sábado, 3 de octubre de 2015

Cortar e pegar


A semana pasada, a pesar do barullo catalán, puiden escoitar dúas queixas claras, xustificadas e moi relacionadas entre si: a primeira, a dos pais de alumnos polos excesivos deberes que levan os seus fillos á casa; a segunda, a do equipo de estratexias de competencia da OCDE  cando constata que as altas taxas de paro xuvenil e de abandono escolar sitúan a España á cola de Europa en expectativas de traballo para os mozos. E  xa teño escrito nesta columna sobre tales cuestións. Pero un non debe temer repetir o que considera importante; ó contrario, como dicía Proust: «hai que repetir, porque son poucos os que queren escoitar».

En concreto, na columna do 24 de outubro do 2013 cualificaba o noso sistema educativo pre-LOMCE de «malo e caro… dos máis esixentes, con alumnos saturados de traballo e familias estresadas polas obrigas escolares», pero dubidaba que a autotitulada Lei de Mellora Educativa (LOMCE), que daquela se tramitaba, fose a solución. Máis ben considerábaa un problema engadido, por non atacar os verdadeiros defectos do modelo e por perseguir fins estritamente ideolóxicos, que en nada contribuirían a xerar o clima de consenso e ilusión que desde hai tempo vén precisando o mundo do ensino en España.  E no artigo do 21 de setembro do 2014 criticaba o excesivo número de exames ó que se tiñan que enfrontar os alumnos, o que nos levaba a ter «un dos sistemas máis esixentes e de maior fracaso escolar de Europa, que ademais xera moita angustia nas familias. Encima con resultados mediocres». E o tema dos mozos como os maiores damnificados da crise sistémica que vive este país coido que é un dos máis presentes nos meus artigos; e se tivese que escoller un fragmento significativo, escollería un da columna do 16 de setembro do 2013: «Habería que dilatar o presente, e nas aulas antes ca en ningún sitio… situar ós novos no tempo presente sería tarefa de gran urxencia». Porque nas nosas aulas, resulta doloroso dicilo, a pesar dos moitos ordenadores e das flamantes pizarras dixitais, vívese en gran medida no tempo pasado, cando non nun tempo confuso.

E que vén a solucionar a LOMCE? Nada, só complica algo máis todo! Basta ver as presas, as improvisacións e os desaxustes na súa implantación. Pero os verdadeiros males son máis de fondo. Explícome: a LOMCE é unha lei feita de presa e correndo, para cumprir cuns  obxectivos políticos no curto prazo e de paso empurrar o sistema cara o modelo neoliberal, privatizador, individualista e competitivo, vixente nos EE. UU., pero raro nos países europeos. E para vendela mellor someteuse a un vernizado europeizante: abrazando o común sistema de avaliacións externas cunha paixón de conversos; tratando de acercarse ó sistema de “planing” diario de traballo que funciona en sistemas coma o finlandés –pero no que practicamente non hai exames nin deberes-; e todo sen renunciar ó noso currículo tradicional –dos máis esixentes de Europa- nin revolucionar os horarios. E que saíu? Pois, o que tiña que saír: un remendo mal botado. A min lémbrame eses traballos que fan os alumnos sobre os temas máis peregrinos, de presa e correndo, para saír do apuro, co denominado método de “cortar e pegar”, que consiste nunha busca rápida en internet, un copio por aquí, un corto por alá e un pego por acolá… Pero, alguén medianamente serio cree que con iso se poden «mellorar as competencias dos alumnos do ensino obrigatorio», que é o primeiro que lle pide o grupo de expertos da OCDE a España para que aumenten as expectativas de traballo da xente moza?


Artigo publicado no diario La Región o venres 2 de outubro do 2015