lunes, 20 de julio de 2015

Eloxio da nugalla


Nunca fagas hoxe
o que poidas deixar de facer mañá.
F. Pessoa 

Como resultado da secular combinación da ética cristiá coa capitalista, vivimos nunha sociedade que santifica o traballo e condena a nugalla. Por iso o traballo é considerado un dos dereitos sociais máis clásicos, mentres a preguiza é un dos sete pecados capitais. Pero non sempre foi así; moito antes, os filósofos gregos ensinaran a desprezar o traballo, por ser actividade degradante para o home libre e só propia de escravos; e algúns, coma Epicuro, ata predicaran a preguiza e o desapego como unha das mellores defensas contra calquera tipo de servidume. Despois acabouse impoñendo o de gañarse o pan coa suor da fronte; pero só na teoría, porque na práctica todo o que puido escaqueouse dos traballos suorentos, e os salarios sempre foron inversamente proporcionais ás suoracións.
Unha das primeiras voces que, diante da explotación dos traballadores, se alzou contra o dogma do traballo foi a de Paul Lafargue, xenro de Marx, quen publicaba en 1883 un provocador ensaio titulado O dereito á pereza, que comezaba cunha significativa  cita de Lessing: «Sexamos preguizosos en tódalas cousas, excepto no amar e no beber». Nel, criticaba a sacralización do traballo levada a cabo por curas, economistas e moralistas, á vez que desprezaba aquelas razas que sentían o traballo como necesidade orgánica, razas entre as que, por certo, citaba a dos galegos, xunto a auverneses, escoceses, pomeráns e chinos; e concluía que tódalas miserias individuais e sociais viñan da paixón polo traballo. Pero, ademais, xa avisaba dos perigos da sobreproducción e do paro, chegando a recomendar unha xornada de traballo de non máis de tres horas e unha dedicación plena ó gozo da vida no resto do día. Algo parecido proporía Bertrand Russell, en 1932, no seu famoso Eloxio da ociosidade. Pero despois dos fogos artificiais da II Guerra Mundial, dos millóns de mortos e dos desequilibrios nos mercados de traballo, melloraron as condicións dos traballadores e esquecéronse aquelas advertencias de Lafargue e de Russell sobre a escaseza do traballo nunha sociedade moi mecanizada. 
Non obstante, agora xa non estamos lonxe de que a maioría dos bens sexan producidos polas máquinas, con só calcar un botón; o que confirmaría as pesimistas previsións de Lafargue e de Russell arredor da sobreproducción e do paro. E só hai unha resposta socialmente aceptable para todo isto: á volta ó clásico eloxio da nugalla. Porque potenciar o espírito traballador nunha sociedade onde falta o traballo é coma recomendar comer moito nunha sociedade famenta. Pero hai que saber que os que se fixeron coas máquinas –tamén coas da propaganda- e acumulan os beneficios, utilizarán tódolos medios para opoñerse a estas ideas; por exemplo, chamándolle traballo ó que non é máis ca escravitude… E esta será a loita do futuro inmediato.
Non; estamos nunha época en que, por xustiza social, os “moi traballadores” deberían ser perseguidos por lei, como antes o foran os vagos; entendendo por “moi traballadores” os que acumulan ou pretende acumular traballo retribuído, que é un ben escaso; porque nada hai que opoñer ós que se divirten rozando montes, investigando xenealoxías ou cultivando o seu xardín, cando o fan á súa conta.…Estamos en tempo de vacacións, cando mellor podemos dispoñer do tempo propio, que niso consiste a liberdade. Pero, máis obsesionados polo ter ca polo ser, non é raro que apliquemos a mesma lóxica do traballo e do consumo a este tempo tan valioso, a este kairós. Eu lembraríalles unhas reflexións de Pessoa; cando di que perder o tempo tamén comporta unha estética, e cando insinúa que só temos de verdade aquilo do que nos privamos: porque só así se pode conservar tal como foi soñado, intacto e puro… Felices vacacións. 

Artigo publicado no diario La Región o venres 17 de xullo do 2015.