sábado, 14 de noviembre de 2015

Humanidades

Hai lugares comúns que resultan inadecuados por repetidos e por vulgares, pero os verdadeiramente nocivos son os que, ademais diso, son falsos. E hai un destes que me resulta especialmente molesto: aquel que asegura que as “humanidades” teñen desaparecido ou están en transo de desaparecer do bacharelato; unha molestia que é dobre cando tal aseveración sae da boca ou da pluma de xente recoñecida como culta, coma neste caso, que se trataba de Carme Riera, señora académica da RAE que vén de recibir o premio Nacional das Letras. Pero a historia é vella. A hipotética desaparición das “humanidades” dos plans de estudo, en suposto beneficio das materias científicas e técnicas, é un bulo que vén sobrevoando o mundo educativo e cultural do país desde hai varias décadas. E non hai peor defensa contra tales chismes ca quedar calados.
  O primeiro que cabería aclarar é que entender por “Humanidades” aquelas materias máis humanas resulta tan trivial coma pensar que a teoría da relatividade di que todo é relativo. Xa vai para vinte anos que Savater escribía ó respecto: «Supongo que nadie sostiene en serio que estudiar matemáticas o física son tareas menos humanistas, no digamos menos “humanas”, que dedicarse al griego o a la filosofía. Nicolás de Cusa, Descartes, Voltaire o Goethe se hubieran quedado pasmados al oír hoy semejante dislate en boca de algún pedantuelo letraherido». Tamén convén lembrar o que escribira Marc Bloch de que «unha palabra vale moito menos pola súa etimoloxía ca polo uso que se fai dela en cada época», e que o cualificativo de “humanidades” ten orixe renacentista, aplicado por entón ós estudos centrados nos textos humanos,  por contraposición cos centrados nos divinos das Sagradas Escrituras. Logo tal denominación foi perdendo calquera conexión coa etimoloxía, e agora enténdese por “humanidades” as disciplinas que non son estritamente científicas ou técnicas; aínda que o diccionario da RAE segue considerando “humanidades” só as ‘letras humanas’, é dicir ‘a literatura, especialmente a clásica’, de aí que “humanidades” e “letras” sexan en certa medida sinónimos. Pero, en última instancia, fóra da relixión, todas as materias son igual de humanas: tan humana é a física coma a literatura, igual o arte cá tecnoloxía, etc. etc. E con respecto ó seu contido humanístico, hai que saber non radica no título das materias, senón no xeito de ensinalas: que o importante non é o que, senón o como.
  Tampouco houbo no currículo ningunha perda de peso que afectase de xeito específico ás materias de humanidades; o que houbo nos últimos anos foi un aumento –excesivo- do número de materias, que conduciu a unha reducción horaria da maioría, as de ciencias incluídas. En todo caso, o peso das linguas e das materias denominadas de humanidades dentro dos estudos obrigatorios en España é dos maiores de Europa, mentres o peso específico das ciencias, especialmente para os alumnos que seguen esa vía, segue a ser  dos menores.
  En suma, non se deixen enganar por este bulo que, coma todos os de este tipo, ten os seus intereses e os seus interesados, comezando polos potentes lobbies das “humanidades” en España. Curiosamente, o tema sempre reaparece cando se comeza a falar de novos plans de estudos ou de reformas. Agora o momento non podía ser mellor: o ministro de educación vén de encargarlle ó filósofo José Antonio Marina un libro branco sobre a profesión docente, e este anuncia ós catro ventos que en cinco anos se pode reconducir o fracaso educativo de España… Pero a crónica dese milagre anunciado podemos facela outro día.


Artigo publicado no diario La Región o venres 13 de novembro do 2015, o venres negro dos atentados de París.