turrón apenas se cheiraba;  pero reinaba esa alegría inconmensurable que nace das familias  xuntas, da ilusión dos cativos, que son os verdadeiros reis do Nadal, e do canto das panxoliñas arredor do lume da lareira, entre copas de licor café e xerras de viño con azucre. Unha alegría que, como nos facía saber o “Tío Marcos”, aínda que pareza un paradoxo, resultaba ser inversamente proporcional á riqueza das familias. Pero a Navidá está chea de paradoxos, comezando polo de que trata da historia dunha familia sen fogar que se celebra en todos os fogares.
Non obstante, nos últimos cincuenta anos o Nadal ten cambiado moito; fundamentalmente, porque perdeu autenticidade. Hai moita luminaria nas vilas e nas cidades, celébranse moitas paparotas e os regalos xa non se sabe onde metelos. Pero trátase dun negocio:  o da  “posta en valor” do Nadal. Na realidade, unha convenienzuda magnificación do accesorio en prexuízo do esencial. O Nadal, sabémolo todos, é agora a festa anual do consumismo; e eu estou co W. Benjamin que afirmaba que «detrás do consumidor puro está o explotador puro». Porque, cando o único principio que rexe na  sociedade é o do beneficio, as relacións autenticamente humanas por forza teñen que desaparecer. No famoso conto de Dickens ó avaro e repelente Mr. Scrooge non lle gustaba nada o Nadal; hoxe, os seus simpáticos herdeiros adoran este tempo: promoven desfiles de Navidá e de  Reis, contratan a centos de Papás Noel en precario e fanse inmensamente ricos... 
É Noiteboa, unha boa noite para contar historias. Unha das que máis me gusta aprendina de Cunqueiro. Conta como  Deus mandou moer unha estrela e repartiu o seu  flamíxero po entre a xente. Ese foi o primeiro fogo que habitou nos homes. Pasado un tempo, co po que lle sobrara, Deus fixo a estrela que guiou ós Reis Magos ata o presebe de Belén... E como esta noite tampouco debe faltar unha panxoliña, aquí lles deixo un par de estrofas da que cantabamos na misa do galo de San Clodio, xusto cando se ía bicar o Neno e se descubría o monumental nacemento que facían os rapaces.

Pola media noite
Cando o galo canta
Nunha vila santa
Que se chama Belén

Nunhas pobres pallas
Nun pobriño establo
Naceu malpocado Xesús
Xesús  noso ben


Bo Nadal.