lunes, 7 de marzo de 2016

"Gratos" e "non gratos"

  A declaración de “persona non grata” contémplase no dereito internacional; nese contexto, a persoa afectada enfróntase, dentro do Estado que a reproba, á perda dos seus “privilexios”, entre eles o da inmunidade xurisdicional. Non obstante, fóra dese ámbito non está regulada esta figura, a pesar de que en España, país moi dado á persecución de compatriotas, se realicen actuacións administrativas nese sentido. E isto último foi o que lle sucedeu a Rajoy, declarado “persona non grata” en Pontevedra, a súa cidade de adopción. A noticia fixo correr ríos de tinta e xerou múltiples controversias, o que resulta lóxico, porque pode ser analizada desde diversos e contradictorios puntos de vista.
   Deberíamos comezar lembrando a razón pola que o pleno do concello de Pontevedra votou tal declaración. Non foi outra cá prórroga de sesenta anos concedida polo goberno de Rajoy ás actividades de ENCE na Ría. A decisión é de tal calado que non parece cadrar ben coas que debería tomar un executivo en funcións; e que os máis críticos coa declaración apenas citen a causa deixa claro que mesmo eles aprecian certa anomalía na decisión; e moito máis se consideramos que o traslado de ENCE fora defendido por Feijóo nas campañas de 2009 e 2012.
   Non obstante, aínda aceptando a gravidade  da decisión do goberno de Rajoy, cabe preguntarse se iso xustifica unha declaración de “persona non grata”. Na miña opinión, non; fundamentalmente porque non creo que a función dos concellos sexa expedir títulos de persoas “non gratas”, e nin sequera de “gratas” (vía “fillos predilectos”, medallas de ouro, concesión de nomes de rúas, etc.), aínda que se diga que os efectos son meramente simbólicos. Os nefastos resultados de ámbalas dúas prácticas  na historia recente de España apoian esta postura, porque o tempo acabou demostrando como moitos dos “non gratos” eran inocentes e como non poucos dos “gratos” resultaron ser indignos de honras, cando non simples delincuentes…
   Agora ben, unha vez expresada esta opinión, hai que dicir que ata o propio Tribunal Constitucional, na súa Sentencia 185/1989, se ten pronunciado sobre esta cuestión, porque non é Rajoy o primeiro español declarado “persona non grata” por algún consistorio. E o máximo tribunal estima que tal declaración non pode considerarse atentatoria contra o honor do reprobado, soamente como un modo de expresar a corporación local o seu desagrado cunha decisión do interesado. Podemos estar en desacordo co criterio do Constitucional, pero iso é o que di.
  Con todo, hai dúas cousas que chaman a atención. A primeira, o gran alboroto que causou esta declaración; porque aquí xa temos asistido impertérritos a declaracións semellantes que afectaron ó mesmísimo Xefe do Estado: no concello de Berga (Barcelona) respecto do rei Juan Carlos en 2012, e no concello de Breda (Xirona) respecto do rei Felipe VI en xaneiro deste mesmo ano; imaxinan vostedes a un concello do Reino Unido declarando á súa Raíña “persona non grata”?... A segunda, o comportamento do PP; agora pon o grito no ceo cando declaran a Rajoy “persona non grata” en Pontevedra, pero antes apoiou cheo de razón declaracións idénticas contra Ernest Lluch en Marbella (1989), contra Zapatero en Fene (2010) -co apoio do BNG-, contra Joaquín Almunia en Vigo (2013) -co apoio do PSOE (!) e do BNG-... Poden parecer asuntos menores, pero para min son claros síntomas da tradicional intolerancia entre españois que tan tráxica ten resultado en períodos de afección aguda.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 6 de marzo do 2016.