viernes, 12 de febrero de 2010

Días de gurriana

Algúns andaban á poda...

Acabo de dar o meu paseo diario de despois de xantar. Está un día precioso, soleado e luminoso. A luz destes días que veñen despois do San Bras, cando están despexados, é para min unha das máis fermosas do ano. Tal vez por ser a máis desexada despois do longo inverno, e supoño que tamén pola alegría que sentimos os humanos cando sabemos que algo vai ir a mellor. E estes días son anuncio doutros mellores que han de vir. O malo é que case sempre corre unha gurriana do demo.

E, precisamente, de gurriana –que se pronuncia sempre con gheada- quero falar. Para sorpresa miña, teño atopado pouca xente, fóra do Ribeiro, que coñeza ou utilice esta palabra, moi habitual na miña terra. Non debeu ser casualidade que fose o ribeirao don Eladio quen primeiro a definise nun diccionario galego: «GURRIANA: s. f. Viento norte o nordeste, seco, cortante y tan frío, que a veces agrieta los labios, y por eso en algunas comarcas le llaman también REGAÑÓN y GURRIA.». Os diccionarios posteriores simplemente copian a definición de don Eladio, excepto Constatino García, quen explica:« GURRIANA: f. (Ram.) frío de los meses de febrero o marzo.», aínda que non fai referencia ó vento. O caso é que a gurriana, no Ribeiro, é o vento frío do norte ou nordeste, característico dos meses de febreiro e marzo. A Nosa Señora, o San Bras e o entroido fan que non me esqueza nunca deste tempo. Tempo de podas e rodrigas no Ribeiro. Tempo no que os ribeiraos adoitaban andar coas mans cheas de esparadrapos, polos cortes que lle facían os bimbios e a gurriana. Tiña razón don Eladio cando dicía que “agrieta los labios”, pero moito peor era como axudaba a cortar as mans, do que as resecaba, cando os labregos apertaban os bimbios, na rodriga. E había que seguir traballando e atando as cepas coas mans cortadas, facendo forza sobre os cortes en carne viva –ás veces, desde as vilas e as cidades, fálase do marabillosa que era a vida do campo, a vida en contacto coa natureza; pero esquecémonos a miúdo do duros que eran os traballos, e do pouco pago que tiñan: por algo fuxiu a maioría-. Así que, aínda que no Ribeiro non somos expertos en ventos, por ser país agarimoso, non nos podemos esquecer deste, que era o máis danado do ano. Por esta razón adoitaban buscarse para estes días de gurriana viñas agarimadas, deixando as máis despexadas para os días calmos.


Outros xa fixeran a rodriga...

Non coñezo con seguridade a etimoloxía de gurriana. En Asturias existe burriana e gurriana, parece que co significado de ‘néboa fría e húmida’ á que chaman borrina, burriana e gurriana. Non sei, a min paréceme confusión de dúas palabras distintas. No Mansolea, unha xerga gremial de Asturias, aparece gurriana co mesmo significado de vento moi frío que ten en Galicia. E García Arias, na súa Contribución a la Gramática Histórica de la Lengua Asturiana..., estima que a voz podería remontarse a un étimo latino do tipo boreas ‘vento frío e seco do norte’, hipótese que parece moi razoable. Eu, de tódolos xeitos, vexo nesa gheada unha posible influencia do verbo gurrar ‘disputar, pelexar, tirar cara a un, ...’, pero tamén 'terquear', que tamén se pronuncia sempre con gheada. E, se por algo se caracteriza a gurriana é pola súa terquedade, porque non para en todo o día. Enténdaseme ben: non digo que o étimo sexa o mesmo –descoñezo o étimo do verbo gurrar-, simplemente que puido haber influencia.

uns poucos aínda con bimbios...

En fin, que gozedes do entroido e destes fermosos días. Pero tede coidado coa gurriana.
12 de Febreiro de 2010; por Gomariz e Pazos Hermos

3 comentarios:

Cossue dijo...

Pois non che coñecía eu a ghurriana, hom :-)

Jeanfrujo dijo...

Non é raro. O TILG soamente rexistra dous casos da palabra. Dous casos que na realidade son un, repetido, de Prado Lameiro, publicado primeiro no Tío Marcos da Portela, en 1919:"...¿E dura moito eiquí o inverno? -Non, señor. Pr'aí haberá de cinco a seis meses crúos de neve a todo nevar; dispoixas coma un par diles de gurrianas e namais...".

Jeanfrujo dijo...

Onte á tarde no Carballiño afeitaban sen navalla. Este ano a “ghuriana” chega danada e adiantada, oito días antes do San Blas.