viernes, 29 de noviembre de 2013

Tempo de mazás


Pasou a vendima; colléronse as peras, os membrillos e as castañas. Agora retornamos a un tempo de mazás. Non é un tempo fixo, nin continuo; pode comezar en setembro e chegar ata o Nadal. Dura o que duran as mazás penduradas das maceiras. Polo medio van quedando outros tempos máis fuxidíos: o dos cogomelos, o das noces, o dos magostos... Acostuma ser un tempo do sur, húmido e chuviñento, de nubes baixas que corren, de néboas a media altura que se deteñen; pero tampouco falta o sol outonizo, nin as xeadas e as neboeiras cando xa se encamiña ó seu remate. É un tempo de vagar: o mellor do ano para camiñar polas aldeas, para parolar coa xente, para ler e para soñar.
A terra na que vivo, por causa dunha declinación xermanizante gusta de rimar con mazás: Godás, Madarnás, Lobás, Nonás, Garabás, Miomás…E os meus paseos adoitan transcorrer por Veiga, a máis mazanceira das parroquias do Carballiño. Aquí entenden de cousas importantes: de mazás do inverno, tabardillas e camoesas; de peros reais, roibos e repinaldos. Non confunden os peros coas mazás: os peros son máis altos ca grosos, ó revés das mazás. Tamén entenden de sidras e de riquilantes, e lembran cando lles vendían mazás ós asturianos. Agora, as maceiras, a maioría entradas en anos, coma os donos, camban e resisten como poden os achaques da idade. E dá unha inmensa pena ver o seu traballoso froito estrado polo chan. Adoito coller un par de mazás cando vou paseando, para comelas ou simplemente para apalpalas e ulilas. Gústame que estean molladas, pois a auga disolve e concentra as súas esencias perfumadas. Hai un famoso poema francés de Lucie Delarue-Mardrus que comeza con este verso: «todo o aroma do meu país está nunha mazá». E os colores, e as formas, e as texturas. Unha mazá é coma un país en miniatura.
Non existe froita máis universal cá mazá, nin ningunha atesoura o seu simbolismo. Na mitoloxía grega as «mazás das Hespérides» proporcionaban a inmortalidade, e a «mazá da discordia» desatou a guerra de Troia; no Cristianismo, Eva e Adán probaron da «mazá prohibida» e derramaron sobre a nutrida descendencia tódolos castigos de Deus; na ciencia, a inspiración para o coñecemento non chegou coa caída dun ourizo ou dun figo senón coa da «mazá de Newton». Saúde, beleza, desexo, coñecemento... todo colle nunha mazá. Para Neruda, o acto máis simple da terra era morder unha mazá. Discrepo. É pracenteiro e común, pero non é simple. Ó contrario, tal vez sexa un dos actos máis complexos e suxestivos da existencia: entendérono moi ben en «Apple».
En Galicia aínda está por facer o eloxio das mazás. Algunha atención lles prestou Cunqueiro, pero pouca: non falou das virtudes incomparables da súa compota, nin desa sobremesa propia de reis que é a empanada de mazás. Apuntou, iso si, que soñar con mazás é proba inequívoca de desexo carnal; e penso eu que aquela fermosa costume de gardar as mazás estendidas sobre arpilleiras polos fallados, que inundaba coas fragancias dos pumares as alcobas dos nosos avós, algo tería que ver co alto índice de familias numerosas que se daba en Galicia, ... e ata coa inclinación ó canto das nosas devanceiras e devanceiros. Non, xa non apreciamos no que valen as mazás, talvez o froito que mellor nos representa. Entregados ó eloxio do exótico e do fugaz, esquecemos a miúdo a riqueza do común, do cotiá, do próximo; e que ós paraísos perdidos foise maiormente andando. Nun tempo de mazás.

Artigo publicado no diario "La Región" o día 29 de novembro do 2013

1 comentario:

Zeltia dijo...

o inverno sabe a mazá.-
de camiñar pola veiga probando as mazas todas que atopase estendidas apodrecendo no chan,
non sei cal sería a miña favorita.

pero de todas as das tendas da Coruña, é unha recén saída da inxeñeria xenética:

a kanzi

estalidos de gusto na boca que chegan ata as unllas dos pés!