domingo, 11 de enero de 2015

Eloxio do periódico

Xaneiro é un mes duro, no que non é raro caer no desánimo: pasan as festas, vanse os que de xeito fugaz retornaron, e volven os traballos, as clases, as preocupacións; mentres o frío permanece. Por iso pensei en comezar o ano facendo un eloxio de algo, aínda que só sexa para animarnos. E cavilando ben, poucas cousas hai dignas de maior eloxio có periódico. Porque se a súa lectura se converteu, como dixo Hegel, na imprescindible pregaria matutina do home moderno, podelo facer tomando un café tranquilamente nun bar ou nunha cafetería constitúe un dos praceres máis xenuínos da nosa civilización. Non obstante, este pracer podería estar en perigo de extinción.
Que son malos tempos para os medios impresos é unha evidencia. A cantos mozos vemos lendo un periódico? Non digamos mercándoo. Incluso os menos novos se están acostumando a ler todo a través das pantallas dos ordenadores, teléfonos ou tabletas. Por que? Porque seica é gratis! Pero deberíamos saber que nada hai de balde neste mundo, e que pagar,  deixouno escrito Pla, constitúe o acto máis importante da vida. Pasa que hoxe, de tanto fixarnos no que custan as cousas esquecémonos a miúdo do que valen, ata que as perdemos. E ese é o caso do periódico, que vale moitísimo máis do que custa, pero que non é nin debe ser gratis.
Mantense totalmente viva aquela frase do presidente Jefferson que, un pouco retocada, dicía: “prefiro uns periódicos sen democracia a unha democracia sen periódicos”; porque, en efecto, resulta impensable un sistema que mereza o nome de democrático sen un prensa libre e plural. Non obstante, conforme os cidadáns van renunciando a mercar os periódicos, estes van desaparecendo ou caendo nas mans das grandes corporacións e dos poderosos grupos multinacionais cuxos fins nada teñen que ver cunha información independente, libre e veraz.
Aínda así, a pesar de que un mundo cheo de pantallas lembra moito o universo orwelliano do Gran Irmán, non se trata de loitar contra o progreso, nin de negar os grandes beneficios que trouxo internet, especificamente no mundo da información. Non, os medios seguirán desenvolvendo os seus contidos na rede, como debe ser, pero a sociedade debería impedir a desaparición dos periódicos impresos. Cómo? Mercándoos! De xeito semellante mantemos as cafeterías, aínda sabendo que sae máis barato tomar o café na casa. Resultaría moi interesante profundar na importancia dos periódicos e dos cafés no trunfo do estado liberal e na consolidación das democracias. Porque a popularización da prensa sucedeu en paralelo á dos cafés, nas décadas centrais do XIX, cando a xente acudía a este ámbito para ler os periódicos dado o alto prezo que tiñan. Logo, coa incorporación da publicidade e das novelas por entregas produciuse unha sensible rebaixa nos prezos e un espectacular aumento das tiradas, pero as cafeterías seguiron sendo un punto esencial de lectura dos periódicos. E así ata hoxe, cando non debería haber unha cafetería con menos de tres ou catro periódicos a disposición dos clientes.
Permítanme unha reflexión final. Internet favorece a especialización nas materias do gusto do internauta, e así atopamos, e ata tememos, a xente que sabe a intemerata de fútbol, de viños, de fotografía... No periódico, pola contra, vemos algo de todo, incluso do que non nos atrae especialmente, pero ó que tamén lle damos unha ollada de cando en vez; e iso é moi importante... En última instancia, a cultura, igual cá vida, non consiste en ir escollendo só o que máis nos gusta. E iso explícase moi ben cun periódico.

Artigo publicado no diario La Región o venres 9 de xaneiro do 2015