miércoles, 1 de julio de 2015

As dúas Españas

Non existe metáfora máis productiva na historia contemporánea de España cá das dúas Españas. Si, a dos versos de Machado: «Españolito que vienes/ al mundo te guarde Dios./ Una de las dos Españas/ ha de helarte el corazón.». Son tan coñecidos eses versos que hai quen pensa que foi Machado o creador da metáfora. Pero non, o relato xa viña de vello: da división política que se producira trala Guerra da Independencia, co regreso de Fernando VII e a súa persecución implacable dos liberais, causa principal da ruptura política do país en dous bandos antagónicos, un tradicional e católico e outro liberal e progresista. Juan Van Halem, un militar liberal represaliado, xa escribía en 1826: «existen dos Españas que solo un gobierno equitativo podría reconciliar». Logo serían Larra, Balmes, Blasco Ibáñez, os que falarían das dúas Españas, antes ca Machado e os outros representantes da Xeración do 98, que foron os que popularizaron a metáfora. De tódolos xeitos, foi Ortega quen máis contribuíu á súa incorporación ó relato metahistórico: «dos Españas, señores, están trabadas en una lucha incesante...». A Guerra Civil sería para moitos a confirmación tráxica  do acertado da metáfora. Pero chegou a Transición, e con ela un novo relato: o da “reconciliación nacional”, un relato ilusionante que parecía ter soterrado o máis tráxico das “dúas Españas”. Non obstante, unha metáfora nunca se pode dar por morta. 
Coa crise foron bastantes os que recuperaron o relato das dúas Españas. Pero é unha equivocación entender unha metáfora coma unha lei inquebrantable: a fórmula pode ser a mesma, pero a realidade é cambiante, e, en consecuencia, a interpretación tamén. Non, xa non existen as dúas Españas de Larra, nin as de Machado, nin as de Ortega; tampouco creo que exista unha España de esquerdas e outra de dereitas, nin unha de nacionalistas e outra de antinacionalistas; nin, como se acaba de ver, unha do PP e outra do PSOE, nin sequera unha do Madrid e outra do Barça… Podemos seguir usando a fórmula, si, pero entendendo que estamos nun contexto totalmente diferente  e que tal uso sempre implica a simplificación dunha realidade máis complexa. 
Con todas esas prevencións, eu si aplicaría a mesma metáfora a dúas Españas que foron emerxendo nos últimos anos. Trataríase da dos achegados ós partidos con poder por unha banda, e da do conxunto do resto dos españois por outra. Os cidadáns da primeira, como cargos de partido ou como “amigantes” –lúcido neoloxismo acuñado recentemente por E. Lledó-, foron os que ata agora gozaron de todo tipo de beneficios: en forma de traballos e cargos para eles e para os seus; en forma de pagas e pensións de diverso tipo; en forma de subvencións ou exencións de pago en actividades varias; en forma de vantaxes ou privilexios dos que carecen os outros, etc., etc. Os da segunda son os que se limitan a pagar os impostos, reciben tarde e mal, e ás veces nunca, as poucas prestacións que lles corresponden, e ata se dan por satisfeitos cando non se senten perseguidos; porque en España a lei nunca deixou de verse como instrumento de castigo para os pouco afectos… E isto obsérvase moi ben nos concellos, e cánto máis pequenos mellor…Por iso sabemos tanto destas cousas os galegos.
As novas corporacións veñen de tomar posesión no medio dun ambiente ilusionado e rexenerador. Traen moitos proxectos, pero non se deberían de esquecer da obriga fundamental: soterrar á maior brevidade o monstro de tres cabezas –clientelismo, nepotismo e sectarismo- que levaba anos alimentando a partitocracia. Porque esa era a verdadeira ameaza da democracia española.

Artigo publicado no diario La Región o venres 19 de xuño do 2015.
.