miércoles, 23 de febrero de 2011

O vídeo de Marta: matar á mensaxeira

Chéganme noticias do balbordo que se está armando co vídeo de Marta, un vídeo que contén unha serie de confesións que sobre o uso da lingua galega fai unha participante do programa Gran Hermano, nativa da Coruña, castelán falante, e de nome Marta, a unha compañeira de programa.



As confesións da moza causaron un gran alboroto, sobre todo entre os supostos defensores da lingua galega, e a pobre Marta ten levado de todo menos gabanzas. A cousa chegou a tal extremo que, por exemplo, en Facebook creouse un evento titulado «Todos os galeg@s contra Marta de GH. Por RIRSE DA NOSA LINGUA!!!», e en Tuenti unha «Plataforma pro expulsión de Marta, la gallega de Gran Hermano». Alabado!! A min, que me considero defensor da lingua, pero tamén da libertade de expresión, a verdade é que as confesións e opinións de Marta máis ca desgusto causáronme pena, pero nunca sorpresa. Nalgunha das opinións puiden observar certa ignorancia, pero nunca mala fe ou intención clara de desprestixiar ó galego. E iso, entre nós, xa é positivo. Polo demais, tales confesións e opinións non fan máis ca confirmar o estado lamentable no que se atopa o uso do galego nas cidades de Galicia, principalmente nas costeiras, e sobre todo entre os nenos e os mozos.


Entre os ecos periodísticos do vídeo de Marta, chamou a miña atención un artigo de Mariluz Ferreiro na Voz. Nel, coido que realiza un certeiro diagnóstico dos contidos do vídeo, cando non os considera unha anécdota, senón o síntoma claro dun sentimento de auto odio da lingua propia, fraguado durante anos (séculos diría eu). Claro que o artigo aparece escrito en correcto castelán, no diario de maior tirada de Galicia, que, por se alguén non se decatara, leva o significativo nome de “La voz de Galicia”: iso si que che é un síntoma Mariluz!... Como era aquelo de preocuparse de varrer a casa dun antes de...?

Tamén tercia no asunto Henrique Monteagudo, desde El País, cun artigo que leva o ocorrente título de “Memorias dun neno vilego”. Adoito estar de acordo coas análises de Henrique encol da lingua, pero teño que dicir que neste caso non me convence. E non me convence, entre outras cousas, porque, sendo como é profesor, deixa pasar por alto, supoño que de xeito inconsciente, un detalle fundamental do que Marta conta: ela declara que no cole tiñan os libros en galego, pero que tódolos profesores (menos a profesora de galego, que tamén impartía historia) falaban castelán e lle daban as clases en castelán. Curioso, cando menos, que ninguén, entre os múltiples comentaristas do vídeo que teño revisado, se fixase nesa circunstancia. Que cabería esperar dese entorno social ou familiar urbano, normalmente desfavorable ó galego, se, ademais, no sistema educativo que acollía a Marta os mesmos profesores impartían as clases en castelán, cando os libros estaban en galego? Pois que, como mínimo, a maioría da xente que vive nesa (frecuente?) situación pense que esto do ensino do, e en, galego, é un verdadeiro paripé! O mesmo paripé que observamos, día si e día tamén, nun bo número de políticos, periodistas, empresarios, artistas e todo tipo de xente coñecida (aquí coñecémonos case todos), cando utilizan o galego nun estrado, diante dun micro ou dunha cámara, e á media volta xa están falando castelán cos amigos, coa muller ou cos fillos. Que queremos, que o paripé sexa universal? Que pensamos, que a xente é idiota? Non é certo que un bo número de galegos da idade de Marta actúan do xeito que ela o conta? Entón, de que nos asustamos? Non, algo vimos facendo mal desde hai tempo, e simplemente parece molestarnos que se saiba ou no lo lembren. Desde tódalas frontes, a da lingua incluída, seguimos proxectando imaxes virtuais e falsas do País, e cando alguén, aínda que sexa dun xeito tan inocente coma Marta, se atreve a desvelar calquera aspecto da crúa realidade, cargamos todos contra el... Pobres de nós!

Pero, dito todo iso, recoñezo que Marta demostrou ignorancia sobre o uso do galego en Galicia. Cando afirma, por exemplo, que nas cidades o galego soamente o falan os nacionalistas: é mentira. Hai moitos galegos que non son nacionalistas e o falan. E eu tamén coñezo declarados nacionalistas que non o falan máis que cando lles convén, que ven a ser peor ca se non o falasen nunca. Vale.

4 comentarios:

Anónimo dijo...

Estou plenamente de acordo co que di JEANFRUJO

Pepiño Grilo dijo...

Cada pao que aguante a súa vela!!!, que non ten pouco traballo esta rapaza estando en GH como para estar agora preocupados todos nos por o que poida ou non poida opinar.
Veña, .. a culpa xa é vosa e me dades a dimesión precisa para saber onde andades.
Por qué non vos preocupades de ver algunhas cousas da TVG en vez de ver estas "caralladas que levan a ningures....

Anónimo dijo...

Eu non vin o vídeo, pero cando leín o caso na prensa, pensei algo semellante ao que opina Frutos. Está claro que o que di esta rapaza é indicativo do que pensa unha parte da mocidade galega encol da língua. Aínda que non sei que porcentaxe desa mocidade.
Francisco

Jeanfrujo dijo...

Para ver o vídeo basta darlle ó enlace que aparece no “post”. Eu creo que paga a pena dedicarlle eses oito minutos que dura. E do que pensa a mocidade, teño que dicirche, Francisco, que, de momento, non se pode saber. Poderase saber o que din que pensan, ou o que deducimos que pensan, pero non o que pensan. Xa sabes que a linguaxe é unha das mellores maneiras de ocultar o que realmente se pensa. E niso os galegos somos mestres. Por iso fallan tanto as enquisas neste País.