sábado, 26 de septiembre de 2015

A decadencia de España



Á pregunta sobre que pasaría ó día seguinte dunha suposta declaración unilateral de independencia por parte de Cataluña, os políticos secesionistas insisten en contestar que non pasaría nada, máis alá do inicio dunhas pacíficas negociacións que levarían á formación do novo estado catalán; mentres, todos os contrarios, aterrorizados por ese buraco negro, suxiren non poñerse en tal tesitura antes da celebración das eleccións do 27-S, confiando en que os independentistas non acaden a maioría. Por desgraza,  a realidade poucas veces se acomoda cos desexos, e nin resulta improbable que os independentistas gañen as eleccións, nin que as pacíficas negociacións que estes imaxinan nunca se celebren; polo que a poucos sorprendería que se producise o tan temido “choque de trens”. Nese senso, os precedentes non axudan, porque falamos de dous convois que xa teñen chocado de xeito estrepitoso en tres ocasións, a saber: 1640, 1714 e 1934. E, aínda que poucos queiran mentalo, nos choques de trens sempre hai vítimas. 

Convén saber, por tanto, que o problema de fondo ó que se enfronta España co desafío catalán non é novo. Pérdese no tempo da súa propia existencia como Estado e está relacionado cun mal crónico: a nunca resolta vertebración dos seus distintos territorios. E aquí a lectura atenta de Ortega, en concreto da “España Invertebrada” e dos discursos sobre o Estatuto Catalán na II República, resulta imprescindible. Porque, coas súas luces e coas súas sombras, Ortega segue a ser a mente que de xeito máis lúcido se ocupou deste problema e da súa relación coa idea de España e coa súa continuada decadencia. Pero claro, os políticos actuais non destacan pola afección á lectura, e moito menos de  Ortega, que nunca foi santo de devoción nin dos nacionalistas españois nin dos nacionalistas periféricos, e moito menos da esquerda. 

Dicía Ortega que o caso catalán era un caso típico de “nacionalismo particularista”,  «tendencia sumamente clara, que se apodera de un pueblo o colectividad y le hace desear ardientemente vivir aparte de los demás pueblos o colectividades». E apuntaba: «los nacionalismos sólo pueden deprimirse cuando se envuelvan en un gran movimiento ascensional de todo un país, cuando se crea un gran Estado, en el que van bien las cosas… Un Estado en decadencia fomenta los nacionalismos.». Pero lonxe de botarlle a culpa ós cataláns e ós vascos, Ortega poñía o punto de mira no poder central, ó que culpaba de querer castelanizar España e de fomentar, xeración tras xeración, o que el chamaba “selección inversa” da raza española, que consistía en preferir sempre «los tontos a los inteligentes y los envilecidos a los irreprochables» e en aproveitarse da inmensa forza do Estado para fins exclusivamente privados, en detrimento do interese público: igualico, igualico...!

E houbo algo desa forza ascensional da que falaba Ortega na Transición, pero a corrupción, a crise, as políticas inxustas e o traballo de minado dos nacionalistas, acabaron por neutralizala. O ataque ós símbolos, o desprezo pola Monarquía, a posta en dúbida dos méritos da Transición ou a xeral mediocridade dos políticos españois non son máis ca síntomas dun máximo de decadencia da idea de España. Basta con ver como un oscarizado director de cine, cebado polo Estado con millóns de euros, saídos en gran parte dos petos de españois que hoxe se debaten na pobreza, se atreve a dicir en público, ó recibir un premio nacional, que el non se sentiu español nin cinco minutos da súa vida... Menos mal que aínda nos queda Gasol.

Artigo publicado no diario La Región o venres 25 de setembro do 2015