viernes, 18 de octubre de 2013

Lecturas carcerarias


Fronda é o boletín que publica o Arquivo Histórico Provincial de Ourense para dar a coñecer os fondos de tan importante institución. O número 45 está dedicado ó fondo da Prisión Provincial, e fíxase nunha actividade desenvolvida nos anos posteriores á Guerra Civil: a da “lectura en común”, actividade que pretendía reducir o analfabetismo entre a poboación reclusa, amén de tentar reconvertela ós principios do instaurado réxime do nacionalcatolicismo. Resulta de grande interese a lista das 21 lecturas que, supostamente, se realizaron no ano 1940. Aparece encabezada pola Encíclica Quadragesimo Anno de Pío XII, logo está o pensamento de Balmes, os discursos falanxistas de Serrano Súñer, as biografías de Isabel a Católica e Napoleón III, as poesías completas de Gabriel y Galán, a Historia de España de Menéndez y Pelayo, un par de obras de divulgación científica, unha serie de novelas costumistas de Quevedo, Pardo Bazán, Palacios Valdés, Pereda..., e pecha a lista o Quijote
Na penuria e na soidade das prisións a lectura sempre foi un dos poucos xeitos que tiveron os presos de manterse no mundo, de escapar do cárcere. Marcello Estefanelli, un uruguaio que na dictadura pasou trece anos no Penal de Libertad –cousas dos nomes!-, conta no seu libro El hombre numerado como fuxira mil veces daquel recinto teoricamente inexpugnable: como percorrera San Petersburgo con Dostoievski, París con Víctor Hugo, os mares do sur con Joseph Conrad…, e a Mancha con Cervantes. No cativerio, Estefanelli leu 1600 libros; ademais, emulando ó Home de Alcatraz, converteuse nun reputado especialista do Quijote. Pero nos cárceres franquistas da posguerra non era fácil ler: non estaba permitida a entrada de xornais nin revistas e, en xeral, non había bibliotecas á disposición dos presos; e cando as había, os catálogos estaban suxeitos a unha estrita censura previa. Dese xeito, a maioría das revistas e dos libros que circulaban polo cárcere entraban de “matute”, e movíanse a través de sistemas clandestinos de préstamo; tal era a paixón pola lectura que, nalgúns casos, o tempo de espera polas obras máis demandadas podía pasar dun ano. 
En nada saciaban as ansias de ler dos presos as programadas “lecturas en común”,  que lembran as que facíamos na escola, cando nenos, tamén do Quijote, nas que raramente se pasaba  do capítulo I.  Como resulta obvio, nunca se chegou nas dos cárceres ó capítulo LVIII da segunda parte, cando Cervantes escribe: «La libertad, Sancho, es uno de los más preciosos dones que a los hombres dieron los cielos…por el contrario, el cautiverio es el mayor mal que puede venir a los hombres.»; nin sequera ó XXII da primeira, aquel dos galeotes no que Don Quijote proclama: «…parece duro caso hacer esclavos a los que Dios y la naturaleza hizo libres.». Porque o Quijote, ben lido, é un dos libros máis libertarios de tódolos tempos, ademais de ser –xunto coa Biblia-  dos máis misericordiosos cos presos; non en balde, Cervantes concibiu a súa obra nun presidio, «donde toda incomodidad tiene su asiento». 
Alégrame saber que na prisión de Guatánamo o libro de Cervantes sexa o segundo máis demandado, pero preocúpame o pouco que o len os supostos cidadás libres, ignorantes de algo que Marguerite Yourcenar escribira en Opus Nigrum: «Un non é libre mentres desexa, quere ou teme. Talvez un non sexa libre mentres vive.». E coido que é probable que así sexa, porque habitamos cárceres insospeitados. Por iso convén non desprenderse nunca do Quijote.

Artigo publicado no diario "La Región" o 18 de outubro do 2013. Pincha aquí.

Anexo do 21 de novembro do 2013

Aparece no diario “El País” (17-11-2013) unha interesante entrevista de J. J. Millás a Luis Roldán, a quen califica de exdelegado do Goberno roto, exdirector da Garda Cívil roto, exsocialista roto, expícaro roto…, pero “home de estado” (?) roto (cousas de Millás). A verdade é que nas fotos, para a súa idade, non o vexo tan roto… Na entrevista, entre moitas outras cousas, conta as súas lecturas carcerarias:

-Leí a Nietzsche, a Kafka, a Hanna Arendt, todo el teatro de Sartre, Derrida, Jean Améry… Leí también todo lo que conseguí sobre personas que habían sufrido largos procesos de privación de libertad, no sé, Eugenia Ginzburg, Mandelstam, Larina-Bujarina (la mujer de Bujarin), Margaret Bauer Newman. Descubrí a Walter Benjamin. Y leía mucho la Biblia, los salmos, sobre todo.

Si, está moi ben o da lectura; pero, é os cartos? Hai verdadeiros sinvergonzas que len libros moi recomendables. Na Biblia, da que se declara devoto lector, pon: “polas súas obras os coñeceredes” (Mt. 7, 15-20), e non polos libros que leron. Menos mal...