jueves, 31 de marzo de 2016

Do cine e dos soños


Escribo recén estreada a primavera. O día aparece fermoso e soleado; os paxariños alegran con infinitos rechouchíos as ribeiras do Arenteiro; as claudieiras e os prexegueiros poñen notas de cor nas paisaxes coas súas copas floridas; fumegan os eidos onde se traballaron as primeiras sementeiras… E diante de toda esta beleza regalada un quixera esquecerse, alomenos por uns días, de todas as tribulacións que perturban a súa tranquilidade, sexan estas domésticas, locais, estatais ou universais. Así que non escribirei da nada diso e falarei do cine.
  Na miña infancia, nos anos sesenta, en Leiro existía o Cine Principal, ou Cine do Camba, polo apelido do propietario, un home bo e simpático que tamén exercía de agricultor a diario, de taberneiro ás noitiñas, e de xuíz de paz, sen soldo, cando era preceptivo. A Semana Santa era daquela a verdadeira semana do cine, porque a diferenza do resto do ano, en que só había sesións ós domingos, nestas datas habías xoves, venres, sábado e domingo. Eran os días das películas relixiosas – “Fray Escoba”, “Molokai”, “Marcelino, pan y vino”…-, pero tamén das de terror, xénero no que as mexicanas en branco e negro do “Santo: El Enmascarado de Plata” eran as que máis éxito tiñan. Logo, o resto dos domingos, nunca fallábamos á sesión das catro, reclamados polos altavoces exteriores que a todo volume repetían cancións dos Bravos –“Black is black”, “Bring a little lovin´”- e rancheiras de Antonio Aguilar – “Tu retratito”, “Sonaron cuatro balazos”-. En xeral,  as películas, a maioría westerns, igual cós NODOs, chegaban a Leiro con bastante atraso, e os que se ían facendo mozos e tiñan bicicleta desprazábanse a Ribadavia ou ó Carballiño –había tres cines en cada vila- para ver os filmes máis recentes. O resto tiñamos que contentarnos coas estreas de setembro, nas festas de Ribadavia e do Carballiño, festas nas que había anos que se vían ata tres películas no mesmo día, unha en cada cine.  Algún gran título dos sesenta, coma “55 días en Pekín” ou “La caída del Imperio Romano”, nunca chegaron a Leiro, pero eu e os meus amigos sabiámolas enteiriñas grazas os relatos que debaixo das solainas de San Clodio nos contaba o Suso da Petanasa, que subía tódolos domingos en bicicleta ó cine ó Carballiño: «Suso, cóntanos outra vez “55 días en Pekín”»… E alí estabamos todos caladiños escoitando ó Suso e imaxinando a valentía de Charlton Heston e a fermosura de Ava Gadner… Resulta sorprendente e marabillosa esa necesidade innata que temos os  humanos de que nos conten historias.
  O domingo pasado estiven no cine en Leiro, no Novocine, ou Cine do Ernesto. Abriu hai trinta e tantos anos, uns dez despois de que pechara o Camba, con quen comezara o Ernesto a súa carreira de axudante de maquinista, sendo apenas un neno, coma o Totó de “Cinema Paradiso”. Despois foi maquinista titular en cines da empresa Fraga, en Vigo, e logo regresou para cumprir o seu soño: volver abrir un cine en Leiro. Cando veu era xusto a época na que os cines pechaban en tódolos lados, e poucos lle auguraban moita vida á súa empresa. E se el só pensase no diñeiro, no único que se pensa agora, o seu cine houbera pechado ó pouco de abrir. Pero o caso é que ultimamente, coas estreas case simultáneas, asiste moita xente ó cine de Leiro. O domingo, mentres el recollía as entradas e falabamos dos vellos tempos, foron pasando por diante cantidade de amigos e coñecidos do Carballiño e de Ribadavia –sen cines desde hai anos- que agora veñen con gusto ó cine de Leiro. Quen nolo ía dicir hai algún tempo!... Pois todo é grazas ó Ernesto, un exemplo vivo deses homes que tanto alababa Emerson: aqueles que nunca abandonan o camiño dos seus soños.

Artigo publicado no diario La Región o domingo 27 de marzo do 2016.