jueves, 21 de mayo de 2015

18.000 moios de viño

O dato que chamou a miña atención aparecía neste periódico o pasado día 5, na sección “Historia en 4 tiempos”: En 1965, o concello de Beade producía 18.000 moios de viño, é dicir, 23.760 Hl; se o prefiren en quilos de uvas, 3.5 millóns. Unha simple operación, considerando que a superficie do viñedo de Beade representaba daquela arredor do 7,5% do total da D.O. Ribeiro –unhas 5000 Ha por entón-, lévanos a unha producción para a comarca duns 47 millóns de quilos, uns 325.000 Hl de viño. 
Uns anos antes, en 1958, don Albino Núñez sorprendíase, desde estas mesmas páxinas, de que a provincia de Ourense, con 160 millóns de quilos, fose a sexta en producción de viño de toda España, por diante de Navarra, Albacete, Logroño ou Valencia, «tan renombradas por el cultivo del vino». E concluía, que se Ourense ocupaba ese posto destacadísimo era «tanto por cantidad como por calidad. La cantidad permite inferir la calidad, por la sencilla razón de que si nuestros vinos no tuvieran buena aceptación y fácil salida, no serían remunerativos». Razón incontestable.
Non obstante, pasados cincuenta anos, resulta curioso como o relato histórico que se conta é o de que, desde a posguerra ata a renovación dos últimos tempos, o Ribeiro viviu unha especie de época escura, con viños de baixa calidade e difícil venda, e que foron estes renovadores de última hora os que sacaron ó Ribeiro do pozo no que se atopaba, situándoo nunha especie de nova idade de ouro. Vexamos: no ano 1990, ó inicio da reestruturación do sector, o Ribeiro aínda comercializaba 220.000 Hl de viño. Vintecinco anos máis tarde, despois da tan cacarexada transformación, o Ribeiro vende 78.222 Hl -datos da campaña 2012/13-, e apenas exporta o 8%. Mentres, no mesmo intervalo, a efectos de comparación, a D. O. Rías Baixas pasou de 31.520 a 177.786 Hl, e exportan o 30%: nós caemos un 65% e  eles subiron un 564%.  Polo tanto, nin o relato histórico que se conta é verídico, nin a situación actual convida a presumir.
Pero, como escribía unha vez Félix de Azúa, «la degradación sólo es visible para quien conoció el pasado»; e unha boa parte dos fabuladores do novo relato descoñéceno. Bastaría con que soubesen que as terras do Ribeiro foron a base sustentadora do milagre demográfico desta comarca, con densidades de poboación descoñecidas no resto de Galicia, desde a Idade Media ata cerca dos anos oitenta; que foron das que máis aguantaron cando a obsolescencia das diversas estruturas do país, agrícolas e industriais, imposibilitaron a súa continuidade; e que por iso, no ciclo migratorio da segunda metade do pasado século, foi o Ribeiro unha das comarcas con emigración máis tardía, porque a terra aínda daba e aínda se pagaba. Logo, por falta de políticas axeitadas e mal uso dos fondos destinados á modernización, a comarca colapsou, como antes colapsaran outras. E aí están as previsións demográficas: as peores de Galicia. E aí están as nosas aldeas: sen xente e coa maioría das terras ermas, algo descoñecido no Ribeiro desde a Idade Media. E aí está a nosa capitalidade: no estado decadente que calquera comproba ó visitala. E todo isto, tan doloroso, salta á vista, máis alá das propagandas, dos delirios de grandeza e das honrosas excepcións.
Cando, nos anos setenta, traía a algún amigo do País Vasco a coñecer o Ribeiro, todos se admiraban destas paisaxes únicas e do ben traballadas que estaban as terras. Esta Semana Santa estiveron uns de Navarra, e sorprendíanse, en Leiro, en Ribadavia, das poucas viñas que quedaban e da decadencia dos pobos; soamente Beade lles pareceu que mantiña a paisaxe vitícola. Porque, por moito que digan, que é hoxe o Ribeiro comparado co que foi? ....Apenas nada: «Unha viña acá, e outra acolá. O resto é soedá».

Artigo publicado no diario La Región o venres 15 de maio do 2015

No hay comentarios: