jueves, 7 de mayo de 2015

Nubes


Viaxaba no meu coche de Vigo ó Carballiño. Era a tardiña. E pensei nun verso de Proust: «Xa está o monte sombrío, pero azul sigue o ceo». Porque o verso definía á perfección a luz daquela hora. Era esa hora na que o sol vai declinando  e apenas ilumina o cume das montañas; a mellor para contemplar o espectáculo das nubes no ceo, un dos máis fermosos que nos brinda a natureza. O coche, ademais, constitúe un espazo ideal para desfrutar dese espectáculo; posúe unha maxia semellante á da sala de cine, onde un, sentado nunha cómoda butaca, con música de fondo e inmune ás inclemencias do exterior, vai vendo como pasa unha película. E a película que pasaban no ceo esa tarde foi marabillosa: formas fantásticas e luminosas, púrpuras incandescencias, escuras tebras, castelos inexpugnables, illas voantes… Puro arte.
Non obstante, para a maioría dos autores natureza e arte parecen ser categorías excluíntes, a pesar de que un dos conceptos máis clásicos de arte foi consideralo como unha imitación da natureza. Tal maioría considera que a natureza estaría representada polo natural, mentres o arte formaría parte do artificial, con orixe e proceso exclusivamente humano. Pero cada vez son máis os que consideran que carece de sentido separar o humano do natural, os que ven o arte como unha parte máis da natureza, e á natureza en xeral como creadora de arte. Tolstoi dicía que o arte era aquel medio de comunicación entre homes capaz de transmitir sentimentos e emocións. E a min gústame moito esa definición, pero quitaría o de “entre homes”, porque a natureza tamén nos transmite sentimentos e emocións: a contemplación do mar, a das montañas, a das flores; o son do vento, o murmullo da chuvia; mirar para o ceo, ver as nubes pasar... Si, na natureza podemos descubrir unha chea de obras de arte que non foron perfeccionadas polos homes. Por iso resulta tan frecuente atopar persoas con gran sensibilidade artística no mundo rural, aínda que nunca pisaran un museo; unha  consecuencia directa do seu contacto íntimo coa natureza.
As nubes sempre exerceron un importante magnetismo sobre os homes, o que as converteu en obxecto artístico de primeira categoría. E sobre as razóns dese magnetismo indagaba Azorín nun dos cadros literarios de Castilla (1912): «Las nubes son –como el mar- siempre varias y siempre las mismas. Sentimos mirándolas cómo nuestro ser y todas las cosas corren hacia la nada, en tanto ellas –tan fugitivas- permanecen eternas […]. Las nubes nos ofrecen el espectáculo de la vida. La existencia, ¿qué es sino un juego de nubes?»; «Las nubes son una imagen del Tiempo». E Borges escribiría setenta anos máis tarde: «No habrá una sóla cosa que no sea una nube […]. Somos los que se van. La numerosa nube que se deshace en el poniente es nuestra imagen»… Si, queridos amigos; sentarse e ver pasar as nubes, observar como, grandes e pequenas, brillantes e escuras, nun instante se forman e nun instante desaparecen: que exercicio máis recomendable para todos, especialmente para os cobizosos, para os triunfadores, para os que agora soñan con exercer algún tipo de poder sobre os demais…
Pero, por encima de todo, as nubes son fermosas, e, en consecuencia, dignas de ser amadas… Cando ó enigmático estranxeiro de Baudelaire, que non tiña pai, nin nai, nin irmáns, nin amigos, nin patria, lle preguntaron que era o que máis amaba, el respondeu: «¡Amo as nubes…, as nubes que pasan… ó lonxe… as marabillosas nubes!».

Artigo publicado no diario La Región o sábado 2 de maio do 2015

Fotografía de http://www.galiciaenfotos.com/orense-skyline/